"Se todos se esforzan en debater, en propoñer, en pactar solucións, acaso podemos teimar nós en converter todo, sen excepción, nun conflito?". "O facer galego baséase maioritariamente no diálogo, no mesmo diálogo que utilizaron os nosos pais, os nosos avós e os nosos antepasados para construír a Galicia que temos". No seu discurso inaugural do debate de política xeral o presidente da Xunta chamaba deste xeito ao consenso. "Colaboren en algo", reclamoulle a PSdeG, AGE e BNG, dende o convencemento de que "o diálogo é posible". Tras a primeira sesión do debate, máis retórica, chegou a segunda, na que os discursos se traducen en propostas concretas. E nesta os feitos contradiciron sonoramente as intencións, co 98% das iniciativas da oposición deitadas ao balde das propostas rexeitadas.
Só dúas das propostas de resolución dos grupos diferentes do PP saíron adiante e ningunha compromete directamente a acción de Goberno da Xunta. Trátase dunha iniciativa coa que o BNG reclamaba a devolución dos cartos das preferentes e outra de AGE, sobre o apoio ás frotas pesqueiras galegas que operan en augas internacionais. Foron as únicas unanimidades, ás que se uniu unha transacción de Alternativa e o PP sobre montes e outra do PP e do BNG sobre sanidade. O resto, incluídas todas e cada unha das propostas formuladas polo PSdeG, bateron sistematicamente contra o muro da maioría absoluta conservadora. O grupo que sustenta ao Goberno, pola súa banda, tivo apoio dalgún grupo opositor en 8 iniciativas, o 16% das formuladas.
O PP tivo o apoio dalgún grupo da oposición no 16% das súas iniciativas
Pero, por que este contraste entre intencións e feitos? Segundo o vicevoceiro do PP, Román Rodríguez, porque a oposición deseñou unha "estratexia premeditada" para "non chegar a ningún acordo". Socialistas, Alternativa e Bloque incluíron nas súas proposición "unha especie de coletillas" con "prazos e cantidades imposibles de cumprir", "cláusulas nacidas para matar" que "impiden o acordo". E iso non é "serio", argumenta o conservador, que pon como exemplo desta estratexia unha solicitude do PSdeG para alumear un proxecto de construción do dique flotante de Ferrol "en dous meses". "Cando prantexan" o que "nós non podemos aceptar, están facendo trampas", conclúe.
Só houbo unanimidade sobre as preferentes e para apoiar as frotas galegas no estranxeiro
Neste escenario, cales serán as consecuencias prácticas do debate? Atendendo ao aprobado, o PP disporase en solitario a realizar a súa anunciadísima redución de escanos na Cámara -"unha mensaxe positiva para os cidadáns", segundo Rodríguez-, tamén aplicará a súa rebaixa do IRPF, inocua segundo os expertos e na que recibiu o apoio do Grupo Socialista, e o resto dos anuncios do discurso de Feijóo. O que non haberá é unha nova fiscalidade para as rendas máis altas, unha taxa sobre os depósitos bancarios nin un plan de emprego que beneficie a 30.000 persoas, propostas de resolución defendidas pola oposición, que se apoiou mutuamente nun bo número de propostas, e rexeitadas polo grupo maioritario.
O debate
Pontón equipara os conservadores co 'Atila en Galiza' de Castelao
Estas votacións chegaban despois dun debate asumido polos vicevoceiros dos catro grupos, en ocasións máis acendido que o protagonizado o martes polos seus xefes de filas. Coa bancada popular máis axitada que na sesión protagonizada por Feijóo a oposición lamentaba que o PP "non queria recoñecer o seu fracaso", en verbas da nacionalista Ana Pontón, para quen o último ano non foi, nin moito menos, o da recuperación económica, senón o "da amizade cun narco, dos floteis pantasma ou da trama Gürtel". Pero "as mentiras nunca chegaron a vellas" e "a todo porco lle chega o seu San Martiño", ironizou, nunha expresión que foi retirada pola presidenta, Pilar Rojo.
Díaz augura a "expropiación" do "Camelot" de Monte Pío
Pontón equipara os conservadores co Atila en Galiza de Castelao e Yolanda Díaz, de AGE, recomendoulles a lectura da Democracia en venda de Loretta Napoleoni antes de reivindicar medidas como a "expropiación" de vivendas baleiras. A "expropiación" que, asegura Díaz, vai acabar por producirse é a do "Camelot" no que, asegura se converteu a residencia oficial de Monte Pío. "O pobo é quen máis ordena e, con vostedes ou contra vostedes, vainos quitar dese goberno hoxe sedicente, que goberna para os de arriba e masacra os de abaixo", proclamou, no único discurso de dous días de debate no que houbo mención para a crítica situación económica de Pescanova, a mesma da que o PP "presumía fronte a Touriño", lembra.
Losada: "Nunca o mal é tan despiadado como cando se presenta co rostro da benevolencia"
"O discurso do presidente tentaba demostrar que non hai alternativas, que isto é unha especie de designio divino que nos leva a sociedades máis desiguais", resumiu, pola súa banda, o socialista Abel Losada, quen agora exercendo de vicevoceiro soliviantou a bancada conservadora describindo a situación dunha "moza drogodependente, con sida avanzada e hepatite", prostituta e residente "nunha casa abandonada" á que agora tamén lle afecta o novo copagamento farmacéutico se quere retirar os fármacos para a súa doenza de fígado. "Nunca o mal é tan despiadado como cando se presenta co rostro da benevolencia", ilustra Losada, quen advertiu de que os novos tempos no PSdeG non implican a adhesión ás teses do PP: "van votar vostedes sós". Malia todo, segundo o voceiro do PP, "se non tivésemos o PP, Galicia quedaría orfa".