Rueda pide ser presidente cun proxecto continuísta de xestión e críticas ao Goberno de España

Alfonso Rueda durante o seu discurso de presentación do seu programa político para ser investido presidente da Xunta © PPdeG

O discurso de investidura do popular dedicou máis tempo a facer balance positivo dos mandatos de Feijóo que a futuras políticas, cos principais anuncios centrados nas familias con fillos pequenos

Curto e continuísta foi o discurso de investidura que este martes pronunciou no Parlamento de Galicia Alfonso Rueda para presentar o programa político co que quere que este xoves a Cámara o elixa presidente da Xunta. Foi moi pouco máis dunha hora, menos do habitual nestas intervencións, na que o candidato do PP dedicou máis tempo a facer balance positivo dos mandatos de Feijóo que a futuras políticas, eido no que apostou por seguir xestionando medidas xa en marcha e centrou os seus principais anuncios concretos nas familias con fillos pequenos, con novas vacinas gratuítas e deducións no imposto da renda.

Foi un discurso no que tamén cargou contra o Goberno de España e contra os extremismos, nos que situou ao resto de formacións políticas fronte ao “sentidiño” do que di seguir sendo representante. El, que se presentou como “un camiñante máis” a carón dun “pobo humilde, traballador, entregado e familiar, orgulloso e nunca soberbio”.

Treitos do remate do discurso de investidura de Alfonso Rueda como candidato do PP á Presidencia da Xunta

Rueda comezou a súa intervención dicindo querer falar “desde a experiencia que me dan todos estes anos de servizo a Galicia e coas habituais referencias protocolarias aos seus antecesores no posto. E se hai 20 meses, na súa cuarta investidura, Feijóo facía un discurso marcado polas urxencias do coronavirus e a xestión do día a día sen grandes proxectos a longo prazo, nesa mesma liña continuará o goberno de Rueda, agora sen tanta preocupación pola pandemia como polos efectos económicos que quedaron tras dela e os novos derivados da guerra en Ucraína.

Se hai 20 meses o discurso da cuarta investidura de Feijóo estivo marcado polas urxencias do coronavirus, a segunda metade da lexislatura non incluirá grandes novidades na "normalidade extraordinaria" que Rueda di querer manter 

Da hora que durou o discurso, un terzo dedicouno Rueda a facer balance positivo dos sucesivos mandatos de Feijóo, da súa “normalidade extraordinaria”, tentando presentar como novos anuncios decisións que xa se foran avanzando nos últimos meses para diversos eidos e que aínda non están implantadas. Foi no segundo terzo da súa intervención cando presentou as principais novidades para os dous anos como máximo que lle quedan á actual lexislatura, ata que el mesmo queira convocar novas eleccións.

Sen grandes proxectos de futuro, as políticas avanzadas por Rueda sitúanse no eido da xestión, continuando ou afondando o xa iniciado por Feijóo, cunha expresa promesa de continuar o plan estratéxico da economía galega ata 2030 do seu antecesor. Especialmente enfocadas ás familias con fillos pequenos son as dúas medidas máis concretas anunciadas este martes. Por unha banda, a Xunta incorporará tres novas vacinas gratuítas ao calendario infantil: a da meninxite B, a do virus do papiloma humano tamén para os nenos e non só para as nenas e a antigripal tetravalente. 

Hemiciclo do Parlamento de Galicia durante o discurso de investidura de Alfonso Rueda © Parlamento de Galicia

Por outra banda, Rueda avanzou unha redución do primeiro treito autonómico do imposto da renda do 9,4% ao 9% e, para as familias con dous fillos menores de 25 anos, “os mesmos beneficios fiscais, a efectos de IRPF, que desfrutan a día de hoxe as familias numerosas”. Iso suporá, segundo el mesmo exemplificou, “unha dedución de 250 euros no treito autonómico da cota íntegra do IRPF, que se incrementará en 250 euros extra polo terceiro fillo e cada un dos seguintes”.

Un "bono xacobeo" para a mocidade, axuda aos maiores nos trámites ante a Xunta ou departamentos específicos de FP e Termalismo, entre as medidas anunciadas por Rueda

Rueda tamén salpicou o seu discurso doutros anuncios menores de xestión como a contratación de 136 orientadores laborais, o lanzamento dun “bono xacobeo” para rebaixar estancias en albergues a mozos peregrinos ou a convocatoria dun número récord de prazas de campamentos de verán para os máis pequenos.

En materia económica Rueda asegurou que continuará a “consolidar sectores fortes coma a automoción, o agroalimentario ou o téxtil” e impulsará “sectores emerxentes como o aeroespacial ou o biotecnolóxico”, citando proxectos xa avanzados nos últimos meses como os das empresas Altri ou Zendal. 

Rueda recibe o aplauso das bancadas do PP tras o seu discurso de investidura © PPdeG

Canto á propia Administración, asegura que seguirá a simplificar trámites administrativos e que creará centros directivos propios para a Formación Profesional e para o Termalismo, neste caso con sede en Ourense. Tamén, que “todas as oficinas da Xunta contará cunha canle preferente e máis humana para a xente de máis de 65 anos”.

Na primeira semana de goberno Rueda trasladará a Sánchez un decálogo de reivindicacións, pero ao tempo acúsao de deixar "o futuro de España" en mans "daqueles cuxo proxecto político é a disolución do país"

Por sectores, limitouse a asegurar que o seu Goberno apostará polo relevo xeracional no marítimo e pola recuperación da terra agraria no rural. No social anunciou unha nova lei de inclusión. E se na sanidade reiterou a súa disposición a contratar máis profesionais e na cultura prometeu novas políticas de apoio, nos dous casos deitou parte da responsabilidade no Goberno de España. Un Executivo de Pedro Sánchez ao que dedicou o bloque final do seu discurso, cun decálogo de reivindicacións centradas en máis investimentos e transferencias económicas que asegura que lle formulará na súa primeira semana no cargo.

Ao Goberno central Rueda faino responsable de “boa parte” dos problemas económicos actuais, das sucesivas mudanzas normativas en todo tipo de sectores derivadas da pandemia da COVID e mesmo da unidade do Estado. “Négome a normalizar o feito de que o futuro de España estea nas mans daqueles cuxo proxecto político é a disolución do país”, dixo.

Alfonso Rueda durante o seu discurso de presentación do seu programa político para ser investido presidente da Xunta © PPdeG

Pola contra, a si mesmo presentouse Rueda como “honrado de continuar a participar desta obra coral que é a construción da Galicia do futuro”, na que dixo que “o protagonista é o pobo galego. “Este pobo meréceo todo e eu todo o darei para que logre as metas que se propoña. Ao carón da nosa xente, eu serei un camiñante máis”, rematou.

O debate de investidura continuará este xoves, ás 11.00 horas, coas intervencións dos grupos parlamentarios e a votación, que se estima contra as tres da tarde, que fará de Alfonso Rueda o sexto presidente da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.