Rashid Shahin é un escritor e xornalista palestino que leva anos contando -e sufrindo- o conflito entre Palestina e Israel. Acumula semanas denunciando a "carnicería" na que a Franxa de Gaza se converteu tras a última ofensiva israelí e denunciando o desleixo da comunidade internacional e a actitude dos Estados Unidos ante o masacre. "Non sei o que Obama lles dirá ás súas fillas ou se lles permite ver as imaxes dos nenos mortos", pregúntase este veciño de Belén nesta conversa con Praza.
Como describirías a situación en Gaza?
A situación na Franxa de Gaza exprésase por si mesma coas escenas horrorosas que os medios e as fotografías están a espallar a todo o mundo. Hai asasinatos en masa, intimidación e moreas de nenos feridos. A peaxe de morte pagada polo momento alcanza case as 2.000 persoas, máis do 85% delas civís e o 25% delas nenos. A Franxa enteira está agora sen electricidade nin auga potable e necesitará cando menos trinta millóns de litros de auga potable. Desde a parte oeste de Palestina estamos enviando auga aló, pero en moitos casos Israel prohíbeo e bloquea pasos como o de Erez. Chegan a bloquear o sangue que doamos para as persoas feridas. A única estación de electricidade de Gaza foi destruída pola aviación israelí tamén.
"O 85% das vítimas da agresión israelí son civís e o 25% nenos; a Franxa enteira está agora sen luz nin electricidade"
Está Israel intentando aniquilar o pobo palestino? Por que esa crueldade?
Desde que Israel foi creado en 1948, son moitos os delitos de xenocidio e limpeza étnica cometidos polos sionistas. E desta limpeza étnica levan escrito e falado moitos historiadores israelís. É algo sistemático e que nunca cesa. Forzaron a máis do 70% dos palestinos a deixar as súas cidades e casas e destruíron completamente máis de 500 aldeas e vilas xa no que eles denominan a guerra da independencia, o que nós chamamos o Nakba. Todos os masacres teñen o obxectivo de que os palestinos abandonen a súa patria e xa forzaron máis de 750.000 a vivir como refuxiados, sen ningún lugar cara a onde ir. A realidade é que Israel construíu o seu propio Estado na nosa terra e sobre as traxedias cometidas contra os palestinos.
"A política de Israel tan só reflicte a súa mentalidade de vinganza e sangue"
E non hai intervención ningunha desde o exterior...
Os políticos do chamado mundo civilizado miran as atrocidades sen facer cousa ningunha para deter a carnicería e matanzas cometidas polas forzas de ocupación en cada esquina. A cara real de Israel revélase no xeito no que están a tratar tamén os palestinos que se manifestan en Cisxordania, disparando a manifestantes pacíficos. A política que leva a cabo o Goberno de Israel tan só reflicte a súa mentalidade de vinganza e sangue, a mentalidade que domina as tropas e os políticos israelís, que non teñen compaixón ningunha das vidas palestinas.
"Os dirixentes mundiais, especialmente os de Occidente, son cómplices desta agresión; Obama debería sentir vergonza"
Cal é a súa opinión sobre a reacción da comunidade internacional? E dos Estados Unidos?
A reacción da comunidade internacional oficial é vergoñenta e o mundo teríase que sentir avergonzado de presenciar tales agresións sen facer nada. Quen son masacrados en Gaza son seres humanos! Os dirixentes mundiais, especialmente Occidente e os estadounidenses, son cómplices desta agresión. O premio Nobel da Paz Barack Obama tería que sentir vergonza da súa actitude por dar luz verde a Israel para atacar e matar civís, por facilitar o seu arsenal ao exército e por torcer a realidade só para satisfacer o lobby sionista nos EUA. Non estou seguro do que Obama lle pode dicir ás súas fillas cando actúa deste xeito, que clase de escusas utiliza para xustificar os seus actos ou se é quen de deixarlles ver as escenas horribles de nenos mortos na Franxa. Tampouco estou seguro de se lles di que o seu Executivo facilita apoio armamentístico e financeiro a Israel cando llo pide e que lle dá o visto e prace ante as organizacións internacionais.
Dóenlle especialmente as palabras dalgún dirixente occidental?
É bastante duro pensar que o portavoz da Casa Branca cualifica de "acto barbarie" o asasinato dun soldado israelí no campo de batalla mentres durante todos os días da agresión defende o dereito de Israel á autodefensa, porque iso implica que o asasinato de nenos palestinos é algo lexítimo e xustificado.
Que pensas sobre posición da prensa europea nos ataques?
A maioría dos medios de comunicación occidentais, en xeral, están do lado israelí porque asumiron a historia que conta: que Israel se está a defender dos palestinos. Pero a verdade é que Israel está a atacar Gaza e nada se di da ocupación nin do bloqueo e o asedio á Franxa por mar, terra e aire. Gaza é como unha prisión a ceo aberto, a prisión máis grande do mundo e leva asediada oito anos. Prohíbenlles aos palestinos de Gaza a importación ou exportación, ir pescar nas súas augas territoriais, ir traballar preto da fronteira israelí... Tampouco poden viaxar libremente e, como Gaza non ten aeroporto nin ningún porto de mar... Todo é aínda máis incomprensible porque os gazatíes só poderían deixar Gaza a través de Israel ou de Exipto e, normalmente, nin os israelís nin os exipcios llelo permiten.
"Os israelís mataron os soños e esperanzas de moitos nenos, pero están matando tamén calquera posibilidade de paz"
Pero é tan grave, na súa opinión, o tratamento da prensa ao conflito?
Desafortunadamente, os medios de comunicación occidentais en xeral, esqueceron que as vítimas desta agresión eran maioritariamente civís, e moitos deles eran nenos con nomes e soños. A maioría dos medios parecen esquecer os israelís mataron os seus soños e esperanzas e que están matando tamén calquera posibilidade para a paz na rexión. Entre os israelís asasinados, só tres eran civís: un israelí palestino, un traballador de Tailandia e un colono. O resto foron soldados mortos en combate.
Que opinión lle merece o tratamento por parte dos medios españois?
Dos medios españois en particular non podo dar unha opinión tan exacta, pero sei que nese caso a cousa está máis equilibrada e tamén que a solidariedade e compaixón coas vítimas palestinas é grande no Estado español.
Parará Israel algún día a súa política do terror?
O terror levado a cabo por Israel é un terror de Estado. Os palestinos están baixo ocupación e teñen dereito a resistir. A lei internacional recoñece esa ocupación e o dereito dos ocupados a resistir e iso inclúe todo tipo de medios. Estamos a defender o noso dereito a ser libres, a ter o noso propio Estado e a conseguir o dereito de autodeterminación.
"Se Israel levanta o bloqueo a Gaza, estou convencido de que ningún foguete máis será lanzado desde a Franxa"
Pero Israel argumenta que está a ser atacado con foguetes desde a Franxa...
Israel di que ningún país do mundo aceptaría ter as súas cidades ameazadas por foguetes e iso é certo, pero é certo se falamos de dous países normais. Estou seguro de que nin España nin ningún outro Estado aceptaría estar recibindo impactos de foguetes lanzados desde Francia, pero se Francia fose ocupada por España, se cadra o asunto cambiaba. E se é Francia quen impón un asedio a España e non hai xeito de importar cousa ningunha polas fronteiras? Sería aceptado que se construísen túneles para conseguir as cousas que se precisan para vivir e sobrevivir? Israel ten unha maneira ben sinxela de parar todo iso: levantar o asedio e deixar as persoas de Gaza movérense libremente, deixarlles ter o seu propio aeroporto e porto de mar. Garántolle que, se iso é así, ningún foguete sería lanzado contra Israel.
"A ofensiva está a crear máis rabia e máis sentimento de vinganza; é difícil pensar que os gazatíes esquecerán e perdoarán"
Non está esta situación xerando moito máis odio?
Si, claro. Todo isto está a crear máis rabia e sentimento de vinganza. É difícil pensar que as persoas na Franxa de Gaza van esquecer todas as atrocidades que sufriron durante tanto tempo. Non esquecerán nin perdoarán e non deben facelo a non ser que consigan recuperar os seus dereitos. O Goberno israelí trata os palestinos en xeral de maneira terrible e o sangue sempre estaba na competición entre os dirixentes de Israel: quen mata máis, é máis querido na sociedade israelí e conseguirá máis votos nas eleccións. Só hai que reparar nas enquisas feitas en Israel sobre a agresión a Gaza: máis do 85% dos israelís piden máis destrución e asasinatos. O problema é que o sionismo trata os palestinos como se fosen animais
"Creo que a única solución posible é un Estado para dous pobos; Israel non deixa espazo dabondo para a creación dunha Palestina independente agora"
Será posible algún día a paz entre Palestina e Israel?
Israel creou unha atmosfera de aversión desde que foi fundado en 1948. Hai moita xente en Europa que non se decata de que Israel é un estado novo fundado coa axuda do poder colonial da Gran Bretaña daquel tempo. Foi posible acadar unha solución con dous estados hai poucos anos, pero o obxectivo principal de Israel era tomar máis territorio palestino a través das ocupacións con asentamentos. Creo que a única solución posible é ter un Estado para dous pobos, o que significaría que israelís e palestinos vivirían xuntos na histórica Palestina. Os gobernos sionistas acabaron por dominar a maioría do territorio palestino nas zonas ocupadas e non deixaron espazo dabondo para a creación dun Estado independente palestino.