Concello e Deputación estudan converter os 6 edificios de 16 pisos permitidos nunha parcela da institución provincial nun só bloque de 80 alturas
“Estariamos ante o rañaceos máis grande de España, con máis de 300 metros, e un dos 5 primeiros de Europa. Dispoñer en Ourense do maior rañaceos de España, sería unha atracción de visitantes garantida”. Así vén de defender este martes o Concello de Ourense, dirixido desde as pasadas municipais polo alcalde independente Gonzalo Jácome, a idea de levantar un rañaceos de 80 plantas cun miradoiro nunha parcela cun longo historial de mudanzas urbanísticas propiedade da Deputación de Ourense presidida por Manuel Baltar, da que di ter o seu apoio.
Segundo comunicou este martes o bipartito local de Democracia Ourensana e PP, “Concello e Deputación de Ourense valoran a innovadora idea” de facer o rañaceos de 80 andares en lugar dos seis bloques de 16 pisos cada un previstos ata agora na parcela de titularidade provincial coñecida como Finca Deputación ou Finca Santamariña. O Concello non indica de onde parte a “innovadora idea”, ou se hai xa algún promotor detrás dela, pero defende que agrupar o volume que se pode construír nese espazo nun único edificio en vez de en seis permitirá facer do resto da parcela “un súper parque así como un espazo destinado a equipamentos deportivos que inclúe unha piscina climatizada”.
Jácome criticara que a ordenación urbanística prevista para o predio era un "pelotazo" do que facía responsable aos "caciques" do PP, nomeadamente a Baltar
O lugar elixido, a coñecida como Finca Deputación, veciña do complexo hospitalario da cidade e propiedade da entidade provincial, tivo ao longo das últimas décadas varios futuros posibles, ningún deles nunca concretado. Nos últimos anos Democracia Ourensana e o propio Jácome criticaron que a ordenación alí prevista actualmente de varios bloques de considerable altura era un “pelotazo” do que facía responsable aos “caciques” do PP, nomeadamente a Baltar. Agora, gobernando en coalición cos populares, o goberno local que encabeza defende que o rañaceos “sería unha aposta polo beneficio público, xa que non estamos a falar de especulacións privadas, xa que o 80% do hipotético rañaceos sería de propiedade pública”. O Concello tamén defende que construír alí o rañaceos “non supón unha agresión arquitectónica, como suporía para o actual alcalde a construción de altos edificios noutras zonas de expansión da cidade, ao que el sempre se opuxo”.
O Concello admite que o rañaceos custaría máis que os seis edificios previstos pero xustifica que a maioría sería público aínda que “algunhas plantas poderían ser de uso residencial e hoteleiro”
O comunicado do Concello admite que o custo do rañaceos “sería lixeiramente superior á proporción da construción das 6 torres xuntas, pero perfectamente aceptable para desenvolver o proxecto”. Segundo di, o edificio resultante “podería acoller residencias, hoteis, oficinas públicas como o futuro centro de Intelixencia Artificial ou oficinas administrativas da Xunta e do Concello”, e lembra que o Goberno galego precisaría dese espazo para centralizar os seus servizos en Ourense. “Algunhas plantas poderían ser de uso residencial e hoteleiro”, conclúe o comunicado.
Actualmente o rañaceos máis alto de España é a denominada Torre de Cristal, unha das catro torres de similares dimensións construídas ao norte de Madrid, con 249 metros de altura e 50 plantas. Tras elas, Benidorm acumula o maior número de grandes edificios do Estado.