Tres anos e medio despois, o Goberno galego aínda vai encargar agora a redacción do proxecto para unhas obras que cuantifica en 8,8 millóns de euros
O 7 de setembro de 2016, dúas semanas antes das últimas eleccións galegas, Alberto Núñez Feijóo prometeu un parque acuático para Ourense. Este venres, case tres anos e medio despois, a Xunta púxolle data: o verán de 2023. Fíxoo na presentación de diversas obras a realizar nas instalacións deportivas con piscinas xa existentes en Monterrei, no concello de Pereiro de Aguiar veciño da capital provincial. Alí o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, indicou que o Goberno galego aínda vai encargar agora a redacción do proxecto técnico, necesario para despois executar unhas obras que constarán de tres fases cun orzamento de 8,8 millóns de euros.
Antes de que Feijóo lanzase a súa promesa boa parte da clase política ourensá tomaba a broma unha idea similar cando a propuña Jácome, agora alcalde, que insiste noutro parque acuático ligado ao termalismo ao outro lado da cidade
Cando na campaña das eleccións galegas de 2016 Feijóo anunciou, acompañado polo presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, que a Xunta e a institución provincial impulsarían un parque acuático no complexo deportivo de Monterrei, no que xa hai varias piscinas, todos os medios locais coincidiron en destacar a promesa como a principal das enunciadas daquela polos populares para a provincia. Porén, pouco tempo antes boa parte da clase política ourensá tomaba a broma unha idea similar cando a propuña o populista e popular líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, que con esa e outras promesas é hoxe alcalde da cidade cun bipartito co PP. De feito, tras aquela promesa de Feijóo, Jácome apresurouse a felicitar ao líder popular: “En Democracia Ourensana sentimos o que se coñece como o orgullo do mestre. E ríanse de nós cando propuxemos a idea”.
Tras as eleccións de 2016, a Xunta non volveu falar do parque acuático ata dous anos despois, cando anunciou un estudo de viabilidade e cifrou o investimento en 6 millóns de euros, que o pasado agosto aumentou a 9
Pero unha vez revalidada a presidencia da Xunta, aquela promesa da última campaña electoral galega non acabou de arrancar. Non foi ata dous anos despois que o Goberno galego volveu meter o parque acuático na axenda política cunha visita da daquela secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, ás instalacións de Monterrei, onde anunciou que serían remodeladas tras un estudo de viabilidade por parte dunha “consultora especializada no deseño de parques acuáticos”. Daquela o Goberno galego aseguraba que barallaba “un investimento próximo aos 6 millóns de euros e unhas dimensións ao redor dos 35.000 metros cadrados”, características que levaron tanto a Democracia Ourensana como o PSdeG a considerar o proxecto “ridículo” e “unha charca”. O pasado agosto, nunha nota de prensa sobre outras obras en instalacións deportivas de Ourense, a Xunta xa elevaba a 9 millóns de euros o investimento necesario para “a creación do novo parque acuático do complexo deportivo de Monterrei".
"Os prazos de actuación indican que a zona acuática estará completamente rematada antes do verán de 2023", di agora a Xunta
Agora, despois de que xa desde a alcaldía Jácome insistise no seu proxecto de parque acuático, ligado ao termalismo e situado en Untes, ao outro lado da cidade, a Xunta dá conta dos prazos cos que traballa. Segundo indicou este venres, o primeiro que se vai facer en Monterrei será mellorar as instalacións deportivas xa existentes cun millón de euros, unhas obras que comezarán “no primeiro trimestre de 2020 para que estean finalizadas en verán”. Ao tempo, o Goberno galego di que para o parque acuático “a redacción do proxecto sairá a concurso nos vindeiros meses e constará de tres fases diferenciadas: a piscina familiar, a piscina infantil e os tobogáns de adrenalina”. Segundo a Xunta, que cuantifica as obras na “parte acuática” do complexo de Monterrei en 8,8 millóns de euros, “os prazos de actuación indican que a zona acuática estará completamente rematada antes do verán de 2023”.