BNG e PSdeG centran as súas iniciativas en demandar á Xunta un reforzo dos servizos públicos
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España..." A frase repítese de xeito recorrente nas propostas de resolución presentadas polo PP no debate de política xeral que se celebra esta semana na Cámara galega. Dun xeito ou doutro, 20 das 40 iniciativas políticas populares inclúen algunha reclamación ou crítica dirixida ao executivo de Pedro Sánchez. Pola súa banda, nacionalistas e socialistas centraron as súas iniciativas en demandar á Xunta un reforzo dos servizos públicos.
No pleno de política xeral, tras o debate do luns do presidente Rueda cos portavoces dos grupos parlamentarios, estes poden presentar ata 40 propostas de resolución cada un, iniciativas que de seren aprobadas este mércores implican que o lexislativo (o Parlamento) pide ao executivo (a Xunta) que desenvolva determinada acción ou política, aínda que despois o goberno non ten a obriga legal de cumprilo.
E como vén sucedendo nos últimos anos, desde que no Goberno de España non está o PP, a metade das propostas presentadas polos populares o que piden á Xunta é que esta á súa vez reclame algo ao Estado. Ou que o propio Parlamento se pronuncie institucionalmente contra algunha política impulsada polo Goberno de España.
O PP comeza rexeitando "calquera negociación" ou "privilexio unilateral" a outras comunidades, en referencia ás conversas de Sánchez co soberanismo catalán, e remata cunha condena xeral do terrorismo
As 40 propostas presentadas polo PP no debate deste ano comezan cunha que rexeita "calquera negociación que, co pretexto de evitar conflitos territoriais, limite a soberanía do conxunto dos cidadáns", en clara referencia ás negociacións de Pedro Sánchez co independentismo catalán para a súa investidura como presidente. A segunda proposta, na mesma liña, reclama ao Estado mellor financiamento para as comunidades autónomas rexeitando "calquera privilexio unilateral", en nova referencia a Catalunya.
As propostas de resolución continúan reclamando ao Goberno de España máis rapidez na xestión dos fondos de recuperación, rebaixa de peaxes nas autoestradas estatais, a transferencia da AP-9 e das competencias sobre o litoral, o impulso do Camiño de Santiago en Europa, reformar as viaxes do Imserso, máis infraestruturas viarias e ferroviarias, que autorice proxectos enerxéticos da súa competencia e máis prazas de funcionarios, máis axudas ao sector cultural, que financie a lei de dependencia e a gratuidade das escolas infantís, que reforme o sistema de formación sanitaria, que rebaixe o IVE aos produtos do mar ou que cree novos xulgados de violencia de xénero.
Canto á outra metade das resolucións, as que se dirixen á Xunta de Galicia, obxectivo principal do debate de política xeral, céntranse en plasmar por escrito as sucesivas promesas lanzadas o luns polo presidente Rueda, como os diversos bonos ou axudas directas ou as rebaixas de impostos.
Hai unha última resolución que non se dirixe nin á Xunta nin ao Goberno de España senón que quere ser un pronunciamento público do Parlamento de Galicia. É unha "condena do terrorismo e de calquera discurso que xustifique ou minimice ou non condene as súas graves consecuencias, pois provoca unha dor incalculable na poboación civil e a perda de vidas humanas e nunca pode ser o medio para lograr obxectivos políticos, sexan os que sexan". O PP non detalla na súa proposta se se refire a algún terrorismo concreto.
Ademais destas 40 propostas do PP, que serán aprobadas grazas á súa maioría absoluta, con algún matiz nos casos que así o acepten os populares cando as negocien coa oposición, tamén BNG e PSdeG presentaron as súas correspondentes 40 iniciativas. Propostas que no seu caso están condicionadas á vontade de aceptación ou negociación dos populares.
No caso do BNG, que tivo que reformular dez propostas para adecualas ás características esixidas pola Mesa do Parlamento, as súas iniciativas foron presentadas polo seu viceportavoz, Luís Bará, como un intento de "rematar co declive económico, social e demográfico de Galiza". Entre outras cuestións a propostas nacionalistas inclúe recuperar a tarxeta básica para produtos de primeira necesidade, o incremento das pensións non contributivas ou un fondo de rescate hipotecario. Tamén reclaman "reforzar os servizos públicos básicos" ou "unha política de vivenda baleira" para poñela en alugueiro social.
Canto ao PSdeG, a súa viceportavoz, Begoña Rodríguez Rumbo, defendeunas como unha "alternativa de reforzo do sector público, reactivación económica e creación de emprego" fronte a un Rueda "baleiro, esgotado, dubidoso". Entre outras cuestións os socialistas reclaman máis prazas en residencias públicas, "aproveitar a transición dixital, ecolóxica e da descarbonización" ou esixir á Xunta que cumpra coa Lei de Memoria Democrática e organice cada 31 de outubro unha homenaxe ás vítimas do franquismo.