No marco da crise do coronavirus, a Xunta prometeu un "novo modelo" de residencias da terceira idade. Diversas voces expertas levan meses achegando propostas ao debate, diversas ópticas nas que adoita haber iniciativas coincidentes: tender a centros de menor dimensión que eviten a masificación, situalos na contorna próxima das persoas que alí viven ou propiciar a autonomía dos residentes ata onde as súas condicións de saúde o permitan.
Con este pano de fondo, o BNG vén de condensar nunha proposición de lei as súas propostas ao respecto. O proxecto, que inicia trámite no Parlamento -onde a maioría absoluta do PP poderá vetalo dende a propia toma en consideración-, inclúe unha regulación dos "requisitos materiais" das residencias. Entre eles destaca que ningunha delas supere as cen prazas ou que un mínimo do 90% dos cuartos sexan individuais.
Módulos cun máximo de 25 residentes -vinte, se se atopan en situación de dependencia- ou integración nos núcleos de poboación "e non en lugares illados" son outros dos aspectos que o Bloque propón regular. Na proposta, presentada pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, e mais pola súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, propoñen tamén fixar por lei unha materia pendente que a Xunta aínda acaba de comezar a abordar un "centro de datos único e fiable" das persoas usuarias das residencias.
A iniciativa do Bloque inclúe o reforzo da inspección de servizos sociais mediante un corpo específico para as residencias ou recuperar a xestión directa nas residencias da Xunta con concesións privadas, cuxos contratos chegan ata 2039
Ligado con este censo, detalla Pontón, "o BNG propón a creación dun corpo de inspección específico para as residencias" dentro da inspección de servizos sociais, toda vez que "apenas hai unha ducia" de profesionais "para 21.944 prazas en 380 centros", que "ademais deben atender todos os centros de carácter social" alén dos da terceira idade. "En aras da transparencia", abondan, as "actas e informes de inspección" e as sancións impostas, así como "todas as axudas que recibe cada residencia privada" deberan ser publicadas "nunha web de acceso público".
A perda de peso do sector privado, maioritario tanto no conxunto do sector como mesmo entre as residencias de titularidade directa da Xunta -con contratos que se estenden ata 2039-, é outra das apostas da iniciativa. "Establece a planificación dunha rede pública de residencias co obxectivo de ir mudando o actual modelo privatizado", planificación que será "revisada cada catro anos". Neste sentido, Pontón agrega que o primeiro paso sería "recuperar os centros públicos de xestión privada a medida que venzan os contratos coa Administración". Os primeiros en rematar son os dos centros concesionados en Antas, Ribeira e O Carballiño, os tres en 2025.