CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación en Galicia, insta a inspección educativa da Xunta e do Estado a vixiar que os colexios que segregaban o alumnado por sexo non o sigan facendo, logo de que lograsen 74 concertos da Administración galega tras obrigalos a lei estatal a seren mixtos para poder optar a eles.
O 21 de agosto de 2017 a Xunta facía oficial a asignación dos concertos educativos ata o curso 22-23. Naquel reparto incluíase o financiamento público de 58 unidades docentes en cinco colexios privados que segregaban o alumnado en función do sexo.
CIG-Ensino "sospeita" que os catro centros vinculados ao Opus Dei "non cumpren coa normativa"
Seis anos despois, o Goberno galego publicou o pasado 18 de agosto no Diario Oficial de Galicia o reparto da súa nova orde de concertos, os que financia con 1.900 millóns de euros ata o curso 28-29. Nela volven figurar estes centros con ata 74 concertos, pero tamén coa obriga de convertérense en mixtos, asumida para poderen seguir recibindo fondos públicos sen quebrantar a vixente lei educativa estatal, tal e como avanzou Praza.gal a pasada primavera.
Tal e como se destacara daquela, e lembra agora CIG-Ensino, o Centro de Estudos Superiores Aloya de Vigo, dedicado integramente a FP, xa introduciu a matrícula mixta. No caso dos outros catro colexios con unidades concertas de Infantil, Primaria e ESO, o sindicato "sospeita que non se está cumprindo a normativa". Trátase dos centros vinculados ao Opus Dei Montespiño e Peñarredonda, na Coruña, e Montecastelo e Las Acacias en Vigo, que incrementaron as aulas concertadas con respecto ao curso pasado, con doce en Infantil: seis no Montespiño e outras seis en Las Acacias.
O sindicato advirte, como comprobou Praza.gal, que os centros só ofertaron matrícula mixta en primeiro de Primaria alegando que no resto de cursos as prazas xa estaban cubertas
Tras asumir a Xunta que a vixente lei estatal (a LOMLOE) a deixaba sen marxe legal para seguir financiando estes colexios, os centros educativos Montespiño, Peñarredond, Las Acacias, e Montecastelo teñen que deixar de segregar para seguir sendo financiados.
Non obstante, como puidera comprobar este xornal, cara ao curso 23-24 estes colexios privados con concerto público só ofertaron matrícula mixta en primeiro de Primaria, alegando que no resto de niveis as prazas xa estaban cubertas polo alumnado de cursos anteriores, polo que a realidade segregacionista tardará aínda uns anos en desaparecer de facto.
Iso é o que denuncia agora a CIG, que asegura que puido comprobar que estes centros "terían aberto a posibilidade de matrícula mixta só no primeiro curso de Primaria, coa escusa de que no resto xa teñen alumnado a matricula completa". Por iso, o sindicato insta as administracións a "que vixíen que se está a cumprir o establecido na LOMLOE", ao ter "todas as sospeitas de que poidan estar eludindo a normativa".
"Agora temos que aceptar tamén nenos en primeiro de Primaria debido ao cambio lexislativo, pero nos outros cursos será de maneira paulatina", responderon a Praza.gal nun destes centros á pregunta dunha familia sobre a posibilidade de escolarizar un cativo. "A partir do vindeiro curso haberá escolarización mixta, pero só no primeiro curso de Primaria", coinciden noutros dos colexios relixiosos que ata hai nada segregaban o alumnado por cuestión de xénero.
Así, CIG-Ensino xa solicitou á Xunta "datos exactos de matrícula con datos diferenciados por xénero en todas as aulas porque, ao ser ensinanza concertada, no caso de haber prazas libres tamén se debería abrir a posibilidade de matricularse tanto a nenos como a nenas".
"Manterémonos alerta para que non se sigan financiando pola porta de atrás centros do Opus Dei que incumpran a norma e manteñan un espírito reaccionario de separación do alumnado por cuestión de xénero", advirte o sindicato.