Da demografía ao hospital de Verín: os principais problemas da pasada lexislatura volven como promesas no cuarto mandato de Feijóo

Mobilización en Verín hai medio ano contra a perda de servizos sanitarios que afonda na crise demográfica do rural CC-BY-NC-SA CIG

O candidato popular reitera a promesa dunha lei demográfica que non foi quen de aprobar en catro anos e tras querer pechar o paridoiro e as urxencias pediátricas da vila ourensá agora promete obras para “un novo servizo de urxencias e PAC”

Moito antes de que o coronavirus copase a axenda política, a pasada lexislatura comezou co propio Feijóo situando a demografía como principal problema de Galicia e encarreirou os seus últimos meses, antes de que aparecese a pandemia, co peche do paridoiro e das urxencias pediátricas do hospital de Verín como principal conflito político do seu Goberno. As dúas cuestións foron recuperadas este martes polo propio Feijóo no discurso da súa cuarta investidura, nos dous casos para evidenciar, a través de senllas promesas reiteradas, que seguen pendentes de resolver.

Escola infantil baleira nunha imaxe de arquivo © Xunta

Malia seguir sen estar aprobada catro anos despois de prometela, este martes Feijóo loubou a futura lei de demografía como "texto pioneiro" en España

O discurso deste martes de Feijóo, centrado na continxencia da xestión da crise do coronavirus e as críticas ao Goberno central, incluíu promesas de diversas medidas de futuro, boa parte delas xa anunciadas durante a pasada lexislatura pero nunca concretadas. Para afrontar o reto máis importante de Galicia, como o cualificou o popular no arranque da pasada lexislatura, o da demografía, anunciouse unha lei específica cuxa inconcreción foi mesmo xustificada polo propio Feijóo. Era unha prioridade, segundo Feijóo, pero malia a súa maioría absoluta o seu Goberno non a aprobou ata o final da pasada lexislatura e quedou sen tramitar no Parlamento porque o propio presidente optou por adiantar as eleccións e disolver a Cámara en febreiro.

Este martes, malia non ser aínda unha realidade tras catro anos de promesas, Feijóo insistiu en presentar esa futura lei como “texto pioneiro non só na nosa comunidade senón a nivel nacional”, e anunciou que “unha das primeiras decisións que debe tomar o próximo Goberno será remitila a este Parlamento para que se debata, se enriqueza e se lle dea luz verde definitivamente”. En todo caso, o anuncio non chegou ata pasada unha hora e corenta e cinco minutos de discurso de investidura, a só quince minutos de rematalo, o que deixa en evidencia aínda máis como aquela prioridade deixou de sela tanto.

A pasada lexislatura rematou xusto antes da aparición do coronavirus situando na sanidade, con Verín como símbolo, o principal problema político do Goberno de Feijóo, que agora promete obras "cun novo servizo de urxencias e PAC" na vila ourensá

Ademais do demográfico que o propio Feijóo definiu como o gran problema de Galicia, a pasada lexislatura rematou xusto antes da aparición do coronavirus situando na sanidade, con Verín como símbolo, o principal problema político do Goberno de Feijóo. A decisión da Xunta de pechar o paridoiro e as urxencias pediátricas do hospital comarcal reavivou a vaga de protestas arredor da sanidade, tanto de usuarios como de profesionais, que se viñan sucedendo durante toda a lexislatura. A crise política chegou a ser tal que o presidente da Deputación e o PP de Ourense, Manuel Baltar, evidenciou en público as súas discrepancias con Feijóo.

Protesta polo peche de servizos sanitarios en Verín nunha imaxe de arquivo © XCG

 "Seguiremos incorporando novos dereitos e servizos, como fixemos nas lexislaturas anteriores", avanza Feijóo

O problema político de Verín pechouno a Xunta rectificando e reabrindo o paridoiro, ao tempo que tanto nese como noutros moitos conflitos sanitarios puña o foco nos investimentos materiais dos últimos anos por riba das reclamacións de máis persoal. Este martes, agora co coronavirus esixindo aínda máis do sistema sanitario, o propio Feijóo lanzou un anuncio para Verín. “Incluiremos novas melloras no 100% dos hospitais comarcais, en Verín cun novo servizo de urxencias e PAC”, dixo. 

Nada avanzou Feijóo dos servizos médicos que se ofrecerán neses novos espazos sanitarios de Verín máis alá dunha xenérica promesa dirixida ao conxunto da sanidade galega: "Seguiremos incorporando novos dereitos e servizos, como fixemos nas lexislaturas anteriores".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.