Dúas residencias de maiores que a Xunta manterá con xestión privada tiveron sancións por falta de persoal e obstruír inspeccións

Persoas usuarias dunha residencia da terceira idade nunha vila galega xogan ao dominó, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A pasada semana, no penúltimo Consello do ano, o Goberno galego aprobou manter na xestión privada catro residencias da terceira idade de propiedade pública na Coruña, Vigo, O Carballiño e Bande que xa viña xestionando mediante concesións. No canto de continuar prorrogando os seus contratos ata o límite legal ou optar por revertelas á xestión pública directa, a Xunta decidiu organizar novos concursos para xestionalas.

Un deses concursos é para a residencia de Bembrive (Vigo, 150 prazas). O outro, conxunto, é un contrato para a residencia Concepción Arenal da Coruña (150 prazas), a residencia de Bande (50 prazas) e a residencia de maiores dependentes do Carballiño (que pasa de 50 a 80 prazas). Todos estes centros agás o do Carballiño están xestionados na actualidade por empresas do grupo DomusVi, que poderá optar aos novos concurso. Dous deles, ademais, recibiron sancións firmes da propia Xunta nos últimos anos: o centro coruñés Concepción Arenal e mais o de Bande, por eivas no seu cadro de persoal e atrancos ás inspeccións.

Fragmento da resposta parlamentaria de Política Social ao BNG a respecto das sancións impostas a concesionarias de residencias da terceira idade propiedade da Xunta CC-BY-NC-SA Praza.gal

A existencia desas dúas sancións foi admitida o pasado novembro pola Consellería de Política Social en resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG. Nela especificaba ademais que os contratos da vintena de residencias públicas que a Xunta ten concesionadas con empresas e entidades privadas tiñan marxe legal para estar vixentes, nalgún caso, ata 2039

Ao ser cuestionada polas infraccións de empresas concesionarias de residencias públicas da terceira idade nos últimos catro anos, Política Social sinalou que a Concepción Arenal da Coruña e mais a de Bande tiveron sancións firmes. Ambas están xestionadas por empresas do grupo DomusVi

Naquela pregunta, o Bloque cuestionaba a Política Social a respecto das sancións existentes contra empresas concesionarias de residencias da terceira idade nos últimos catro anos. Política Social respondeu que, nese período, tramitara senllos "expediente sancionadores firmes en vía administrativa" -con marxe legal, daquela para que as empresas recorresen ante a Xustiza- contra a empresa xestora da Residencia de Maiores Concepción Arenal da Coruña, Quavitae Servizos Asistenciais, e mais contra a concesionaria da Residencia de Maiores de Bande, Geriatros. Ambas empresas son parte do grupo DomusVi.

Sempre segundo esa resposta da Xunta, estas sancións debéronse a infraccións "tipificadas nos artigos 81 g) e 81 k) da lei de servizos sociais de Galicia do ano 2008, aprobada durante o mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG e modificada en varios ocasións nestes anos. A Xunta cita nesta orde (A Coruña e Bande) as residencias e as sancións, pero non especifica cal interpuxo a cada unha ou se ambas incorreron en ambas infraccións.

Residencia de Bande, de propiedade da Xunta e xestionada mediante unha concesión cunha empresa do grupo DomusVi, nunha imaxe de arquivo © DomusVi

O artigo 81 desta lei é o referido ás infeccións graves. O apartado g) é o aplicado por "non contar co persoal suficiente /ou coa titulación esixida de acordo co tipo de actividade e número de persoas atendidas no centro". O k) refírese á "obstrución do labor inspector", entendido como "accións e omisións que impidan, obstaculicen, dificulten ou atrasen" este control por parte de Política Social, así como "omisións ou os atrasos inxustificados do cumprimento das obrigas de información, comunicación ou comparecencia e a subministración de informacións falsas", ademais do "non atendemento inxustificado dos requirimentos esixidos pola inspección".

A Xunta non detalla os feitos concretos polos que estes centros recibiron as sancións nin tampouco en que consistiron exactamente. A lei de servizos sociais contempla que as faltas graves implican multas de entre 3.000 e 15.000 euros e que, ademais, poden implicar de maneira "accesoria" a "prohibición de acceder ao financiamento público da Xunta de Galicia durante un período de entre un e cinco anos" ou mesmo a inhabilitación de persoas físicas ou xurídicas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.