No seu último debate de política xeral, o 13 de outubro de 2021, o daquela presidente anunciou un memorial para "ter sempre presentes aos falecidos", pero o actual goberno, que hai un ano admitiu a demora, agora evita pronunciarse
"Temos a intención de erixir un monumento de memoria que nos permita ter sempre presentes aos falecidos". Así anunciaba o 13 de outubro de 2021 o daquela presidente Alberto Núñez Feijóo no seu último debate de política xeral un monumento de lembranza da pandemia da COVID-19.
Dous anos despois, e tras un novo debate de política xeral no que nada se dixo desa promesa incumprida, a Xunta agora presidida por Alfonso Rueda garda silencio sobre o monumento malia o anterior compromiso de "recordo para as xeracións vindeiras do que ocorreu".
Nos debates de política xeral como o que esta semana se celebrou no Parlamento de Galicia o presidente da Xunta pode realizar todo tipo de anuncios. Algúns deles, se así o deciden os grupos parlamentarios, son votados e ratificados pola Cámara como resolucións, peticións do lexislativo ao executivo para que faga algo. Pero non hai xeito de que o Parlamento faga cumprir á Xunta o acordado, moito menos as promesas verbais como a lanzada por Feijóo no seu discurso de hai dous anos para facer un monumento de lembranza da pandemia.
Feijóo quería un "recordo para as xeracións vindeiras do que ocorreu e tamén de exemplo por como respondemos", pero dous anos despois nada se sabe del
Segundo dicía Feijóo en 2021, o monumento non só pretendía "ter sempre presentes aos falecidos" senón que tamén quería que fose "homenaxe a todos os que traballaron no control da pandemia, recoñeza o éxito do proceso de vacinación e o comportamento da nosa xente, que en definitiva sirva de recordo para as xeracións vindeiras do que ocorreu e tamén de exemplo por como respondemos".
Dous anos despois daquela promesa este diario preguntou polo seu cumprimento aos servizos de comunicación dependentes da presidencia da Xunta, verbalmente e por escrito o 2 de outubro, e reiterou a pregunta por escrito o día 5. Non houbo resposta, como tampouco houbo ningunha referencia ao monumento nas intervencións nin de Rueda nin do PP no debate de política xeral celebrado entre o luns e o mércores desta semana.
Cando a pandemia aínda acabara de chegar a Galicia, o 13 de xuño de 2020 a Xunta organizou unha homenaxe ás vítimas en Santiago, no claustro dun convento hoxe convertido en hotel e con invitados presenciais cando as restricións aínda eran máximas e as mortes daquela contabilizadas polo Sergas sumaban 619. 16 meses despois, cando xa se rexistraban 2.647 mortes, Feijóo anunciaba no Parlamento que tamén quería un monumento.
Hai un ano, ao cumprirse un ano do anuncio de Feijóo, a Xunta dicía que unha nova vaga da COVID obrigara a "ralentizar" o proxecto, pero outro ano máis tarde hai xa tempo que pandemia non implica restricións
Hai un ano, ao cumprirse un ano daquel anuncio, este diario preguntou á Consellería de Sanidade en que fase se atopaba o monumento e que previsións tiña a Xunta para a súa inauguración. A resposta, que houbo que pedir en varias ocasións e pola que houbo que agardar máis dunha semana, foi que unha nova vaga da COVID obrigara a "ralentizar" o proxecto, pero que este xa se retomara e esperaban "dar conta do mesmo". Pero dous anos despois, xa sen restricións pola pandemia e con 4.210 falecidos na contabilidade oficial, a Xunta de Rueda cala sobre a promesa de Feijóo.