Na Coruña seguen a moderarse as cifras tanto de novos casos como de atención hospitalaria mentres en toda Galicia xa son 1.623 os casos activos
Os datos oficiais da Xunta sobre o coronavirus facilitados este mércores, como sempre referidos ao día anterior, informan da realización de 3.187 probas PCR en toda Galicia, a cifra máis alta desde o 12 de xullo. Rexístrase tras dous días con cifras de probas por baixo das dúas mil, pero ao tempo que o Sergas vén de iniciar cribados xerais de grupos de risco en varios concellos con brotes, como na Coruña ou Melide. Só na área da Coruña a cifra de probas PCR no último día foi de 985.
A cifra de probas PCR da última xornada, 3.187, é a máis alta desde o 12 de xullo, e só na área da Coruña realizáronse 985 delas
Nesta última xornada o número de novos casos comunicados aumenta novamente ata 150 en toda Galicia, para un total de 1.623 casos activos, pero os novos casos non teñen por que ter relación aínda co aumento de probas PCR xa que entre eles pode haber casos de días anteriores para os que o resultado se obtén agora ou de probas distintas das PCR, e mesmo pode haber persoas xa curadas. O Sergas segue sen facilitar unha serie completa das súas cifras que permita distribuír no tempo os casos, mesmo con posteriores correccións e axustes como fai o ministerio.
No caso do brote da Coruña, as cifras seguen a moderarse, con 51 novos casos comunicados na última xornada, case a metade do pico de 97 que se comunicou o sábado. O total de persoas co virus activo ascende a 960 na área coruñesa, pero canto á gravidade tamén se estabilizan os números, cun novo descenso na hospitalización ata os 42 casos en planta e 4 en UCI, fronte aos 43 casos en planta comunicados o martes e o pico de 44 do luns.
Nos centros sociosanitarios seguen a rexistrarse os mesmos 11 casos entre residentes de Orpea en Culleredo e aparece un novo caso no Incio entre o persoal, ata un total de 6 en toda Galicia
No global de Galicia, cun total de 1.623 casos activos, só hai outra persoa máis en UCI ademais das catro rexistradas na Coruña e outras 13 persoas en hospitalización ordinaria, ata un total de 55. Canto ás residencias, o principal problema segue a ser o centro Orpea de Culleredo, pero coas mesmas cifras que o día anterior: 11 residentes e 2 traballadores con virus. Non hai máis casos entre persoas residentes no resto de Galicia mentres que entre o persoal dos centros aparece un novo caso no Incio, para un total de 6 en toda Galicia.
Nas áreas sanitarias, Ourense é a segunda con máis casos activos (os seus 145 adiantan os 138 de Vigo, que se estabiliza) e tamén a segunda en incidencia por 100.000 habitantes
Canto ás áreas sanitarias, máis alá da situación na da Coruña segue a ser a de Ourense a que presenta peores cifras, con 145 casos activos, adiantando así os 138 de Vigo, que leva varios días estabilizada. Ourense tamén é a segunda área sanitaria de Galicia tras A Coruña na incidencia de casos activos por 100.000 habitantes, con 47,5.
A área mellor situada canto á incidencia é a de Santiago, con 20 casos por 100.000 habitantes, lonxe da media galega de 60 que en grande medida débese á cifra disparada de 174 da área da Coruña.