Derradeiro gran debate da lexislatura: da "estabilidade" de Feijóo antes de dimitir ás propostas de Rueda para uns meses

Rueda observa o escano baleiro de Feijóo no último debate de política xeral, en outubro de 2021 CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

 

Presidente e portavoces de PP e PSdeG mudan a respecto do anterior pleno de política xeral, hai agora dous anos, do que só repite Ana Pontón e no que Feijóo ofrecíase como garantía para Galicia apenas catro meses antes de iniciar a súa marcha

O 13 de outubro de 2021, no último debate de política xeral celebrado no Parlamento de Galicia, o daquela presidente Feijóo presentouse a si mesmo como garantía de "moderación" e "estabilidade" en Galicia. Apenas catro meses máis tarde iniciaba a súa marcha a Madrid aproveitando a crise interna aberta no PP estatal. 

Dous anos despois, este luns comeza un novo debate de política xeral, o derradeiro dunha lexislatura que rematará antes dun ano e na que só haberá dous plenos similares, o de 2021 e este, por non estar previstos nos anos en que haxa unha investidura na presidencia da Xunta, como ocorreu en 2020 coa de Feijóo e en 2022 coa súa remuda por Rueda.

Así que este será o primeiro debate de política xeral para Rueda, pero tamén para os portavoces de PP e PSdeG, de xeito que só a nacionalista Ana Pontón repetirá no papel de hai dous anos. Será nun debate no que as propostas do titular da Xunta terán terán un recorrido limitado, xa que terá que convocar a eleccións antes do vindeiro setembro.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os portavoces dos grupos que intervirán no debate de política xeral, Ana Pontón (BNG), Luis Álvarez (PSdeG) e Alberto Pazos (PP) CC-BY-SA Praza Pública

No debate de hai dous anos o propio Feijóo enumerou as que consideraba "tres claves para a moderación" dun político, facendo ver que el as reunía: “O político moderado non inicia a súa xornada pensando no que pode facer para fragmentar a sociedade, senón no que pode aportar para unila; a segunda clave é a linguaxe que se utiliza, un político moderado non precisa ferir para explicar con claridade o que pretende, o que defende; a terceira é ter presente que non hai verdades indiscutibles nin tampouco solucións máxicas para os problemas da nosa xente”.

Naquel debate Feijóo tamén prometía continuar co seu "reformismo continuado" e "progreso sensato" e fronte á "inestabilidade e a frivolidade e o sectarismo" que atribuía ao Goberno central de Pedro Sánchez aseguraba que había unha "esperanza", que estaba "e vai seguir estando, en Galicia, na moderación galega".

Aquel debate rematou o 15 de outubro de 2021, e apenas catro meses despois, o 17 de febreiro de 2022, Feijóo avivaba o "incendio" que viña de declararse no seu partido, unha crise interna que o levaría a Madrid e a converterse no primeiro presidente da Xunta en exercicio que renunciaba ao cargo de xeito voluntario.

Rueda hai unha semana nun acto da xira que está a facer por Galicia para "atender as preocupacións reais" do país © PPdeG

O debate de hai dous anos situábase entre a fin da pandemia que marcara o ano e medio previo -de feito Feijóo anunciou no seu discurso a fin da emerxencia sanitaria- e a volta á normalidade que o popular afrontaba cun discurso que parecía anticipar as súas principais liñas de actuación na súa nova faceta de oposición a Sánchez do último ano.

Rueda afronta o debate tras ano e medio no cargo pero aínda tentando darse a coñecer e facendo ver que el ten a iniciativa política en Galicia

Agora o novo debate chega sen as emerxencias sanitarias ou económicas daquel momento, pero coa lexislatura na súa recta final. Rueda ten nas súas mans a decisión de en que data convoca os próximos comicios galegos, en todo caso antes do próximo setembro. Afronta este pleno tras case ano e medio no cargo marcado pola marcha constante a Madrid con Feijóo de figuras significativas tanto do Goberno galego como do PP, desmantelados en función das necesidades do líder estatal. Faino tentando facer ver que é el quen ten a iniciativa política en Galicia, tras reunir hai unhas semanas aos altos cargos da Xunta cunha arenga para pedirlles un novo esforzo e logo de iniciar hai uns días unha xira co PPdeG para "manter un contacto máis directo cos galegos e as galegas".

Pontón ve o debate como un "final de ciclo" ante as próximas eleccións nas que aspira a que o BNG lidere un goberno alternativo

Canto aos grupos parlamentarios, só Ana Pontón repite a respecto do debate de hai dous anos. Afronta o novo pleno de política xeral como un "final de ciclo". Como candidata ás próximas eleccións galegas, ten a expectativa de consolidar o BNG como segunda forza tras o PP e lograr que a esquerda sume maioría suficiente para unha mudanza de goberno tras máis de 14 anos dos populares. Tamén ela vén de iniciar unha serie de conversas sobre "temas que interesan e preocupan á cidadanía" baixo o concepto #CódigoAna.

Ana Pontón con Pili Pampín nunha da serie de conversas que está a divulgar como #CódigoAna CC-BY-SA BNG

Porén, polo PSdeG intervirá non o seu candidato ás próximas eleccións, aínda pendente de elixir, con José Ramón Gómez Besteiro como mellor colocado, senón o seu actual voceiro parlamentario, Luis Álvarez, que substituíu hai ano e medio a quen fora a cara dos socialistas no último debate de política xeral, o tamén ex-secretario xeral Gonzalo Caballero. Tamén para os socialistas o desta semana é un debate de "fin de ciclo", como o cualifica o actual secretario xeral, Valentín González formoso.

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Pero as mudanzas a respecto de hai dous anos non quedan aí xa que tamén o PP terá novo portavoz. A marcha con Feijóo a Madrid de Pedro Puy, con varios debates de política xeral ás súas costas, deixa esta semana esa responsabilidade en mans de Alberto Pazos Couñago apenas un mes despois de ser designado para o posto. 

Alberto Pazos Couñago, portavoz parlamentario do PPdeG © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.