A dirección galega envía un comunicado á militancia informando da decisión da dirección federal
O PSdeG enviou este luns un comunicado á súa militancia no que informa do aprazamento ata que se renove o Goberno de España das primarias que tiña previsto celebrar o 17 de setembro para elixir candidato á Xunta. O comunicado atribúe a decisión á Comisión Executiva Federal do PSOE, da que di que "considera necesario aprazar o proceso interno de primarias en Galicia ata que se celebre a sesión de investidura de Pedro Sánchez como Presidente e a posterior formación de Goberno".
A executiva nacional do PSdeG decidira o pasado 29 de xullo celebrar primarias o próximo 17 de setembro para elixir o seu candidato ou candidata á presidencia da Xunta nas eleccións que o actual presidente, Alfonso Rueda, debe convocar ao longo do próximo ano. Unhas primarias ás que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, postulou ao seu antecesor e actual deputado por Lugo José Ramón Gómez Besteiro. Se Besteiro se presenta, dixo Formoso xa o pasado decembro, daralle todo o seu apoio.
O secretario xeral do PSdeG, Formoso, xa sinalara ao seu antecesor e agora deputado Besteiro como a súa preferencia como candidato á Xunta
Porén, coa data xa fixada nada se avanzara ata agora no proceso das primarias. E este luns o PSdeG enviou á militancia un comunicado no que comunica a decisión do PSOE estatal. O escrito, avanzado por Europa Press e ao que tivo acceso Praza.gal, reproduce os argumentos esgrimidos pola dirección federal: "A actual situación política" tras as eleccións xerais do 23X e estando aínda pendente a investidura da presidencia do Goberno de España, di Ferraz, "desaconsella poñer en marcha este proceso orgánico neste momento".
"Ata a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno queda paralizado o proceso de primarias proposto desde o PSdeG-PSOE", di o comunicado, que engade que "unha vez se resolva a situación política a nivel estatal retomarase dita proposta e establecerase o calendario definitivo para a celebración de primarias para a elección de candidato/a do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia".