A oposición insiste nunha fiscalidade máis progresiva e na defensa dos servizos públicos

Deputados da oposición, antes dun debate CC-BY-NC-SA AGE

Unha fiscalidade máis xusta e progresiva, sen repercusión para as rendas ou patrimonios medios e baixos. Unha reforma impositiva que exixa un maior esforzo ás rendas altas e ás grandes empresas e non aos máis necesitados e afectados pola crise. Nese punto coinciden -con pequenas diferenzas- os tres grupos da oposición (PSdeG, AGE e BNG) nas súas propostas de resolución para o Debate sobre o Estado de Autonomía que se celebra no Parlamento.

Así, nos documentos presentados este mércores, o PSdeG aposta por "unha nova regulación que contemple as modificacións fiscais encamiñadas a conseguir unha maior progresividade fiscal, sen repercusión para as rendas ou patrimonios medios e baixos". Propón, xa que logo, actuar sobre os tramos autonómicos do IRPF, na lexislación do imposto sobre o Patrimonio e sobre o Imposto de Sucesión e Doazóns, así como a aprobación dun proxecto de lei sobre "o imposto ás grandes superficies comerciais de Galicia e imposición ambiental".

AGE, pola súa banda, vai máis aló, xa que na súa proposta de implentar unha "reforma progresiva da fiscalidade", na que inclúe xa un plan de loita contra a fraude que se centre sobre todo nas grandes fortunas, aposta pola implantación de gravames sobre as vivendas baleiras e tamén sobre as grandes superficies comerciais, así como a asunción autonómica "da taxa sobre os depósitos bancarios". Inclúe tamén o desenvolvemento do imposto do patrimonio e un gravame aos centros comerciais. Case nos mesmos puntos coincide o BNG que, ademais, deixa claro a súa intención de "non elevar os impostos indirectos" e en particular de "deixar sen efecto a anunciada suba de imposto sobre os carburantes".

Os tres grupos da oposición coinciden nunha fiscalidade progresiva que exixa un maior esforzo fiscal ás rendas altas

O Bloque -que mostrou o seu rexeitamento co cupo imposto polo Parlamento no número de propostas e prsentou 100, aínda que só lle foron cualificadas 50- aposta tamén polo "establecemento de novos tributos como un imposto sobre as grandes superficies comerciais e outros sobre as grandes empresas que xeren impactos ambientais negativos", o que se inclúe dentro do obxectivo de "non reducir o investimento produtivo e o gasto social, concentrando os esforzos de aforro no gasto superfluo e improdutivo".

Para o PSdeG, esta reforma fiscal cara a unha maior progresividade permitiría recadar os fondos para a súa medida estrela, que pretende mobilizar preto de 250 millóns de euros para pór en marcha un plan de emprego que atenda 30.000 persoas, especialmente os colectivos con máis problemas de inserción laboral, e coa que este martes ofreceu un pacto a Núñez Feijóo. Ademais, os socialistas insisten tamén en propor a continuidade de Novagalicia Banco como "entidade financeira independente", polo que solicitan que se deteña o seu "precipiatado" proceso de venda.

PSdeG, AGE e BNG insisten na paralización da venda de Novagalicia Banco; Bloque e Alternativa apostan por convertela nun banco público

Nese mesmo punto, AGE insta a que o Parlamento reclame á Xunta que realice "as xestións oportunas" para impedir a venda de Novagalicia  e "preparar a súa conversión nunha banca pública galega", ao igual que o Bloque, que aposta por "contar con institucións de crédito propias" que invistan no país e "garantan o financiamento da economía produtiva", polo que demanda "a paralización inmediata" da venda de NGB e reclama a súa transformación nun "Banco Público Galego".

En canto á financiación autonómica, os tres grupos da oposición apostan, con máis ou menos pretensións por un novo modelo. O PSdeG exixe un sistema que reforce o peso do envellecemento ou a dispersión poboacional do país e que supoña un "substancial aumento" do Fondo de Compensación Interterritorial e que as transferencias correntes do Estado aumenten nun 30% no vindeiro ano. O BNG, pola súa banda, solicita un modelo tamén novo "baseado no concerto" e que acade "a plena capacidade normativa e responsabilidade fiscal sobre os impostos soportados" no país, así como "a plena territorialización do Imposto de Sociedades". AGE, ademais, propón "incrementar os recursos propios da facenda pública galega e, xa que logo, a capacidade de prover bens e servizos públicos á nosa cidadanía".

 

Medidas sociais

En canto ás medidas sociais, os tres grupos insisten en acabar co "repago" no ámbito sanitario, como nos medicamentos. "Hai que rebelarse e dicir non", advirte o voceiro socialista, Méndez Romeu. Entre outras propostas, o PSdeG aposta por aumentar "progresivamente" as achegas ás universidades até acadar o 1% do PIB e derrogar o decreto de comedores, como tamén propoñen AGE e BNG. Ademais, insta a recuperar o anterior sistema de empréstimo de libros e "restablecer as condicións laborais e profesionais perdidas" do profesorado. Tamén aposta por "equiparar" as prazas públicas en centros de día, escolas infantís, centros de inclusión e residencias á ratio media da UE e garantir o cumprimento da Lei de Dependencia.

O grupo do PSdeG tamén quere un fondo de emerxencia contra a pobreza e a exclusión que se dote cada ano cun mínimo do 0,1% do PIB e un plan de vivenda social. Como o resto dos grupos da oposición, oponse á reforma do sistema de pensións e censura as medidas sancionadoras contra os emigrantes retornados, apostando por acabar coa vaga de multas.

AGE e BNG reclaman unha renda básica e medidas eficientes e xustas contra os desafiuzamentos

Entre as súas medidas sociais, AGE avoga por novas accións contra os desafiuzamentos, como unha nova regulación semellante ao decreto andaluz e que se opte pola expropiación de vivendas baleiras para realoxar persoas desafiuzadas. Ademais, demanda a modificaicón da tarificación eléctrica pensada "para favorecer os grandes produtoras" e pide "impulsar políticas de democratización da enerxía e contra o oligopolio".

Tamén solicita a coalición de esquerda unha "auditoría da débeda" da autonomía para saber "en que gastou" Feijóo os cartos públicos e para que servizos sociais. Alén disto, aposta polo fomento do emprego verde e, como toda a oposición, pola devolución do diñeiro "roubado" aos afectados polas preferentes. Ao tempo, reclama á Xunta o "rescate" da autoestrada AP-9 ou do hospital Povisa de Vigo e a investigación do tráxico acciente de Angrois. No entanto, o voceiro da coalición, Xosé Manuel Beiras, destacou que "o único proveitoso" deste Debate sería que Feijó convocase eleccións.

O BNG, pola súa banda, reclama unha "renda de garantía social" para acabar coa pobreza, en consonancia coa "renda básica universal" que propón AGE. Ademais, o Bloque solicita unha "quita hipotecaria" para arranxar a problemática da vivenda, medidas serias contra os desafiuzamentos e a "inmediata paralización" dos expedientes en trámite, así como se permita a dación en pago cando o debedor actuou de boa fe e ten a casa afectada como habitual.

O BNG propón tamén reducir no 50% os gastos de mantemento da Cidade da Cultura e destinalos ao apoio doutros sectores culturais nos Orzamentos de 2014, así como a retirada da Lomce e da lei da reforma local -obxectivo común aos outros grupos da oposición-, as trasnferencias dos aeroportos, un novo plan de financiamento universitario, a depuración e saneamento das rías, paralizar a "privatización" das estradas e unha "ofensiva institucional" en defensa do ferrocarril interior galego.

Ademais, aposta pola retirada do plan mineiro da Xunta e das súas políticas mineiras extremas (ao igual que AGE) e polos sectores produtivos reclamando unha política activa de recuperación da actividade agrogandeira, a mudanza da política forestal e a implantación do banco de terras, así como conseguir a libre decisión de Galicia en materia pesqueira e marítima e fomentar o comercio propio. En canto ao naval, o Bloque reclama "medidas urxentes" de financiamento aos estaleiros para poder construír barcos e ser "parte activa" na negociación do levantamento do veto a Navantia.

Os tres grupos fan fincapé na necesidade urxente de reactivar o sector naval a través de varias medidas

Neste aspecto, AGE pide convocar con carácter de urxencia a Mesa do Sector Naval de Galicia, con participación de empresarios do sector e dos sindicatos con representación no mesmo, onde se comprometerá un Plan de Viabilidade para o sector, así como as iniciativas e accións que a Xunta executará. O PSdeG, pola súa banda, insta o Goberno a "facer público, no prazo dun mes, un calendario de inicio e remate da construción dos floteis de Pemex, así como da respectiva carga de traballo, e a presentar na Cámara, no prazo de dous meses, o proxecto de construción e financiamento dun dique flotante na ría de Ferrol". Todo dentro dun programa de reactivación de tan golpeado sector.

Romeu diríxese ao presidente © Parlamento de Galicia
Beiras e Díaz, nun intre do pleno CC-BY-NC-SA AGE
Jorquera, durante o pleno © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.