A norma galega, que concede aos concellos a competencia para outorgar o permiso para a actividade dos Vehículos de Transporte con Condutor (VTC), prevé duras sancións para os condutores que a exerzan sen esta licenza
Este martes Uber comezou a súa actividade en Vigo e A Coruña. Fíxoo practicamente sen aviso previo e, ademais, sen a necesaria autorización municipal. De feito, as ordenanzas de mobilidade de ambos os dous concellos nin sequera contemplan aínda a posibilidade de que empresas como Uber operen como taxis, recollendo clientes de forma inmediata.
A decisión de Uber, que xa foi contestada por colectivos de taxistas, pode implicar ademais a imposición de sancións ao abeiro da Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia. Esta norma, aprobada en 2013 e que sufriu modificacións en 2024, outorga aos concellos a competencia para autorizar a prestación destes servizos (artigo 46). Ademais, prevé multas de entre 2.000 e 6.000 euros (artigo 63) para aqueles vehículos e condutores que empresten o servizo sen contar coas necesarias autorizacións, o que se considera unha infracción moi grave.
Os coches de Uber tampouco contan coa autorización da Xunta para emprestar os seus servizos entre uns e outros concellos, algo que en principio están a ofertar a través da súa aplicación, cando menos entre as localidades situadas nas contornas de Vigo e A Coruña.
Os dous gobernos locais confirman que a multinacional está a actuar sen o seu consentimento e que as súas ordenanzas de mobilidade tampouco prevén de momento a concesión de autorizacións
En Vigo o Concello posicionouse claramente nas últimas semanas en contra do posible desembarco da multinacional na cidade, que se fixo efectivo este martes. "Aquí hai taxis e funcionan marabillosamente ben. Eu non boto en falta nada porque cos taxis nos vai fantasticamente ben", declarou Abel Caballero.
Cos coches de Uber circulando polas rúas da cidade olívica, o Goberno local lembrou este martes que non contan con autorización e que a ordenanza municipal de mobilidade nin sequera contempla a posibilidade de concedelas.
O Concello apoia deste xeito a posición do sector do taxi, que denuncia a "competencia desleal" que están comenzando a exercer os conductores de Uber, sinalando que estes non teñen que mercar unha licenza nin contar cos seguros que si se esixen aos taxistas. As entidade viguesas do sector do taxi reclaman á Policía Local que actúe contra os condutores de Uber e, de feito, os axentes realizaron xa este martes algunha identificación dos vehículos infractores.
Os dous concellos apoian a posición do sector do taxi, que denuncia a "competencia desleal" que están comenzando a exercer os conductores de Uber e reclama a actuación da Policía Local
Na Coruña, o Concello confirmou este martes que Uber non ten autorización para operar na cidade. Hai unhas semanas presentouse a nova ordenanza de mobilidade, que entre outros cambios abre a posibilidade de conceder a autorización para os VTC (vehículos de transporte con condutor). Porén, a nova normativa aínda non está aprobada e, de feito, nin pasou polo pleno para o seu debate e votación.
Ademais, na ordenanza de mobilidade proposta, prevese que os VTC se limiten a contratar servizos cunha antelación mínima de 15 minutos, non de forma inmediata. Tampouco poderán circular pola cidade na procura de clientes e, de igual xeito, non poderán deterse en hoteis, hospitais, estacións de tren, aeroporto ou nas propias paradas de taxis. Calquera de estas accións estará sancionada con multas.