A líder da oposición asegura que o candidato popular "non está pensando na Galicia do futuro" e fixo un "discurso baleiro" na sesión de investidura cun "paquete de medidas reiteradas"
"Nesta sesión de investidura vemos que non só imos ter que loitar contra o virus da Covid-19, imos ter que loitar contra o virus da posverdade como forma de entender o Goberno, contra o virus da rutina e da resignación en que está instalada a Xunta de Galicia e contra o virus dun Goberno que non ten ambición de país". A portavoz do BNG, Ana Pontón, asegurou que o de Alberto Núñez Feijóo foi un discurso de investidura "baleiro" e sen "alternativas de futuro".
Para a líder da oposición, o candidato popular demostrou este martes "que non está pensando na Galicia do futuro". "Veu cun paquete de medidas reiteradas que dan conta dos seus incumprimentos e foi incapaz de recoñecer nin un só erro na xestión desta crise", abundou. Así, defendeu que o grupo parlamentar do BNG e as súas 19 deputadas e deputados van "traballar non para confrontar co Goberno, senón coa mirada posta en como podemos axudar a poboación neste momento con ideas e alternativas".
Ana Pontón incidiu en que a situación actual "necesita acordos de país", e lembrou que o BNG leva desde marzo promulgándoos. "Agora vemos como o presidente da Xunta colle esa luva e imos traballar para erguer este país dunha crise tan importante", destacou. "Estamos vivindo un tempo diferente que require medidas diferentes e onde podemos facer desta crise unha grande oportunidade para Galicia se se toman as medidas estruturais que nos permitan reorientar o país".
Desta maneira, a portavoz nacionalista sinalou que Feijóo non explicou no seu discurso, aínda que fixo un repaso do impacto do coronavirus, "por que Galicia ten a peor taxa de rastrexos do Estado español, o 80% dos casos non se localizan e existe un perigo real en moitas zonas de transmisión comunitaria". Como tamén criticou que non se contratase máis profesorado para este curso escolar extraordinario. "Feijóo non actúa con claridade nin con diálogo. Está máis preocupado por ver a quen pode responsabilizar da súa inacción, que por garantir o dereito á educación con garantías sanitarias", aseverou.