O Goberno galego licitou o concurso “urxente” en marzo co argumento de que a pandemia “puxo de manifesto debilidades importantes, especialmente en relación coa coordinación co sistema sanitario” e obrigou a solucións “de continxencia” con revisións manuais de listados
Igual que non se dotou dun sistema estable de rastrexo da COVID-19 ata este mes de novembro, 20 meses despois da chegada da pandemia a Galicia, a Xunta vén de adxudicar agora, con data do pasado luns, un contrato para dotarse dun “centro de datos único e fiable” sobre as 20.000 persoas usuarias de residencias que hai no país. Licitado como “urxente” o pasado marzo, un ano despois da entrada do virus nas residencias, nas que arredor de 800 persoas morreron con diagnóstico positivo por COVID, o Goberno galego adxudica agora o contrato á consultora Everis.
A memoria xustificativa do contrato agora adxudicado ofreceu o pasado marzo unha crítica descrición da situación das residencias galegas a respecto do control das súas persoas usuarias e das súas relacións co sistema sanitario. Neses documento a propia Xunta sinalaba que o novo sistema agora contratado debe poñer solución ás “debilidades importantes, especialmente en relación coa coordinación co sistema sanitario” dos múltiples sistemas anteriores, que segundo admite obrigaron desde o comezo da pandemia a solucións “de continxencia” ou revisións manuais de listados nun proceso “non exento de erros”.
A Xunta sinala que “a información social ten gran relevancia na atención da saúde” e que “un dos primeiros elementos para conseguir que a atención sociosanitaria sexa unha realidade é a coordinación dos sistemas de información”. “A correcta identificación e trazabilidade da persoa residente en centros socio-sanitarios é algo fundamental como base da organización de todo programa aplicable ao colectivo, non só en tempos de pandemia”, di o Goberno galego para xustificar este contrato.
Admite que a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID19 puxo de manifesto “debilidades importantes” na coordinación co sistema sanitario. “Está a supoñer un intenso traballo de todos os axentes implicados e a posta a proba dos sistemas con solucións, moitas veces, de continxencia”, agrega.
A Xunta admite que unha das dificultades para dispoñer de datos homoxéneos sobre as persoas atendidas é "a complexa división organizativa do sistema galego de servizos sociais"
“Os residentes cambian de localización, ben sexa por altas voluntarias, por traslados a outros centros residenciais, estancias hospitalarias habituais, traslados aos Centros Residenciais de Coidados Integrados”, di a memoria do contrato, que tamén engade que “é habitual a apertura ou peche, temporal ou definitivo, de centros residenciais”, de xeito que “o censo tanto de residentes como de residencias é algo vivo”. Porén, os pregos do contrato admiten que unha das dificultades para dispoñer de datos homoxéneos sobre as persoas atendidas é "a complexa división organizativa do sistema galego de servizos sociais".
A Xunta argumenta que “dispor dun censo global e actualizado de todas as persoas residentes” que estea “integrado co sistema de dependencia e cos sistemas sanitarios” para o “seguimento individualizado” de cada persoa “resulta completamente clave no contexto actual” e será “a base sobre a que sustentar todas as accións de ámbito global ligadas á implantación do novo modelo integrado de atención socio-sanitaria no que está a traballar a Consellería de Política Social”.
O novo sistema “deberá ser utilizado en ao redor de 500 centros residenciais e de discapacidade públicos e privados (con e sen prazas concertadas)”, incluídos centros de día e ocupacionais
Nos últimos meses xa se deron algúns pasos para mellorar os sistemas de información nas residencias, pero será aínda dentro duns días cando a consultora contratada, Everis, comezará a traballar para unificar todos os datos nunha única plataforma informática, unha vez que se formalice a adxudicación agora decidida. Se o contrato foi licitado por 916.000 euros, a oferta realizada pola adxudicataria rebáixao a 779.000 euros. O novo sistema “deberá ser utilizado en ao redor de 500 centros residenciais e de discapacidade públicos e privados (con e sen prazas concertadas)”.