A Xunta destina 1.900 millóns a concertos coa escola privada ata 2029 e asume que é ilegal subvencionar os que segregan

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitando un colexio público en Santiago co gallo do inicio do curso 22-23 CC-BY-SA Foto: David Cabezón / Xunta | Montaxe: Praza.gal

O presente curso escolar 2022-23 é o último no que están vixentes os concertos educativos aprobados pola Xunta en 2017. Daquela, o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo aproveitou todas as posibilidades que lle daba a LOMCE, a alcumada como 'Lei Wert', en aspectos como a blindaxe do financiamento público para os centros que segregan o alumnado por sexo e mesmo foi máis alá do que esixía a controvertida norma en eidos como o financiamento.

O Goberno galego reserva 1.902,9 millóns de euros na orde de concertos que estende ata o curso 28-29. Son 352,28 máis que na anterior, un incremento do 22,7%

Este 20 de xaneiro de 2023 o gabinete agora presidido por Alfonso Rueda publicou no Diario Oficial de Galicia a orde de concertos que rexerá dende o vindeiro curso 2023-24 e ata o 2028-29. Malia ao descenso da poboación escolar pola mingua da natalidade, a Xunta non introduce cambios significativos na orientación política da orde. Ben ao contrario das contías que reserva cabe deducir que non contempla a posibilidade da redución do peso da concertada no conxunto dos sistema educativo. Si asume, non obstante, que ten que asumir os preceptos da nova lei educativa estatal que, entre outros aspectos, veta a subvención aos colexios que segregan por sexo.

Segundo se desprende do capítulo da orde dedicado ao financiamento, o Goberno galego reserva para estes concertos 1.902,9 millóns de euros ata 2029. Supón 352,28 máis que na orde anterior, un incremento do 22,7%. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o custo previsto por cada curso completo rolda os 317 millóns de euros na suma das aulas concertadas en Infantil, Primaria e ESO, Educación Especial e Formación Profesional, áreas nas que se volve dividir a orde de concertos.

Estes importes implican un aumento do 25,6% a respecto do orzamento da orde de 2017. Está un 26,6% por riba da orde de 2009, a que deixou aprobada o Goberno de coalición de PSdeG e BNG pero que xa aplicou -con diversas modificacións- o Executivo do PP de Feijóo.

Compromiso para todo o mandato do vindeiro Goberno galego

A Xunta fixa 6 anos de duración para todos os concertos, máis do esixido pola lei estatal

Como na orde de 2017, a Xunta establece para todos os concertos educativos unha duración superior á marcada pola lei estatal. Mentres que a lexislación do Estado estipula que a duración mínima dos concertos será de "seis anos no caso da Educación Primaria e de catro anos no resto dos casos", o Goberno galego opta por aplicar esa duración de seis anos a todos os niveis educativos. Isto provoca que o conxunto  da orde condicione por completo ao vindeiro Goberno galego, o que saia das eleccións previstas para 2024.

Esta duración de seis anos para todos os niveis fai que os custos sexan comparables cos da anterior orde, incluíndo os fondos para anos completos e tamén os reservados para o período de setembro a decembro do ano en que comeza o concerto (neste caso, 2023) e mais de xaneiro a agosto do ano de remate (na nova orde, 2029). Para o conxunto do sistema, eses 1.902,90 millóns de euros traen consigo o devandito incremento do 22,7%, pero a variación non é homoxénea por niveis

En Infantil e en Primaria e ESO o aumento non chega ao 20%, pasando de 231 a 270 e de 1.146 a 1.358 millóns de euros durante toda a vixencia da orde, respectivamente. Mentres, en Educación Especial o custo dispárase por riba do 50%, de 72 a 110 millóns de euros, e os concertos en FP aumentan o seu custo en máis dun 60%, de 101 a 162 millóns de euros.

Concertos ilegais para os segregacionistas

Xunto coas actualizacións dos orzamentos destinados á subvención dos centros concertados, a outra principal novidade da nova orde está no impacto da ilegalización das subvencións aos centros que segregan por sexo, ditaminada polo Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos na vixente lei educativa, a LOMLOE. Despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicase o pasado setembro que o seu Goberno estaba a procurar a "interpretación axeitada" da lei nesta materia para redactala, a nova orde de concertos vén asumir que os colexios segregacionistas fican fóra.

Esa exclusión cómpre buscala no anexo da orde que fixa o modelo de concerto que a Xunta subscribirá con cada colexio privado ao que lle conceda a subvención. Nesa cláusula indica que os colexios concertados están obrigados "a cumprir as normas de escolarización do alumnado en centros docentes públicos e privados concertados establecidas nos artigos 84 a 88 da LOE". Entre os requisitos fixados neses artigos está que "en ningún caso haberá discriminación" do alumnado "por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, sexo, relixión, opinión, discapacidade, idade, enfermidade, orientación sexual ou identidade de xénero ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social".

A orde remítese ás normas de escolarización fixadas na nova lei estatal, que indica que "en ningún caso haberá discriminación" por criterios coma o sexo e, ademais, evidencia que os centros subvencionados "non separarán o alumnado polo seu xénero"

Na Lei Wert ese precepto ía acompañado dunha engádega, segundo a cal "non constituía discriminación a admisión de alumnos e alumnas ou a organización da ensinanza diferenciada por sexos", pero na nova lei ese matiz desapareceu. Ademais, a disposición adicional vixésimo quinta da mesma lei especifica que "os centros sostidos parcial ou totalmente con fondos públicos desenvolverán o principio de coeducación en todas as etapas educativas" para cumprir a lei de igualdade "e non separarán o alumnado polo seu xénero"

A coeducación -aulas mixtas de nenas e nenos nos que o proxecto educativo inclúa criterios de igualdade de xénero-, precisamente, era en anteriores ordes de concertos (caso das de 2009 e 2013) un dos criterios fixados pola Xunta para dar preferencia a uns colexios sobre outros á hora de asignar concertos. Ese criterio desapareceu na orde de 2017 e tampouco figura na de 2023, se ben neste caso cabe deducir que carecería de sentido por que ningún centro que segregue pode optar un concerto. Si se manteñen outras liñas de preferencia, como as destinadas a centros que atendan "poboacións de condicións económicas desfavorables", realicen "experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo", "fomenten a escolarización de proximidade" ou "estean constituídos e funcionen en réxime de cooperativa".

Artigo da vixente lei educativa que veta os concertos con colexios que segreguen o alumnado por sexo CC-BY-SA Praza.gal

Agás que, como fixo en 2009, a Xunta opte por obviar a lexislación estatal e manter a subvención aos centros segregacionistas (o TSXG en 2013 e o Supremo en 2014 sentenciaron que contraveu a lei), os colexios segregacionistas non poderán acceder a unhas subvencións como as que en 2017 lles permitiran formalizar 58 concertos e cinco centros: Montespiño e Peñarredonda na Coruña e Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.