Caballero promete "diálogo para encher de contidos o discurso baleiro" de Feijóo

Gonzalo Caballero valorando o discurso de investidura de FeijóoGonzalo Caballero valorando o discurso de investidura de Feijóo © PSdeG

O portavoz do PSdeG salienta a "deixadez" do candidato á reelección, cun discurso "sen propostas concretas" para afrontar os "grandes retos" inmediatos coa COVID-19 e na lexislatura

"Atopamos un candidato á Presidencia da Xunta que fai unha deixadez no seu deber de ter medidas, liñas de acción, tamén empuxe e ilusión, ante unha situación tan complexa que necesita da empatía de quen vai presidir o Goberno de Galicia cunha cidadanía que está preocupada, desorientada, temerosa, e que despois da súa intervención de hoxe non encontrou ningunha resposta para ver que hai futuro impulsado desde o Goberno da Xunta de Galicia".

Gonzalo Caballero, portavoz do PSdeG, valorou que o cuarto discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo transcorreu "sen grandes liñas estratéxicas, nin propostas concretas, para afrontar os grandes retos que temos ante a COVID-19 nestes intres", mais tampouco sobre "como imos afrontar os catro anos de lexislatura". Así mesmo, manifestou que coincide "na necesidade dos acordos, do diálogo para encher de contidos o discurso baleiro do candidato á Presidencia".

Caballero tras o discurso de investidura de Feijóo CC-BY-SA Praza Pública

Caballero comprometeuse a realizar un labor de oposición "firme e esixente" e salientou que "o PP ten que rectificar as políticas de corte neoliberal e de recortes nos servizos públicos que empregou na anterior crise". O socialista referiuse á crise económica, social e sanitaria actual para indicar que "van vir meses e anos de moita complexidade", polo que o PSdeG considera que Galicia precisa "un proxecto de país" para esta lexislatura e un "plan económico de acción" cun "compromiso férreo cos servizos públicos".

Neste sentido, o líder do PSdeG mencionou "a sanidade pública, a educación pública e as políticas sociais cun impulso claro pola igualdade e a loita contra a discriminación". En definitiva, defendeu un plan que protexa "ás persoas máis vulnerables". "Despois de dúas horas de discurso, non temos ningún plan estratéxico que nos permita estar a todos máis tranquilos e confiados sobre como imos abordar estes tempos de tantas complexidades", sentenciou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.