O Goberno galego asegura que “tras valorar distintas alternativas, formatos e lugar, chegaron dúas vagas máis” da pandemia que obrigaron a “ralentizar o proxecto”
Hai agora un ano, o 13 de outubro de 2021, no seu discurso inicial no Parlamento no ata agora último debate de política xeral ou debate sobre o estado da autonomía, o daquela presidente Feijóo apelou a “manter vivo” o recordo do que o pobo galego fixo durante a pandemia da Covid-19 e anunciou a súa “intención de erixir un monumento de memoria” ao respecto.
Un ano despois o monumento aínda non existe, Feijóo xa non preside a Xunta e o Goberno galego que agora encabeza Alfonso Rueda asegura que a súa concreción demorouse precisamente pola aparición de novas vagas da Covid-19, malia que estas xa non impliquen ningún tipo de restrición máis alá da obriga de empregar máscara en recintos sanitarios ou no transporte público.
A Xunta xa organizara unha homenaxe ás vítimas o 13 de xuño de 2020, cun acto con invitados presenciais aos tres meses da chegada da pandemia a Galicia, cando as restricións eran máximas. Pero hai un ano, xusto 16 meses despois da homenaxe pública, Feijóo anunciou que tamén quería un monumento.
A intención anunciada por Feijóo no último debate de política xeral o 13 de outubro do pasado ano foi a de “erixir un monumento de memoria que nos permita ter sempre presentes aos falecidos"
Segundo dixera Feijóo, como un dos grandes anuncios daquel discurso [aquí o texto íntegro] no Parlamento, a súa intención era “erixir un monumento de memoria que nos permita ter sempre presentes aos falecidos, sexa homenaxe a todos os que traballaron no control da pandemia, recoñeza o éxito do proceso de vacinación e o comportamento da nosa xente e que, en definitiva, sirva de recordo para as xeracións vindeiras do que ocorreu, e tamén de exemplo por como respondemos”.
Ao cumprirse un ano daquel anuncio este diario preguntou á Consellería de Sanidade en que fase se atopa o monumento e que previsións ten a Xunta para a súa inauguración. A resposta, que houbo que pedir en varias ocasións e pola que houbo que agardar máis dunha semana, foi a seguinte: “Tras valorar distintas alternativas, formatos e lugar, chegaron dúas vagas máis de Covid (decembro/xaneiro, e logo a de ómicron). Todo isto obrigou a ralentizar o proxecto, polo que o proxecto retomouse e esperamos dar conta do mesmo”.
A resposta non detalla que alternativas, formatos e lugar se valoraron nin de que xeito as novas vagas da Covid, xa sen efecto no funcionamento habitual da administración, puideron afectar á promesa do Goberno galego. Tampouco se indica cando foi retomado o proxecto nin que previsións de prazos ten a Xunta para a súa presentación. E nas licitacións de contratos públicos da Xunta tampouco apareceu ningún neste tempo dirixido a erixir ningún monumento.