O presidente provincial anuncia que xa encargou o anteproxecto e mantén contactos con investidores interesados no Pazo, iniciativa que a Xunta apoia para dar “un carácter máis ambicioso" ao plan 'Ourense, a provincia termal'
“Estou convencido de que no Pazo Provincial atoparemos o caudal termal suficiente para converter este edificio nun balneario de referencia en Europa”. Así anunciou este luns o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que a institución xa encargou un anteproxecto e está a manter contactos con investidores privados interesados en converter a sede da institución, a 300 metros das Burgas da cidade, no “futuro gran hotel balneario de Ourense”.
A iniciativa enmárcase no plan Ourense, a provincia termal, co que a Deputación está a impulsar ese tipo de turismo e que, co apoio da Xunta, quere que aspire a fondos estatais de sustentabilidade turística. Nesa estratexia “tería cabida o futuro gran hotel balneario de Ourense”, salienta a Deputación, cuxo presidente di del que sería “a infraestrutura que precisamos para que a cidade teña a plena condición de capital termal”.
Un proxecto que para o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, máximo responsable tamén da política turística galega, “daríalle un carácter máis ambicioso a un plan termal que aspira a lograr 3 millóns de euros de financiamento, dos que a Xunta de Galicia e o Estado aportarían o 45 % a partes iguais e o 10 % o Inorde”. A Deputación salientou este luns como Rueda destacou a necesidade de dar pulo aos recursos termais “xa que coa mellora das condicións sanitarias tamén imos asistir a un rexurdimento da actividade turística”.
A Deputación lembrou outros proxectos cos que colabora coa Xunta como "o parque acuático" prometido por Feijóo en 2016 que o Goberno galego adía a 2023
A Deputación tamén salientou este luns a colaboración habitual coa Xunta en todo tipo de iniciativas, entre as que citou “o parque acuático de Monterrei”, promesa de Feijóo antes das eleccións galegas de 2016 -despois de que fose proposto desde anos antes polo actual alcalde e líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome-, proxecto que o Goberno galego volveu comprometer antes dos comicios do ano pasado pero cuxo remate adiou a 2023.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, vén de anunciar un estudo sobre o efecto do termalismo para “unha perda considerable de calorías, equivalente a un paseo”, o que ve como “un filón de ouro” para a cidade
Por outra banda, no eido do termalismo a pasada semana o rexedor da cidade anunciou a súa intención de encargar un estudo a unha universidade sobre o efecto do termalismo no corpo humano. Segundo dixo, citando “recentes estudos”, un baño quente “produciría un efecto similar ao dun exercicio aeróbico e unha perda considerable de calorías, equivalente a un paseo. Se as nosas sospeitas son correctas, sería un filón de ouro e un reclamo adicional, xa que aos beneficios que un baño termal produce na pel, nos músculos ou nos ósos, engadiriamos un beneficio deportivo, un adestramento pasivo”.