O Goberno galego prevé destinar ata 50 millóns de euros en cinco anos para que compañías privadas xestionen catro centros da terceira idade de propiedade pública na Coruña, Vigo, O Carballiño e Bande que suman 430 prazas
O Consello da Xunta deste xoves, 23 de decembro, autorizou á Consellería de Política Social a sacar a concurso a xestión de catro residencias da terceira idade de titularidade pública na Coruña, Vigo, O Carballiño e Bande que suman 430 prazas. Ata agora tres desas residencias, malia ser de propiedade do propio Goberno galego, xa viñan sendo xestionadas por empresas privadas do grupo DomusVi, á que agora a Xunta deixará de prorrogar os contratos previos coa súa decisión de volvelas sacar a concurso. O Goberno galego está disposto a entregar á nova empresa ou empresas adxudicatarias, entre as que nada impide que volva estar DomusVi, ata 50 millóns de euros en cinco anos.
A decisión tomada polo Goberno galego este xoves foi a de autorizar o gasto para dous procesos de contratación distintos. Por unha banda, para a xestión da Residencia de Maiores e Centro de Dia de Alzhéimer de Bembrive, en Vigo, con 150 prazas na residencia e 20 no centro de día, e por outra, noutro contrato conxunto, para a Residencia de Maiores Concepción Arenal da Coruña, con 150 prazas, a Residencia de Maiores de Bande, con 50 prazas, e a Residencia para Maiores Dependentes do Carballiño, ata agora con 50 prazas e que pasará a 80. Nos dous casos os contratos están previstos para dous anos prorrogables ata cinco anos e cun orzamento máximo estimado nese período de ata 18,7 millóns no primeiro caso e de 32,2 millóns no segundo.
Agás a residencia do Carballiño, que segundo a información máis recente de Política Social viña sendo xestionada mediante unha concesión coa empresa Agrupación de actividades geriátricas, S.L., as outras tres residencias estaban concesionadas con DomusVi desde hai unha década. Os contratos orixinais foron no seu momento adxudicados a Geriatros -a empresa creada no seu momento polas desaparecidas grandes caixas galegas-, no caso das residencias de Vigo e Bande. O centro da Coruña fora contratado con Quavitae. Todos acabaron no conglomerado empresarial de DomusVi.
A Xunta decide non seguir empregando a marxe legal da que dispuña para prorrogar estes contratos ata a década dos 30, pero renuncia tamén a efectos prácticos a reintegrar os centros na xestión integramente pública
Segundo as condicións establecidas naqueles contratos, os seus períodos iniciais de adxudicación eran duns poucos anos, pero habilitaban á Xunta a prorrogalos ata o máximo de 25 anos permitido por lei, algo que o Goberno galego veu facendo ata agora. Nesta liña, nunha recente resposta parlamentaria ao BNG a propia Xunta fixaba aínda dentro de varios anos as posibles datas máximas de remate deses contratos: para a residencia de Vigo informaba de que a data era o 22 de xaneiro de 2037, para a da Coruña o 14 de setembro de 2036 e para a de Bande o 2 de maio de 2031.
Agora, aínda que tiña a posibilidade de seguir prorrogando eses contratos, o Goberno galego decide non facelo. Esta decisión implica tamén unha renuncia, pola vía dos feitos, á posibilidade de integrar a xestión destes centros no sistema público con persoal da propia Xunta.
Preponderancia do sector privado na atención á terceira idade
En Galicia, das 22.000 prazas residenciais existentes, só unhas 4.800 están actualmente en centros de maiores de titularidade pública, segundo os datos oficiais do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social. Delas, unhas 3.900 están en residencias ou vivendas tuteladas titularidade da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar que comparte con algúns concellos. Ademais, hai outras 800 prazas en residencias propiedade de concellos e unhas 150 de deputacións.
Ata o que resulte deste novo concurso, no que tamén se podería volver presentar DomusVi, esa empresa viña xestionando algo máis de mil das 3.900 prazas de titularidade da Xunta ou do Consorcio. O grupo DomusVi estivo no foco da actualidade no último ano e medio polo forte impacto da COVID-19 en varios dos seus centros e tamén polas reaccións públicas ao respecto de quen foi a súa conselleira delegada, Josefina Fernández, alta executiva do grupo dende os tempos de Geriatros e a quen se atribúen estreitas conexións co PP galego. O pasado setembro foi destituída como conselleira delegada e recolocada na "presidencia institucional" da compañía.
Malia que DomusVi xestiona unha cuarta parte das prazas públicas da Xunta ou do Consorcio, centros concesionados a este grupo rexistraban a metade das mortes coa COVID nestes centros de propiedade pública ata o pasado verán
Segundo datos oficiais conseguidos hai uns meses por Praza.gal, malia que DomusVi xestiona unha cuarta parte das prazas públicas da Xunta ou do Consorcio, nesas residencias rexistrouse a metade dos falecementos con COVID de todos eses centros públicos ata o pasado verán.
No caso das que agora saen a concurso, a Concepción Arenal da Coruña, con 150 prazas, foi a cuarta residencia titularidade da Xunta ou do Consorcio con máis mortes nese período (7) e a terceira desas mesmas residencias públicas xestionadas por DomusVi con máis falecementos. A de Bande, con 50 prazas, fora a sexta desas residencias da Xunta ou do Consorcio con máis mortes, 4. Pola súa banda, nin na do Carballiño nin na de Bembrive (Vigo) se rexistraran falecementos nesas datas.