A nova orde de concertos da Xunta asume a imposibilidade legal de manter a subvención pública aos colexios que segregan o alumnado por sexo e os centros que aínda mantiñan esta segregación en Galicia xa manobran para aceptar a escolarización mixta e non perder así a achega da administración no vindeiro curso.
A nova orde de concertos da Xunta asume a imposibilidade de subvencionar, como ata agora, os colexios que segregan logo da entrada en vigor da LOMLOE
O presente curso escolar 2022-23 é o último no que están vixentes os concertos educativos aprobados pola Xunta en 2017. Daquela, o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo aproveitara todas as posibilidades que lle daba a LOMCE, a alcumada como 'Lei Wert', en aspectos como a blindaxe do financiamento público para os centros que segregan o alumnado por sexo e mesmo foi máis alá do que esixía a controvertida norma en eidos como o financiamento.
No pasado mes de xaneiro, o gabinete agora presidido por Alfonso Rueda publicou no DOG a orde de concertos que rexerá dende o vindeiro curso 2023-24 e ata o 2028-29. Supón 1.900 millóns das arcas públicas para a escola privada, máis de 350 por cada curso, segundo un texto no que a Xunta asumiu que tería que cumprir cos preceptos da nova lei educativa estatal -a LOMLOE- que, entre outros aspectos, veta a subvención aos colexios que segregan por sexo.
Á espera de que se resolva e se detallen os concertos, os colexios segregacionistas xa manobraron para poder acceder a unhas subvencións que, no caso de manter a separación por sexos, lles estarían vetadas. En 2017, estes cinco centros, catro deles vinculados ao Opus Dei (Montespiño e Peñarredonda na Coruña e Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo), formalizaran un total de 58 concertos. Agora, poderán tamén optar a eles logo de abrirse a deixar de ser exclusivamente masculinos ou femininos, aínda que daquela maneira.
Os colexios vinculados ao Opus Dei ofrecen xa a posibilidade de escolarización mixta, pero só no primeiro curso de Primaria que inicia o ensino obrigatorio
Como? Segundo puido comprobar Praza.gal, -exceptuando o Aloya que xa desde hai tempo oferta exclusivamente ciclos de FP mixtos-, o resto de centros que ata agora segregaban por sexo ofrecen xa a posibilidade dunha escolarización mixta, aínda que polo momento só en primeiro de Primaria. Xa que logo, acceden á matriculación de nenos e nenas no primeiro dos cursos, no que dá inicio á etapa de ensino obrigatorio, naquel no que se incorporan as crianzas e onde non hai opción a ter cubertas xa as prazas.
Porque no resto de cursos, segundo información que facilitan estes centros, a escolarización segue estando limitada a nenos ou nenas, segundo o carácter masculino ou feminino do centro, amparándose na cobertura de prazas coas matrículas das crianzas que xa empezaran antes a súa etapa educativa no colexio.
"Agora temos que aceptar tamén nenos en primeiro de Primaria debido ao cambio lexislativo, pero nos outros cursos será de maneira paulatina", responderon nun dos centros á pregunta dunha familia sobre a posibilidade de escolarizar un cativo. "A partir do vindeiro curso haberá escolarización mixta, pero só no primeiro curso de Primaria", coinciden noutros dos colexios relixiosos que ata hai nada segregaban o alumnado por cuestión de xénero.
Supón unha mudanza, aínda que mínima polo momento, do modus operandi habitual destes centros educativos tras o impacto da ilegalización das subvencións a aqueles que segregan por sexo, ditaminada polo Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos na vixente lei educativa, a LOMLOE.
Despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicase o pasado setembro que o seu Goberno estaba a procurar a "interpretación axeitada" da lei nesta materia para redactala, a orde de concertos asumiu que os colexios segregacionistas ficaban fóra e os centros mudaron as súas normas de matriculación para non quedar excluídos dos concertos.
Esa exclusión aparece no anexo da orde que fixa o modelo de concerto que a Xunta subscribirá con cada colexio privado ao que lle conceda a subvención. Nesa cláusula indica que os colexios concertados están obrigados "a cumprir as normas de escolarización do alumnado en centros docentes públicos e privados concertados establecidas nos artigos 84 a 88 da LOE". Entre os requisitos fixados neses artigos está que "en ningún caso haberá discriminación" do alumnado "por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, sexo, relixión, opinión, discapacidade, idade, enfermidade, orientación sexual ou identidade de xénero ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social".
Na Lei Wert ese precepto ía acompañado dunha engádega, segundo a cal "non constituía discriminación a admisión de alumnos e alumnas ou a organización da ensinanza diferenciada por sexos", pero na nova lei ese matiz desapareceu. Ademais, a disposición adicional vixésimo quinta da mesma lei especifica que "os centros sostidos parcial ou totalmente con fondos públicos desenvolverán o principio de coeducación en todas as etapas educativas" para cumprir a lei de igualdade "e non separarán o alumnado polo seu xénero".
Cando a Xunta obviou a lei estatal
En 2009 o Goberno de Feijóo obviou a lei estatal e mantivo as subvencións aos centros segregacionistas, como acreditou a Xustiza. Despois, a reforma educativa de Rajoy permitiu que os seguise financiando
A coeducación -aulas mixtas de nenas e nenos nos que o proxecto educativo inclúa criterios de igualdade de xénero-, precisamente, era en anteriores ordes de concertos (caso das de 2009 e 2013) un dos criterios fixados pola Xunta para dar preferencia a uns colexios sobre outros á hora de asignar concertos. Ese criterio desapareceu na orde de 2017 e tampouco figura na de 2023, se ben neste caso cabe deducir que carecería de sentido por que ningún centro que segregue pode optar un concerto. Si se manteñen outras liñas de preferencia, como as destinadas a centros que atendan "poboacións de condicións económicas desfavorables", realicen "experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo", "fomenten a escolarización de proximidade" ou "estean constituídos e funcionen en réxime de cooperativa".
Así, o proceder da Xunta será o contrario do de 2009, cando obviou a lexislación estatal e mantivo a subvención aos centros segregacionistas, algo que o TSXG en 2013 e o Supremo en 2014 sentenciaron que contraviñera a lei. Os colexios que queiran acceder a estas subvencións públicas non poderán ser exclusivamente femininos nin masculinos. Serano sendo, con todo, na maioría dos cursos pero xa non poden vetar por cuestión de sexo ningunha crianza que comece o ensino obrigatorio.