Os nacionalistas reclaman que se cree xa unha tarxeta de axuda ás familias e os socialistas apuntan ao efecto sobre o problema demográfico do peche de aulas nas vilas máis pequenas
O curso escolar comezou este luns no medio dunha ameaza de folga do profesorado que o propio conselleiro de Educación tentou atallar ofrecéndose a negociar de xeito xenérico as reclamacións de menos alumnos por aula e menos carga burocrática. Unhas cuestións nas que tamén este luns puxo o foco a oposición de BNG e PSdeG, engadindo o custo que para as familias ten a compra de libros e material escolar. Nese eido, tanto nacionalistas como socialistas prometeron recuperar a gratuidade dos libros de texto suprimida polo PP hai unha década.
Desde o BNG o deputado Luís Bará amosou a súa "preocupación por un curso escolar difícil" non só polo "malestar do profesorado que xa se fixo público polo empeoramento das condicións de traballo" senón tamén polo "impacto brutal da situación socioeconómica das familias á hora de atender os gastos extraordinarios do comezo do curso, que se suman a unha situación xa moi delicada".
Bará criticou a redución por parte da Xunta de unidades educativas e de prazas de profesorado, que lamentou que vaian acompañadas dun incremento do investimento na escola privada. Tamén lamentou que as axudas económicas da Xunta ás familias son "insuficientes", con limiares "excesivamente baixos".
Fronte a esta situación, o nacionalista reiterou a promesa do BNG de retomar a gratuidade dos libros de texto que implantara o goberno bipartito de 2005-09. Segundo dixo, será unha medida "que nos propoñemos aplicar desde o momento en que o BNG teña o goberno". Pero antes, desde xa, os nacionalistas reclaman que a Xunta implante unha "tarxeta transitoria de ata 500 euros" que "dependa da renda".
Desde o PSdeG Formoso lamenta "a falla de iniciativas do goberno galego para axudar ás familias, que teñen que asumir un gasto medio de 420 euros por fillo"
A promesa de recuperación da gratuidade dos libros de texto foi reiterada tamén polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, durante unha visita ao IES Rosalía Mera, xestionado pola Deputación da Coruña que preside. Formoso lamentou "a falla de iniciativas do goberno galego para axudar ás familias, que teñen que asumir un gasto medio de 420 euros por fillo".
Tamén desde o PSdeG, neste caso desde o Parlamento de Galicia, pronunciouse a deputada Begoña Rodríguez Rumbo, quen ligou os problemas na educación co retroceso demográfico. A socialista criticou que desde a Xunta "non se poñen recursos para ver resultados" e "ano tras ano segue coa política de desmantelamento da educación pública". "E se imos aos concellos máis pequenos vemos como a situación está moito máis agravada", sentenciou.
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegura que as axudas da Xunta chegan a sete de cada dez alumnos, "lonxe daquel café para todos que defenden BNG e PSdeG"
Fronte ás críticas da oposición, o novo portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, asegurou que "a Xunta está a poñer todo o que está na súa man para que ese comezo se produza con total normalidade". "Contamos cun dos mellores sistemas educativos de España, homologable senón mellor que o de moitas rexións europeas", dixo, para asegurar que no eido das axudas ás familias o Goberno galego está a intensificar o seu esforzo e, segundo os seus datos, "sete de cada dez alumnos serán beneficiarios de axudas para libros ou material escolar". Unhas axudas que se producen "lonxe daquel café para todos que defenden BNG e PSdeG".