Pontón e Caballero critican a “retórica baleira” do candidato popular e as antigas promesas que reapareceron no seu discurso de investidura pero ofrecen “man tendida” na nova lexislatura
A oposición galega, conformada no Parlamento por BNG e PSdeG, salientou que o cuarto discurso de investidura do candidato popular Alberto Núñez Feijóo reflectiu unha ″retórica baleira″ que se reduciu a unha ″enumeración de anuncios″ que ″non son nada novo″. ″Nin ante a peor crise da última década é capaz de romper co seu guión tan previsible que é buscar titulares que nunca chegan a concretarse en nada″, incidiu a líder da oposición, a nacionalista Ana Pontón.
″Dicía antonte que botaba de menos que o Goberno central liderara a loita contra a COVID-19, eu dígolle hoxe que botamos de menos un presidente da Xunta que exerza como tal, que lidere o país ante a peor crise sanitaria e económica das últimas décadas. Póñase as pilas señor Feijóo!″, sentenciou Pontón. Na mesma liña na que se manifestou o portavoz dos socialistas, Gonzalo Caballero, que lle afeou a Feijóo a súa ″falla de credibilidade por todo o que estes 11 anos non cumpriu″ desde San Caetano. ″Non lle dá apuro que a súa palabra non teña ningún valor?″, agregou Pontón.
BNG e PSdeG reclaman unha investigación e un novo modelo para as residencias de maiores, as máis afectadas pola pandemia: ″Debémosllo a Galicia por dignidade″
A sanidade, ao igual que o martes no discurso inicial de Feijóo, protagonizou as críticas da oposición. Ambos portavoces criticaron a exposición triunfalista de Feijóo apuntando cara a unha xestión que converteu o Sergas ″na maior empresa de traballo temporal de Galicia″, diminuíndo o seu financiamento en ″2.000 millóns″ desde que chegou á Xunta.
″Canto vale a vida dunha persoa?″, interpelou Ana Pontón diante das cifras de falecementos da COVID-19. Un fío do que tamén tirou Gonzalo Caballero, que se referiu aos ″200 millóns de euros″ dos ″novos fondos″ que lle corresponden a Galicia na primeira partida estatal extraordinaria polo coronavirus, uns cartos que solicitou investir ″en reforzar os recursos humanos e os medios de saúde pública″ no Sergas.
Por outra banda, tanto BNG como PSdeG reclamaron un ″novo modelo″ para as residencias de maiores do país ao contabilizar que a metade dos falecementos provocados polo coronavirus corresponde a este sector da poboación. Ana Pontón, que solicitou a ″intervención″ de todas as residencias privadas, lembrou que o seu grupo levará ao primeiro pleno do Parlamento unha comisión de investigación sobre a xestión das residencias, tamén reclamada desde o PSdeG, e preguntouse polos ″intereses escuros″ que o PP ten neste sector. De feito, Gonzalo Caballero insistiu en que Feijóo ten que comprometerse a ″respaldar″ esa comisión ″para saber o que ocorreu nas residencias″. ″Debémosllo a Galicia por dignidade″, aseverou.
″Galicia necesita máis poder político para darlle respostas á Galicia do século XXI e á Galicia da COVID-19″, di Pontón
Pontón e Caballero criticaron a ″improvisación″ da Xunta a respecto da volta ás aulas. ″Necesitamos unha Xunta que exerza as súas competencias″, afirmou Caballero co Estatuto de Autonomía da man. A nacionalista apostou ademais pola activación da comisión mixta de transferencias e a constitución dunha ponencia ″para falar entre todos e todas″ sobre un ″novo marco institucional″ para que o país consiga ″un novo estatus″. ″Galicia necesita máis poder político para darlle respostas á Galicia do século XXI e á Galicia da COVID-19″.
Neste punto, o portavoz do grupo popular na Cámara, Pedro Puy, abundou en que o programa presentado por Feijóo é ″fondamente acaído″ e que o presidente en funcións ″atendeu ás recomendacións dos expertos sanitarios″. Así mesmo, insistiu en que ″vivimos nunha sociedade que comparte problemas″ e na ″necesidade de cogobernanza″ entre as Administracións ″porque a vulnerabilidade é compartida″.
Caballero pediu co Estatuto na man que Feijóo exerza as competencias que ten en Educación e citou a Carvalho Calero ao ofrecerlle colaboración: ″esperamos contra toda esperanza″
A respecto da comisión de reactivación comprometida por Feijóo no seu discurso de investidura, tanto nacionalistas como socialistas coinciden en que falta ″concreción″ para que non fique ″nun anuncio baleiro″. ″Non hai medidas nin orientación, por iso é necesaria esa comisión para a reconstrución económica e social do país″, dixo Caballero, para engadir: ″anunciou en campaña que se ían crear 15.000 prazas de emprego público e non sei se foi unha noticia fake porque no seu discurso non as mencionou″. Para Pontón sería máis efectiva unha ″mesa onde estea o conxunto da sociedade galega″ para non chegar a acordos ″encorsetados″.
Con todo, tanto Pontón como Caballero comprometéronse a manter a ″man tendida″ durante toda a lexislatura. A portavoz nacionalista concretou que a súa será unha ″oposición crítica pero propositiva, de rigoroso control ao Goberno pero de man tendida porque son tempos de sumar″. ″Imos pór o mellor de nós mesmos″, asegurou o portavoz socialista, quen, en palabras de Ricardo Carvalho Calero, sostivo: ″esperamos contra toda esperanza″. ″Se algunha das miñas verbas pode entenderse como un exercicio de tensión, que non sexa así; a nosa vontade é contribuír″, concedeu Caballero.
A oposición tamén criticou o control político dos medios de comunicación públicos
Os medios públicos galegos tamén apareceron na segunda parte da sesión de investidura da man da oposición. ″Pedímoslle moderación no uso da CRTVG como o seu particular gabinete de propaganda″, dixo Pontón, quen solicitou que o ″novo director ou directora″ do ente público sexa elixido ″por un amplo consenso″ e ″non estea nomeado polo PP. ″Nesta lexislatura as cousas teñen que cambiar″, reflexionou Caballero, que se referiu ás profesionais da televisión e da radio agrupadas no colectivo Defende a Galega, que leva máis de dous anos denunciando o seu ″uso partidista″.