O Goberno galego aproba un decreto polo que obriga a todos os centros a usar o seu sistema informático tras admitir que durante a pandemia tivo que empregar solucións "de continxencia" con revisións manuais de listados
Catro anos despois da chegada da pandemia da COVID-19 a Galicia a Xunta vén de aprobar e publicar este mércores no DOG un decreto que co que impón a todas as residencias de maiores e dependencia de Galicia, sexan públicas ou privadas, o uso dun sistema informático único de rexistro das persoas usuarias. Un rexistro único que o Goberno galego creou tras admitir que durante a pandemia quedou en evidencia o descontrol dos anteriores sistemas de rexistro de residentes, o que obrigou, antes de poder dispoñer dun primeiro sistema informático provisional, a solucións "de continxencia" con revisións manuais de listados para saber como e onde se atopaban as persoas contaxiadas de coronavirus.
O decreto agora aprobado, que entrará en vigor dentro de vinte días, coincidindo co cuarto aniversario das primeiras mortes por COVID en Galicia, é unha das dúas patas da reforma que lanzou a Xunta do sistema de control das persoas usuarias de residencias. A outra foi a contratación do sistema informático que agora se impón ás residencias.
O "centro de datos único e fiable" sobre as persoas residentes non foi encargado pola Xunta ata un ano despois da chegada da pandemia. Fíxoo argumentando daquela que era "urxente" e cunha documentación que admitía as eivas dos sistemas de control previos, con "debilidades importantes, especialmente en relación coa coordinación co sistema sanitario". Iso obrigara, no peor da pandemia, a solucións “de continxencia” ou revisións manuais de listados nun proceso “non exento de erros”, segundo admitía a consellería.
A Xunta admitiu que a pandemia evidenciou "debilidades importantes" do seu anterior sistema de rexistro e agora busca "unha resposta inmediata"
A Xunta destinou un millón de euros ao sistema informático a través dun contrato que asinou a comezos de 2022, pero o rexistro, malia a urxencia esgrimida pola Xunta, non estivo rematado ata moi recentemente. Así o admitiu oficialmente hai unhas semanas a Consellería de Política Social para xustificar as supostas dificultades que estaba a ter para poder dicir cantas persoas menores de 65 anos hai ingresadas nas súas residencias de maiores -preto de 600-, datos que debera facilitar o novo sistema informático.
De xeito paralelo ao desenvolvemento do sistema informático, a Xunta iniciou hai un ano a reforma normativa precisa para a súa implantación, que é o que agora se plasma no novo decreto.
O texto legal que agora dará amparo ao rexistro informático sinala que este "resulta un instrumento esencial para a coordinación sociosanitaria" e "supón unha maior garantía na veracidade da identidade das persoas residentes, que facilita o intercambio de información entre os ámbitos social e sanitario cumprindo as condicións de confidencialidade exixibles nestes casos".
O decreto establece que o rexistro das persoas usuarias das residencias "realizarase en soporte dixital mediante o sistema facilitado pola Administración autonómica". E dispoñer del será unha obriga de todos os centros, sexan públicos ou privados. O resto de centros e programas de servizos sociais que non sexan residenciais “poderán empregalo de forma voluntaria sempre que este se adapte ás súas necesidades de rexistro”.