Os tres grupos da Cámara rexeitan tamén "calquera discurso que xustifique ou minimice" o terrorismo "pois provoca unha dor incalculable na poboación civil"
"O Parlamento de Galicia acorda como Resolución a condena do terrorismo e de calquera discurso que xustifique ou minimice ou non condene as súas graves consecuencias, pois provoca unha dor incalculable na poboación civil e a perda de vidas humanas e nunca pode ser o medio para lograr obxectivos políticos, sexan os que sexan”. Esa foi a resolución aprobada na Cámara galega este mércores, no remate do debate de política xeral, coa unanimidade dos tres grupos políticos.
Unha resolución de condena xeral do terrorismo que o PP presentou como motivada polo ataque de Hamás a Israel e que saíu adiante despois de que o BNG rexeitase outra proposta que condenaba expresa e unicamente ao grupo palestino e de que PP e PSdeG desbotasen pola súa banda incluír tamén unha condena á violencia de Israel contra a poboación civil palestina.
Ademais das propostas de resolución máis directamente ligadas coa situación política de Galicia, no debate de política xeral celebrado esta semana o PP presentou a antedita proposta finalmente aprobada de condena xeral do terrorismo e o PSdeG outra que condenaba expresamente "calquera acción terrorista como a levada a cabo polo grupo Hamas contra o pobo de Israel" e instaba á UE a "que manteña todas as axudas ao pobo palestino".
Malia que o texto do PP non cita expresamente os recentes acontecementos en oriente próximo, a número 2 do partido, Paula Prado, asegurou que a súa iniciativa iba dirixida a condenar a Hamas. Nesa liña, os populares, como fan habitualmente con outros conflitos, tentaron presentar o BNG como un grupo que xustifica o terrorismo.
O BNG tentou negociar sen éxito que o Parlamento condenase "tanto" a violencia de Hamas "como a que leva exercendo Israel desde hai décadas contra o pobo palestino"
Pola súa banda, os nacionalistas tentaron negociar que o Parlamento condenase a violencia "tanto a levada a cabo por Hamas como a que leva exercendo Israel desde hai décadas contra o pobo palestino", en palabras do viceportavoz da formación, Luís Bará. "Vostedes nin sequera quixeron falar, non querían un acordo, querían outra cousa", dixo o nacionalista.
O resultado final foi que a iniciativa do PSdeG de condena expresa só de Hamas saíu adiante co voto a favor de socialistas e populares, mentres que os deputados e deputadas do BNG nin sequera a votaron.
Estaban presentes no hemiciclo, pero non votaron nin "si", nin "non" nin "abstención", como é habitual, polo que esa iniciativa socialista resultou aprobada con 56 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención.
Pola contra, o BNG si votou a favor da iniciativa do PP de condena xeral do terrorismo, co que esa proposta resultou aprobada por unanimidade polos 72 deputados e deputadas presentes na Cámara.