A interpretación dos himnos e de ‘Negra sombra’ e unha placa conmemorativa centran o breve acto civil ao que asisten as principais institucións e partidos do país
Tres meses despois de que se informase da primeira morte por coronavirus en Galicia, que hoxe son xa 619, segundo os datos da Xunta, este sábado Santiago acolleu unha homenaxe ás vítimas da enfermidade. Foi un breve acto civil celebrado no patio do Hotel Monumento San Francisco ao que asistiron as principais institucións e partidos políticos, seguido posteriormente por unha misa na igrexa anexa (a Catedral de Santiago está en obras) á que o Goberno galego deu similar protagonismo e a TVG retransmitiu igualmente en directo.
Despois de máis dun mes de loito oficial, durante todo maio e o comezo de xuño, o acto civil deste sábado, no que se lembrou tanto ás vítimas como ás persoas que loitan contra a pandemia, comezou coa escoita dos himnos de España e Galicia. Varios familiares de falecidos descubriron unha placa conmemorativa e posteriormente Luz Casal e Carlos Núñez interpretaron Negra sombra, o poema musicado de Rosalía de Castro.
O acto contou cos máximos representantes das principais institucións do país: Xunta, Parlamento de Galicia, Consello da Cultura galega, alcaldes ou autoridades militares, así como dos líderes das principais formacións políticas, como Gonzalo Caballero (PSdeG), Antón Gómez-Reino (Galicia en Común) ou Ana Pontón (BNG). Porén, a súa asistencia non foi acrítica. Ao tempo que o acto deste sábado coincide coa decisión da Xunta de saír o luns do estado de alarma gabando o Goberno galego que a comunidade se adianta ao resto, os portavoces da oposición amosaron as súas discrepancias.
Ao tempo que o acto deste sábado coincide coa decisión da Xunta de saír o luns do estado de alarma gabando que a comunidade se adianta ao resto, os portavoces da oposición amosaron as súas discrepancias
Ás portas do acto Caballero puxo en valor o traballo dos profesionais dos servizos públicos e pediu prestar atención ás denuncias de desatención por parte da Xunta que chegan das familias de vítimas do coronavirus. Galicia en Común fixo público un comunicado no que salienta que “se algo aprendemos estes meses é sobre a necesidade de preservar e reforzar os nosos servizos públicos, especialmente a sanidade” e apelou a seguir “traballando unidos e que, á marxe das nosas lexítimas diferenzas ideolóxicas, sigamos empeñando o noso esforzo colectivo na construción dun futuro e dunha sociedade mellor”. Pola súa banda, Pontón mandou unha “mensaxe de alento ás familias” e salientou que “por respecto ás vítimas estamos hoxe aquí”, pero engadiu que elas “esperan máis de nós, que tomemos nota dos erros que se cometeron”, polo que reclamou unha “aposta pola sanidade pública”. Tamén Pancho Casal, candidato de Marea Galeguista, dixo que “a mellor homenaxe é sanidade pública de calidade e investimento en investigación”.
"As campás tocan hoxe polos falecidos pero tamén chaman a nosa atención polos que viven angustiados polas consecuencias sociais desta pandemia, nesta crise humanitaria”, di o arcebispo
Posteriormente, durante a misa, celebrada na Igrexa de San Francisco anexa, xa que a Catedral está en obras, e á que só asistiron parte dos participantes no acto civil previo, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, lembrou ás “tantas persoas que non aforraron esforzo ata perder incluso a súa vida axudando e acompañando aos contaxiados e aos falecidos”.
“As campás tocan hoxe por eles a quen non esquecemos, pero tamén chaman a nosa atención polos que viven angustiados polas consecuencias sociais desta pandemia, nesta crise humanitaria”, engadiu o arcebispo.