A militancia do PSdeG elixirá o seu candidato á presidencia da Xunta para as vindeiras eleccións autonómicas nunhas primarias que se celebrarán o próximo día 17 de setembro e nas que todas as olladas mirarán cara a José Ramón Gómez Besteiro.
Así o aclarou en declaracións aos medios o secretario xeral do partido, Valentín González Formoso, logo da reunión da executiva nacional do PSdeG en Santiago. Non quixo desvelar, no entanto, polo se Besteiro se presentará a estas primarias ou se el mesmo pode ser un dos candidatos.
Formoso non quixo desvelar se Besteiro se presentará ás primarias malia que todas as miradas ollan para el
"Iso tocará cando estean convocadas e se abra o proceso de presentación de avais e de candidaturas", dixo. "Aí veremos cal é o candidato do PSdeG", insistiu, obviando o que todos dan por feito: que a figura de Besteiro será, agás sorpresa, quen luza nos carteis electorais socialistas.
Formoso asegurou que, deste xeito, "en breve" terán un candidato que "terá o tempo que considere oportuno para mostrar un equipo e un proxecto" para o PSdeG e para a sociedade.
Os prazos para presentación desas candidaturas, segundo explicou, abriranse a finais de agosto principios de setembro, para, a continuación, saber "xa o nome da persoa escollida pola militancia". Cuestionado sobre se só haberá un candidato, Formoso ironizou: "Pode haber sobre 10.000 candidatos dun partido que ten unha ampla base de militancia".
Formoso prometera porse a un lado se Besteiro se presentaba. "Son un home de palabra para todo", di agora
Ademais, preguntado por unha posible candidatura do ex-secretario xeral Gonzalo Caballero, Formoso reiterou que "10.000 militantes poden aspirar a presentar un proxecto que ilusione ao partido e a Galicia".
Cuestionado tamén sobre se se porá a un lado se José Ramón Gómez Besteiro decidise presentar candidatura, tal e como prometera, Formoso asegurou que é "un home de palabra para todo", pero insistiu en que "son cuestións que nos próximos días se dilucidarán internamente".
Para González Formoso, con esta convocatoria ábrese "un proceso ilusionante", como é "a activación da democracia e a soberanía do voto da militancia" do partido. "Hai que pór en valor que este é un sistema que a cidadanía valora. Non só practicamos nin anunciamos a democracia cara a fóra, senón que tamén a practicamos internamente. Nós non eliximos o noso candidato á Xunta conforme a un dedazo ou unha reunión dunha executiva", puxo en valor.
Nesta liña, Formoso afirmou que inician este proceso con "a ilusión dun cambio en Galicia" para o momento no que o presidente da Xunta "active o proceso electoral, cando considere oportuno" e "deixe de exercer este bamboleo na decisión final".
Para Formoso, o "proxecto" que saiaelixido "pretende confirmar o liderado da esquerda en Galicia do PSOE, tendo en conta os últimos procesos electorais".
Apelación ao "voto útil" na esquerda
Ademais, volveu a apelar ao "voto útil" aos socialistas, "con respecto absoluto ao resto de forzas políticas", pero, engadiu, "hoxe en Galicia hai moita xente probablemente defraudada coas aspiracións e expectativas doutras formacións de esquerdas nas xerais que ao final ven que a formación dun Goberno en España está en perigo por un voto que ao final non tivo a utilidade que pretendía".
Por iso, animou aos electores a "aprender das leccións", xa que, na súa opinión, que haxa un cambio de goberno en Galicia "só é posible matemática, histórica e loxicamente se o PSdeG lidera as forzas de esquerdas" para "volver inxectar ilusión en Galicia" e "espertar a un país que ten dereito a soñar".