Ana Pontón asegura que o de Rueda é "un goberno coas pilas esgotadas" e salienta que o BNG "representa o futuro e a esperanza"
O debate de política xeral, coñecido como "debate do estado da autonomía" ou "da nación", está previsto na Cámara galega para os días 9, 10 e 11 de outubro. Será o primeiro de Alfonso Rueda como presidente da Xunta porque o regulamento do Parlamento indica que "non caberá celebrar este debate cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou a presidenta da Xunta". Desta maneira, a líder da oposición en Galicia, Ana Pontón, terá a oportunidade de interpelar a Rueda por primeira vez neste formato e augura que marcará "o final de ciclo do Partido Popular, cun modelo que representa o pasado e o pesimismo, e un BNG que representa o futuro e a esperanza".
A portavoz nacional do BNG criticou que as políticas do PP fan que Galicia perda peso político coa "parálise na transferencia de competencias, a discriminación en materia de financiamento e a submisión do PP a Madrid e o centralismo". "O Goberno galego –incidiu Pontón– non actúa ao servizo dos intereses de Galiza, é unha delegación en Galiza do PP madrileño e dos grandes grupos económicos".
"Temos un goberno sen forza, sen pulso, sen impulso, que semella un coche co depósito baleiro e que ten dificultades para rematar o traxecto do final do mandato para chegar á meta. Un goberno coas pilas esgotadas. Que está desexando que chegue o final do partido porque está absolutamente desfondado, esgotado, sen ideas e sen proxectos de futuro", advertiu a nacionalista na mesma mañá na que o PP anunciou que Rueda inicia a precampaña para as eleccións galegas, aínda sen data.
A portavoz nacional do BNG presentará "medidas urxentes" como un bono escolar ou a restitución da Tarxeta Básica no debate de política xeral no Parlamento
Ana Pontón avanzou que o BNG presentará no debate de política xeral unha batería de propostas que inclúen "medidas urxentes" para protexer as persoas máis vulnerábeis e axudar a sociedade a afrontar as dificultades provocadas pola suba dos prezos da cesta da compra, dos combustíbeis e das hipotecas.
Propón mobilizar 153 millóns de euros nun bono escolar "para compensar os gastos extraordinarios do comezo do curso máis caro da historia", restituíndo a Tarxeta Básica "para compra de alimentos básicos e medicinas", permitindo a compatibilidade do Ingreso mínimo vital e mais da Risga e creando "un fondo de rescate hipotecario para 120.000 persoas con hipotecas".
Na mesma liña, Pontón asegurou que defenderá "proxectos transformadores e de futuro" para poñer en marcha "unha Galiza viva, forte, dinámica, orgullosa, científica e feminista". Para o que considera que é preciso "ampliar o autogoberno político, económico e fiscal" e lograr "máis recursos" cun novo sistema de financiamento autonómico.