Rueda non fará "polo menos en 2024" o monumento ás vítimas da pandemia que Feijóo prometeu en 2021

Rueda no Consello da Xunta deste xoves, co conselleiro de Sanidade en primeiro termo CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"Non digo que se desbote, pero desde logo o ano que vén non hai previsión de facer ese monumento, o cal non quere dicir en absoluto que haxa unha desconsideración ás vítimas", di o presidente

"Non hai previsión de execución polo menos durante o ano 2024". Así respondeu este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a unha pregunta directa sobre o monumento ás vítimas da COVID-19 que o seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, prometeu hai agora dous anos no seu último debate de política xeral. Aquela promesa quería "ter sempre presentes aos falecidos", pero Feijóo marchou da Xunta sen concretala e agora non entra nos plans inmediatos de Rueda. "Non digo que se desbote, pero desde logo o ano que vén non hai previsión de facer ese monumento, o cal non quere dicir en absoluto que haxa unha desconsideración ás vítimas", di o presidente.

Entrega da Medalla de Galicia en 2020 ao persoal sanitario implicado na pandemia CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Segundo dicía Feijóo en 2021, o monumento non só pretendía "ter sempre presentes aos falecidos" senón que tamén quería que fose "homenaxe a todos os que traballaron no control da pandemia, recoñeza o éxito do proceso de vacinación e o comportamento da nosa xente, que en definitiva sirva de recordo para as xeracións vindeiras do que ocorreu e tamén de exemplo por como respondemos".

Feijóo quería un "recordo para as xeracións vindeiras do que ocorreu e tamén de exemplo por como respondemos", pero dous anos despois xa non é unha prioridade para a Xunta

Cando a pandemia aínda acabara de chegar a Galicia, o 13 de xuño de 2020 a Xunta organizou unha homenaxe ás vítimas en Santiago, no claustro dun convento hoxe convertido en hotel e con invitados presenciais cando as restricións aínda eran máximas e as mortes daquela contabilizadas polo Sergas sumaban 619. Despois, o 24 de xullo daquel mesmo 2020 as Medallas de Galicia recoñecían aos profesionais da sanidade galega implicados na atención da pandemia. Un ano máis tarde, o 24 de xullo de 2021, as mesmas Medallas de Galicia recoñecían ás persoas implicadas no dispositivo de vacinación. E tres meses despois, en outubro, Feijóo anunciaba o monumento.

Homenaxe ás vítimas do coronavirus en Santiago o 13 de xuño de 2020 © @psdegsantiago

Hai un ano, ao cumprirse un ano daquel anuncio, este diario preguntou á Consellería de Sanidade en que fase se atopaba o monumento e que previsións tiña a Xunta para a súa inauguración. A resposta, que houbo que pedir en varias ocasións e pola que houbo que agardar máis dunha semana, foi que unha nova vaga da COVID obrigara a "ralentizar" o proxecto, pero que este xa se retomara e esperaban "dar conta do mesmo". 

Hai unhas semanas este diario volveu preguntar á Xunta como iban esas xestións, pero desta volta o recibido foi silencio. E ante a pregunta directa ao presidente, a resposta de Rueda foi admitir que os orzamentos para o ano próximo non contan con partida para ese fin e polo tanto non se vai a acometer a curto prazo, o que non quere dicir que poida facer nun futuro máis lonxano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.