As mulleres representan o 51% da poboación galega, 1,4 millóns fronte a 1,3 millóns de homes, correlación que, con lixeiras variacións, se vén mantendo ao longo de moitos anos. Dende hai tres décadas os labores sociais, artísticos, políticos ou de calquera eido que, a xuízo do Goberno da Xunta, son salientables a prol do país, reciben a máxima distinción do Executivo galego, a Medalla de Ouro de Galicia, que neste 2016 chega á súa trixésima edición -comezou a entregarse en 1984 e non se concedeu entre 1987 e 1989-. Nestes trinta anos só unha muller recibiu o galardón e, mentres se outorgaron as medallas tamén nas categorías de prata e bronce, as mulleres foron o 7% do total das distincións.
O vindeiro día 24 o presidente da Xunta imporalles as medallas ao grupo Los Suaves, ao filólogo Basilio Losada, ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto e mais ao escultor Francisco Leiro, segundo o decidido no último Consello do Goberno. Este reparto, con varios homes e unha entidade ou colectivo, foi o máis habitual nestas tres décadas das Medallas de Ouro e só rachou nunha ocasión, en 2003, e entre unha forte polémica. Non en van, a única muller que a recibiu foi a falecida Loyola de Palacio, histórica dirixente do PP que ao ser galardoada exercía como comisaria europea de Transportes e recibiu a Medalla do Goberno de Manuel Fraga en plena crise do Prestige e xunto a un dos máximos responsables da xestión da catástrofe, Francisco Álvarez-Cascos.
Alén do contexto, De Palacio é o único nome de muller nunha lista que xa acumula 69 persoas e entidades distinguidas de todos os ámbitos, dende mandatarios internacionais -especialmente na etapa de Fraga, cando recibiron a Medalla presidentes de países como Uruguai, Brasil ou Portugal- a cargos relixiosos, caso do cardeal Rouco Varela, pasando por escritores, artistas e políticos -os últimos, todos os ex-presidentes da Xunta, en 2009- e numerosas entidades e colectivos, como a Real Academia Galega, a Editorial Galaxia, o Deportivo da Coruña ou Caixa Galicia. En total, ata este 2016, 50 homes, 18 entidades e unha soa muller.
Hai máis restaurantes, empresas ou agrupacións militares que mulleres coa máxima distinción da Xunta
O equilibrio entre homes e mulleres tampouco se deu, nin de lonxe, nos 15 anos en que os gobernos de Fraga concederon as numerosísimas medallas de prata e bronce, chegando a entregar 41 distincións nun só ano, o 2001. Das ata 435 medallas entregadas naqueles anos de abundancia só 33 recaeron en mulleres. Dáse así o paradoxo de que, por exemplo, hai máis restaurantes, colexios, empresas ou agrupacións militares cunha destas medallas que mulleres ás que se lles concedese ese recoñecemento público. Entre elas figuraron, por exemplo, a atleta Xulia Vaquero (1997), a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a escritora María do Carme Kruckenberg.
Do total de 469 medallas de ouro, prata e bronce, 338 premiaron a homes, 98 a entidades e só 33, a mulleres
Así, estes trinta anos de historia amosan que os máximos galardóns de Galicia teñen, ás claras, un claro déficit de recoñecemento cara ao sector maioritario da poboación. O rexistro total das medallas entregadas ascende a 469, contando xa as de 2016. Delas, 338 premiaron o labor profesional ou social de homes, 98 están nas vitrinas de entidades, colectivos ou empresas e só 33 levan inscrito o nome dunha muller.
En 1991, cando a Xunta ampliou nun decreto as normas de concesión das medallas, creadas en 1984, a única referencia ás mulleres nesa regulamentación foi non menos rechamante que o evidente desequilibrio de xénero no seu reparto: como normal xeral, "esta xoia levarase colgada ao pescozo por unha fita de 33 milímetros de largo de cor branca, e unha faixa de 11 milímetros ao longo e polo centro"; no entanto, "as damas condecoradas levarán a medalla pendurada dun lazo", sinalaba. Non obstante, a única muller con Medalla recibiuna en idénticas condicións ao resto de galardoados.