O Goberno galego argumenta problemas de axenda desde que lle outorgou unha distinción que só pode volver dar noutras catro ocasións máis e que só recoñeceu ata agora a homes
Hai agora catro anos o Goberno galego aprobaba, na súa última reunión de 2014 presidida por Feijóo, un decreto polo que outorgaba o título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago a Mariano Rajoy. El foi o terceiro en recibir esa distinción creada un ano antes que xa lle fora outorgada ao daquela príncipe Felipe e ao seleccionador Vicente del Bosque e que posteriormente tamén recibiría o Rei emérito Juan Carlos. Todos eles recolleron xa o seu galardón simbólico en Santiago agás Rajoy, que catro anos despois segue a agardar por el, segundo a Xunta por problemas de axenda para fixar o acto fóra dos varios períodos electorais que se sucederon desde que se lle outorgou o título.
O título de Embaixador do Camiño foi creado pola Xunta en outubro de 2013 a través dun decreto que establece que a única limitación do Goberno galego para outorgarllo a calquera persoa ou institución é a de que en toda a súa historia só poderán darse un total de oito, tantos como rutas de peregrinación oficiais hai a Santiago. O galardón veu sumarse á lista de distincións que outorga a Xunta, desde a máis elevada que supoñen as Medallas de Galicia, pasando polas Medallas Castelao á obra artística ou intelectual de personalidades galegas, ata as agora hai tempo esquecidas medallas ao mérito turístico, que en parte comparten co título de Embaixador do Camiño un obxectivo de promoción turística de Galicia replicado tamén coa creación, hai dous anos, da figura do Comendador da Gastronomía de Galicia. Unhas distincións nas que as mulleres son minoría, ao igual que ocorre coa de Embaixador do Camiño de tan recente creación e na que os catro premiados ata agora, dos oito galardóns que poden outorgarse, son só homes.
A Xunta só pode entregar oito títulos de Embaixador do Camiño, tantos como rutas de peregrinación oficiais hai a Santiago
Aos dous meses de crearse o novo galardón, o Goberno galego outorgábao por primeira vez en decembro de 2013 ao daquela príncipe Felipe, que o recollería dous anos despois, en outubro de 2015, sendo xa rei. O segundo galardón outorgoullo a Xunta ao seleccionador de fútbol Vicente del Bosque en xuño de 2014, xusto ao comezar o Mundial de Brasil, e a entrega produciuse en outubro de 2016. Dous meses despois de outorgar esa segunda distinción, en agosto de 2014, tras a reunión en Santiago da chanceler alemá Angela Merkel con Mariano Rajoy, e malia as protestas sociais que suscitou aquel encontro, Feijóo avanzou a súa intención de dar ao presidente do Goberno central o terceiro título de Embaixador do Camiño, algo que non se concretaría ata a última reunión da Xunta daquel ano.
Catro anos despois, Rajoy aínda non recolleu o galardón. Segundo a Xunta, por problemas de axenda para axustar o acto en datas que non puidesen dar pé a interpretarlo como electoralista. Porque tras o acordo co que se outorgou a distinción en decembro de 2014 houbo que entregar primeiro os galardóns dos dous distinguidos previamente, o príncipe Felipe e Del Bosque, e despois sucedéronse as eleccións xerais de decembro de 2015, as posteriores dificultades para formar goberno e os novos comicios xerais de xuño de 2016, seguidos en setembro dese ano polas autonómicas galegas.
Unha cuncha de prata e un "pergameo artístico" simbolizan un recoñecemento do que non se deriva ningún dereito administrativo nin económico e cuxo acto de entrega ao Rei emérito no Hostal dos Reis Católicos custou 1.400 euros
Porén, tampouco houbo sorte para Rajoy en 2017, antes de que comezase a crise do caso Gürtel para o PP en 2018 coa posterior moción de censura que o afastou do Goberno. Sen entregar aínda ese terceiro título de Embaixador do Camiño, a Xunta outorgou o cuarto, e ata agora último, ao Rei emérito Juan Carlos en novembro de 2017. Residente boa parte do ano en Sanxenxo, o monarca foi o que menos tempo tardou en recoller o título, en marzo de 2018. Fíxoo nun acto no Hostal dos Reis Católicos do que a Xunta divulgou a través da súa web de transparencia que supuxo un pagamento de algo máis de 1.400 euros a ese establecemento de Paradores polo espazo e un cóctel. Unha concha de prata e un "pergameo artístico" son os outros custos principais dunha distinción da que non deriva “dereito administrativo ou económico ningún” pero pola que Rajoy, agora sen obrigas públicas e asiduo visitante de Pontevedra e Sanxenxo, onde se deixou ver os últimos días, segue a agardar catro anos despois.