A pandemia da COVID-19 puxo o foco na situación xeral das residencias da terceira idade. No xeito en que son xestionadas polas administracións públicas, no peso en que nelas teñen grandes empresas do sector ou mesmo en ata que punto estaban arrodeadas dun manto de opacidade que dificultaba coñecer, por exemplo, cantas son ou cantas persoas viven nelas.
A raíz desa crise sanitaria, os gobernos asumiron diversos compromisos con graos de implantación dispares. Dende un rexistro único de persoas usuarias que, no caso galego, non foi implantado ata este 2024 ata un novo modelo de residencias, con máis garantías e límites como un máximo de 120 prazas, que a Xunta rexeitou aplicar por defender que ten un modelo de seu.
No ámbito da información un dos compromisos asumidos polo Estado foi a elaboración dun censo de centros residenciais cuxa primeira edición vén de ser publicada. O traballo, realizado dende o Imserso, permite entre outros aspectos poñer cifras actualizadas e fiables ao obvio peso maioritario do sector privado nas residencias de maiores en Galicia, ata o punto que máis da metade das 21.389 prazas dispoñibles son de xestión privada con ánimo de lucro.
Apenas unha de cada dez prazas en residencias da terceira idade son ofrecidas por centros con titularidade e xestión pública, segundo o censo que vén de publicar o Imserso
Como amosan os gráficos interactivos que acompañan esta información, o maior número de prazas de residencias da terceira idade en Galicia, algo máis de 9.000, atópase en centros privados con ánimo de lucro, isto é, propiedade de empresas e non de entidades doutro tipo, como poden ser fundacións ou outras organización sociais. Engadidas ás case 2.300 prazas de titularidade pública que, mediante concesións e outras fórmulas, están xestionadas por empresas con ánimo de lucro, dan lugar a un total de 11.368 prazas con esta fórmula, o 53% do total.
As prazas xestionadas por entidades sen ánimo de lucro son notablemente menos, pouco máis de 7.800 ao contarmos as algo máis de 7.600 en residencias titularidade deste tipo de entidades e as menos de 300 que organizacións sen ánimo de lucro do terceiro xestor xestionan en centros públicos. Este modelo, o de concesión a unha entidade formalmente sen ánimo de lucro, é o que vén de elixir a Xunta para as dúas primeiras das sete residencias doadas pola Fundación Amancio Ortega.
Os números reflectidos no censo do Imserso tamén reflicten, ao cabo, que as prazas en residencias de maiores con titularidade e xestión pública son unha minoría. Apenas 2.122, isto é, unha de cada dez, en cifras redondas. No que atinxe ao número de centros, os privados triplican amplamente os de titularidade pública (252 fronte a 73).
O 45% das prazas, en centros meirandes do permitido no novo modelo
Máis da metade das prazas dispoñibles en residencias públicas xestionadas por empresas están en centros con máis de 125 prazas. Unha cuarta parte das prazas 100% públicas son en residencias con máis de 200 persoas
O censo do Imserso tamén analiza unha das variables contempladas no novo modelo estatal de residencias: a dimensión dos centros, que segundo ese guieiro non deberían ter máis de 75 ou 120 prazas en función da poboación da localidade. Botando man da estratificación do censo é posible afirmar que algo menos da metade das prazas dispoñibles en Galicia están en centros cunha dimensión maior da permitida no novo modelo.
Son, concretamente, 9.782 prazas as que se atopan en residencias preparadas para acoller máis de 125 persoas -o censo non fixa o límite en 120-. Este modelo é o maioritario nas residencias públicas xestionadas a través de empresas e rolda a metade nos centros 100% privados con ánimo de lucro. Nas residencias totalmente públicas -tanto en titularidade como en xestión do centro-, só un terzo das prazas dispoñibles están en centros con máis de 125 residentes, aínda que resulta significativo que son estas residencias, as totalmente públicas, as que teñen unha maior porcentaxe (24%) de residentes en centros con máis de 200 prazas.
Na banda contraria están as residencias que si encaixarían no novo modelo, e que aínda que por unha estreita marxe, son maioritarias con 11.607 prazas, 54% do total. Estas residencias de menor dimensión son maioría entre os centros totalmente públicos e tamén entre os privados sen ánimo de lucro. Nas moi minoritarias residencias públicas xestionadas por entidades privadas sen ánimo de lucro non hai ningunha praza en centros que non encaixen no novo modelo en canto á súa dimensión.
Menos dun 40% de cuartos individuais
O tipo de cuarto máis abondoso nas residencias galegas é o duplo, cun total de 7.510
O informe divulgado polo Imserso amosa, asemade, algúns indicadores referidos á calidade das residencias e á dotación dos centros que propicia ou dificulta obxectivos como manter a privacidade ou a vida independente das persoas residentes. Un deles é a cantidade de cuartos individuais cos que contan, que seguen sendo minoría: pouco máis de 4.700 sobre un total de máis de 12.300, isto é, o 38,2%.
O tipo de cuarto máis abondoso nas residencias galegas da terceira idade é o duplo. Son un total de 7.510, o 60,9% do total. Onde máis pesan, non obstante, son nas residencias de titularidade e xestión privada sen ánimo e lucro (case dous de cada tres), seguidos das residencias que son propiedade e están xestionadas por empresas, onde case o 60% dos cuartos teñen dúas camas.
Nas residencias públicas a porcentaxe de cuartos duplos é case do 60% cando a xestión está nas mans dunha empresa e rolda o 55% cando son xestionadas directamente pola administración. Nas moi minoritarias residencias públicas con xestión privada sen ánimo de lucro (267 prazas) os cuartos duplos son só o 44%.