Rueda xustifica que Feijóo non concrete compromisos para Galicia e BNG e PSdeG aféanlle "submisión"

Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luis Álvarez durante a sesión de control á Xunta do Parlamento de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

"Claro que hai que estar pendentes de Madrid agora mesmo", di o presidente da Xunta cando os portavoces da oposición lle censuran as súas viaxes reiteradas a actos de Feijóo 

As preguntas formuladas por BNG e PSdeG na sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia xiraban inicialmente arredor das dificultades económicas das familias e as políticas do Goberno galego ao respecto. Pero tanto as respostas do presidente Rueda como o debate que se abriu coa nacionalista Ana Pontón e o socialista Luis Álvarez acabaron convertendo a Cámara galega nun apéndice do debate de investidura de Feijóo no Congreso dos Deputados. Unha sesión na que o presidente da Xunta xustificou que o seu antecesor non verbalizase en Madrid compromisos concretos para Galicia, ao contrario do que fixo co resto de comunidades autónomas, mentres BNG e PSdeG lle afeaban a súa "submisión" ao PP estatal.

Rueda no Parlamento este mércores 27 de setembro de 2023 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Segundo Rueda, Feijóo non precisaba concretar compromisos para Galicia no seu debate de investidura porque os coñece moi ben e serán todos os que segundo di incumpriu o Goberno de Pedro Sánchez durante os últimos cinco anos. "Eses compromisos os coñecen os galegos perfectamente e serán executados tarde ou cedo", dixo Rueda repetindo unha expresión coa que Feijóo vén evidenciando que non vai chegar agora á Moncloa pero que espera facelo en breve.

"Non só aplaudiu o desprezo de Feijóo senón que vén a Galiza a xustificalo", criticou Pontón a Rueda

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, as xustificacións de Rueda do discurso de Feijóo supoñen unha submisión "ao PP de Madrid". E preguntouse "que fai o señor Rueda, pasea por Madrid, vímolo o domingo de figurante no acto do PP e onte aplaudindo" no Congreso. "Non só aplaudiu ese desprezo senón que vén a Galiza a xustificalo", engadiu, para considerar que Rueda é "un presidente accidental irrelevante desde o punto de vista político".

Ana Pontón no Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

"Pasa máis tempo en Madrid que en Galicia", censurou a Rueda o portavoz do PSdeG, Luis Álvarez

Similares críticas lanzou o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, quen dixo que Rueda, ao que tamén cualificou como "presidente substituto", "pasa máis tempo en Madrid que en Galicia" e lamentou que o ex-presidente Feijóo "non tivo nin unha soa palabra para as necesidades que ten Galicia". 

"Eu estaba en Madrid escoitando o candidato que gañou as eleccións", respondeu Rueda, quen asegurou que no Congreso "falouse de moitas das preocupacións que teñen as familias galegas" pero que Feijóo non tiña necesidade de concretar compromisos territoriais para Galicia porque "todo o mundo o coñece". "Claro que hai que estar pendentes de Madrid agora mesmo", incidiu o presidente da Xunta, pero o seu foco non o puxo tanto nesas medidas que alí se poidan adoptar para Galicia como en criticar, como fixo Feijóo no Congreso, as cesións de Pedro Sánchez a Catalunya.

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, este mércores CC-BY-SA PSdeG

Sobre a orixe do debate, as políticas da Xunta para as familias galegas, Rueda salientou os sucesivos bonos que ven habilitando ou prometendo para mercar material deportivo ou mercar en comercios, mentres que a oposición pediulle medidas máis dirixidas á poboación máis desfavorecida como a recuperación da tarxeta básica para alimentos e medicinas suprimida hai un ano. E Rueda fixo ver que a Xunta sempre podería facer máis se tivese máis recursos estatais, dos que lamentou que agora vaian ir a "pagar" a Catalunya a investidura de Sánchez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.