Dos 13 acordos unánimes, 8 poñen o foco en reclamar algo ao Estado, 4 á Xunta e un é unha declaración política xeral de condena do terrorismo
O derradeiro gran debate da lexislatura, o de política xeral que se celebrou esta semana no Parlamento e que serviu para que os grupos fixasen posturas de cara ás próximas eleccións galegas que se celebrarán antes dun ano, deixou o maior número de propostas concretas aprobadas por unanimidade da última década, un total de 13. Son iniciativas que reclaman fundamentalmente ao Goberno de España maior financiamento en determinados eidos e que apoian anuncios realizados nos días previos polo presidente Rueda como os bonos con axudas directas a persoas dependentes.
Os debates de política xeral rexistraron notables variacións ao longo da historia da autonomía no número de propostas aprobadas por unanimidade. O primeiro, celebrado en marzo de 1989 "sobre a situación actual e as perspectivas de futuro de Galicia", rexistrou, segundo os datos oficiais do Parlamento, un total de 37 propostas aprobadas, pero delas só dúas por unanimidade, para pedir máis fondos europeos e o traspaso das competencias sobre o Instituto Social da Mariña. Se ben é verdade que naquel Parlamento tan fragmentado outras dúas propostas, para impulsar as concentracións parcelarias e medidas contra o alcoholismo, saíron adiante con todos os votos a favor agás unha única abstención
Porén, no terceiro debate, en marzo de 1992, denominado sobre o "proceso evolutivo da autonomía", aprobáronse só 6 propostas, ningunha por unanimidade.
As cifras foron variando e durante o anterior goberno de coalición de PSdeG e BNG así como durante os primeiros anos dos gobernos de Feijóo as propostas aprobadas por unanimidade superaron as tres decenas en cada debate celebrado. Pero a cousa mudou hai unha década, cando das 31 propostas apoiadas por toda a Cámara no debate de 2012 pasouse a só dúas no debate de 2013.
Das dúas únicas propostas aprobadas por unanimidade no primeiro pleno de 1989 pasouse a máis dunha trintena ata hai unha década, momento no que as cifras caeron a menos dunha decena para agora acadar as 13
Estes debates non se celebran todos os anos, de feito agora está regulado que non os haxa nos anos en que se produza unha investidura de presidente da Xunta, como ocorreu en 2022 ao substituír Alfonso Rueda a Alberto Núñez Feijóo. Pero o que viña sucedendo na última década era que, das 40 propostas que pode presentar cada grupo, menos dunha decena recibisen o apoio unánime de toda a Cámara.
Porén, o debate deste ano vén de rexistrar un total de 13 propostas aprobadas por unanimidade, a maior cifra desde 2012. A elas hai que engadir outras 27 impulsadas polo PP e aprobadas en solitario grazas á súa maioría absoluta ou engadindo o voto favorable ou a abstención dalgún dos outros dous grupos, e unha máis impulsada polo PSdeG e apoiada polo PP.
Canto as propostas aprobadas por unanimidade, sete foron textos validados por todos os grupos tal e como os redactara o PP, e outros seis foron froito de negociacións. As resolucións aprobadas por unanimidade sen mudanzas son de condena do terrorismo en xeral, petición de transferencia da AP-9 a Galicia, impulso do transporte ferroviario de mercadorías, reclamación de máis xulgados de violencia de xénero e de apoio ás propostas lanzadas o luns polo presidente da Xunta para crear bonos ou axudas directas de 5.000 euros ao ano ás persoas dependentes atendidas no seu domicilio, aumentar en 1.200 euros o bono ás persoas dependentes que están nunha residencia da súa elección e habilitar 12 millóns de euros para a produción de carne en extensivo e o impulso do pastoreo.
Fosen aprobadas por unanimidade ou en solitario polo PP, as propostas non teñen que se ser cumpridas pola Xunta senón que só son pronunciamentos políticos do Parlamento
As outras seis propostas aprobadas tamén por unanimidade tras negociacións entre os grupos reclaman á Xunta que mellore a xestión dos fondos europeos que chegan para a pesca e ao Estado que reduza o IVE dos produtos do mar, axilice os fondos de recuperación destinados á industria, acelere as infraestruturas de transporte en xeral e mellore o financiamento autonómico e o cofinanciamento da lei de dependencia.
Isto é, en liñas xerais, dos 13 acordos unánimes, 8 poñen o foco en reclamar algo ao Estado, 4 á Xunta e un, a condena ao terrorismo, é unha declaración política xeral.
Porén, fosen aprobadas por unanimidade ou en solitario polo PP, as propostas saídas deste e dos anteriores debates de política xeral non teñen que ser cumpridas polo Goberno galego senón que son só pronunciamentos políticos do Parlamento.