O primeiro acordo político de relevancia na undécima lexislatura galega é a tres bandas e sen excesiva controversia previa. A Xunta de Portavoces -órgano no que están representadas as tres formacións que compoñen o lexislativo galego dende as últimas eleccións- do Parlamento acordou este martes por unanimidade a constitución dunha comisión que aborde as medidas para a reconstrución socioeconómica do país fronte á pandemia da COVID-19.
A comisión terá sete membros do PP, 3 do BNG e 2 do PSdeG; tras o acordo para creala, os grupos proporán comparecentes, calendario e asuntos a tratar
Trátase dun órgano que, con formulacións máis ou menos semellantes, contiñan todos os programas electorais das principais formacións políticas que concorreron aos comicios do pasado 12X. Cuestión diferentes son, non obstante, os contidos e propostas que sexan abordadas neste órgano, que terá a forma regulamentaria de comisión de estudo e para a que agora toca pactar calendario e lista de comparecentes, entre outros aspectos nos que, en última instancia, o PP poderá facer valer a súa maioría absoluta.
Alén da constitución, os conservadores teñen garantido o control da comisión por reproducir o xogo de maiorías do pleno. Estará composta por sete membros do PP, fronte a 3 do BNG e 2 do PSdeG. "Agora -di o voceiro popular, Pedro Puy- toca traballar e encher a comisión de contido para buscar saídas a esta crise a medio e longo prazo". Esta comisión chega notablemente máis tarde que a creada no Congreso dos Deputados, que xa finalizou os seus traballos, cun calendario que, no caso galego, estivo condicionado pola convocatoria electoral.
O acordo definitivo veu precedido de certos tirapuxas entre os grupos, finalmente resoltos no marco da Xunta de Portavoces
O acordo definitivo veu precedido de certos tirapuxas entre os grupos. O principal grupo da oposición, o BNG, rexistrou na xornada previa unha petición de seu para crear esta comisión co obxectivo de "axilizar" e concretar "a oferta de diálogo expresada por Feijóo na sesión de investidura", sinalou Ana Pontón. "Imos ter a man tendida para conseguir acordos que sexan beneficiosos, e iso esixe mudar as vellas receitas fracasadas", considerou a portavoz nacional do Bloque.
O PP amosouse molesto por que o BNG rexistrase a súa proposta e fixo o mesmo, se ben horas antes todo confluíu no acordo definitivo. O obxectivo non era outro que "axilizar" o proceso, sinalaba este martes a vicevoceira do Bloque, Olalla Rodil, porque "hai que poñerse mans á obra canto antes para erguer este país; non hai tempo que perder cando temos a milleiros de persoas sen emprego, que están en ERTE ou preocupadas pola situación sanitaria e educativa", sinala.
O BNG resalta que a súa intención foi "axilizar" a creación dunha comisión que o PP chama a "encher de contido" e que o PSdeG saúda que non sexa "monopolio de ningún grupo"
Tamén o Grupo Socialista aplaude que finalmente houbese acordo para crear a que se denominará Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia. Tamén saúdan que "fose a Mesa do Parlamento a que acordase constituír este órgano, que non é monopolio de ningún grupo", indica vicevoceiro do PSdeG, Pablo Arangüena, para quen é boa nova que "o amago de diverxencia fose finalmente reconducido". Agora, di, debe "prevalecer a vontade e o espírito construtivo", á "altura do momento excepcional derivado da pandemia".
Neste sentido, o secretario xeral da formación, Gonzalo Caballero, coida que Feijóo debe comezar por "involucrarse plenamente" en resolver os problemas que están a padecer os centros de ensino no inicio do curso. Colexios e institutos, denuncia, están a verse abocados a "resolver a inacción da Xunta".
Primeiro pleno ordinario, máis de sete meses despois
No primeiro pleno, o PP rexeitará a comisión de investigación sobre as residencias promovida polo Bloque
Alén da comisión de reconstrución, a Mesa da Cámara e a Xunta de Portavoces abordaron a orde do día do que será, os vindeiros días 22 e 23, o primeiro pleno ordinario do Parlamento sete meses despois, un período de inactividade ordinaria entre lexislaturas ineditamente prolongado por mor do adiamento, a causa da pandemia, das eleccións inicialmente convocadas para o 5 de abril.
Alén dos asuntos de trámite, ese primeiro pleno abordará unha comparecencia do agora vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e pola banda da oposición, BNG e PSdeG centrarán a súa atención na pandemia. Así, a primeira votación será a promovida polo Bloque para crear unha comisión de investigación sobre a xestión da COVID-19 nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, iniciativa que os socialistas apoiarán e que o PP xa adiantou que se dispón a rexeitar.