O Goberno galego saca a concurso centros que ata agora encomendara a DomusVi cunhas condicións que valoran máis os plans de intervención e a formación do persoal que os servizos complementarios, mentres que a oferta económica e a ratio de persoal seguen pesando o 40% e o 15% respectivamente
O pasado 23 de decembro o presidente Feijóo publicitou a decisión da Xunta de sacar a concurso para manter en mans de empresas privadas a xestión de catro residencias de maiores de titularidade pública que ata agora tiña encomendadas a DomusVi e que suman 430 prazas. O presidente salientou a disposición do Goberno galego a gastar ata 50 millóns de euros en cinco anos nesa xestión privada, pero nada dixo dos motivos desa decisión coa que na práctica renunciaba a reintegrar na xestión pública directa eses catro centros, dous dos cales tiveron sancións por falta de persoal e obstruír inspeccións.
Os concursos públicos para as catro residencias veñen de ser convocados nos últimos días e na súa documentación oficial agora si poden atoparse os informes preceptivos cos que a Xunta ten que xustificar os seus contratos e a modalidade dos mesmos. Segundo eses documentos, a xestión desas catro residencias públicas seguirá en mans privadas porque a Xunta ten os cartos suficientes para manter eses contratos pero non o persoal propio necesario e o servizo en si de atención residencial ten “un contido económico que fai susceptible de explotación por entidades privadas”.
"Cómpre volver promover a súa xestión indirecta, ao ter este servizo un contido económico que o fai susceptible de explotación por entidades privadas", di a Xunta
Os procesos de contratación agora abertos pola Xunta para manter en mans privadas as residencias públicas que viña xestionando DomusVi desde hai unha década -concursos aos que se pode volver a presentar a mesma empresa- son dous distintos, e divididos en lotes de xeito que cada unha das residencias podería ser xestionada por unha firma diferente. Son a Residencia de Maiores e Centro de Dia de Alzhéimer de Bembrive, en Vigo, con 150 prazas na residencia e 20 no centro de día; a Residencia de Maiores Concepción Arenal da Coruña, con 150 prazas; a Residencia de Maiores de Bande, con 50 prazas; e a Residencia para Maiores Dependentes do Carballiño, ata agora con 50 prazas e que pasará a 80. Os contratos están previstos para dous anos prorrogables ata cinco anos e cun orzamento máximo estimado nese período de máis de 50 millóns de euros.
Na memoria xustificativa do contrato e o informe de insuficiencia de medios propios cos que as administracións teñen que argumentar por que contratan externamente un servizo e non o poden prestar elas mesmas a Consellería de Política Social di que “a idoneidade da fórmula de contratación está motivada fundamentalmente en que, na actualidade, a Xunta de Galicia dispón do financiamento necesario para a prestación do servizo de xeito indirecto”. E engade que “sendo necesaria unha nova licitación, cómpre volver promover a súa xestión indirecta, ó ter este servizo un contido económico que o fai susceptible de explotación por entidades privadas, e tendo en conta que a Administración non pode prestar o dito servizo a través dos seus propios recursos, na medida en que non conta con persoal cualificado para tal fin”.
No documento a Xunta non explica por que prefire a xestión indirecta e non se dota de máis persoal, do que non carece por completo xa que si xestiona outras residencias de xeito directo ou a medias con algúns concellos a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Si sinala en varios puntos a alta demanda de prazas residenciais existentes en Galicia mesmo para asegurar ás posibles empresas interesadas que os centros a concurso adoitan estar sempre completos, o que garantiría a viabilidade económica dos contratos.
Canto aos criterios de valoración das ofertas que agora poidan presentar as empresas interesadas, os novos concursos difiren nalgúns puntos dos convocados hai unha década e que acabaron derivando na xestión deses catro centros por DomusVi. Os novos pregos de condicións pasan a valorar máis os plans de intervención cos residentes e a formación do persoal que os servizos complementarios que poidan ofrecer as empresas. Pola contra, seguirá valorándose cun 40% sobre o total da posible puntuación a oferta económica que realice cada empresa, así como cun 15% a relación do número de traballadores por persoa residente.
Os concursos agora convocados tampouco son directamente comparables cos de hai unha década para eses mesmos centros xa que varían algunhas das condicións que se piden ás empresas e tamén aumentou, como o fixo a inflación, o custo de prestación dos servizos. Por exemplo, no caso da residencia de Bembrive, en Vigo, aumenta o número de prazas con servizo de transporte ao centro de día que se requiren. Ou, tamén por exemplo, o custo estimado anual sen IVE do servizo na residencia Concepción Arenal da Coruña pasa de 2,53 millóns de euros para 2012 a 2,89 millóns para 2023.
O contexto do sector
Das 22.000 prazas existentes en Galicia, só unhas 4.800 están en centros de titularidade pública, e boa parte deles están á súa vez xestionados no día a día por empresas privadas
En Galicia, das 22.000 prazas residenciais existentes, só unhas 4.800 están actualmente en centros de maiores de titularidade pública, segundo os datos oficiais do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social. Delas, unhas 3.900 están en residencias ou vivendas tuteladas titularidade da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar que comparte con algúns concellos. Ademais, hai outras 800 prazas en residencias propiedade de concellos e unhas 150 de deputacións.
Ata o que resulte do novo concurso, no que tamén se podería volver presentar DomusVi, esa empresa viña xestionando algo máis de mil das 3.900 prazas de titularidade da Xunta ou do Consorcio. O grupo DomusVi estivo no foco da actualidade no último ano e medio polo forte impacto da COVID-19 en varios dos seus centros e tamén polas reaccións públicas ao respecto de quen foi a súa conselleira delegada, Josefina Fernández, alta executiva do grupo dende os tempos de Geriatros e a quen se atribúen estreitas conexións co PP galego. O pasado setembro foi destituída como conselleira delegada e recolocada na "presidencia institucional" da compañía.