A pasada semana Áurea Soto, ex-edil de Urbanismo do Concello de Ourense, ficou libre da derradeira das causas xudiciais que nos últimos anos pesaran contra ela, acusacións e imputacións que partiran de denuncias presentadas por promotores inmobiliarios ou polo grupo do actual alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome.
Foron en total sete imputacións e tres xuízos. E trala apertura de xuízo oral no caso da Praza de San Antonio tivo que abandonar o cargo de concelleira de Urbanismo. Soto, que foi absolta de todas elas, cre que nestes procesos houbo unha "cacería" contra ela e contra os gobernos municipais de Ourense entre 2007 e 2015, sinalando que os controis que eses executivos estableceron no urbanismo da cidade provocaron "irritación" en certas persoas e grupos. Recoñece, finalmente, que o momento máis duro foi a detención do ex alcalde Francisco Rodríguez no ano 2012 no marco da Operación Pokemon.
Nestes anos a ex-concelleira tamén pasou á ofensiva, impulsando unha querela contra o popular Manuel Cabezas (alcalde de Ourense entre 1995 e 2007) por deixar de esixir a varios proxectos urbanísticos o 10% do aproveitamento, como esixía a lei, o que tivo como consecuencia unha perda duns 1,7 millóns de euros para as arcas municipais, como deixou reflectido no seu momento o Consello de Contas. Falamos con ela.
"O acoso foise pechando sobre nós, pero tentamos deixar todos os controis moi asegurados para que no caso de perder o Goberno municipal non lles resultase doado desfacelo"
Como recibiu a noticia de que finalmente quedaba tamén liberada de responsabilidades nesta última causa?
Isto non é só un día, foron moitos anos moi duros, primeiro co traballo no Goberno municipal durante oito anos, un traballo excepcionalmente intenso no ámbito do control urbanístico. Sempre digo que Ourense é moi peculiar neste sentido, porque no interior hai menos fiscalización, hai menos xente mirando.
Cal foi o momento máis difícil nestes anos?
Moi pouco despois das eleccións de 2011, nas que revalidamos o Goberno municipal e obtivemos un gran resultado, tivo lugar a detención do alcalde Francisco Rodríguez pola acción da xuíza Pilar de Lara. Ese momento foi moi duro, pero decidimos seguir traballando e defendendo un proxecto e un programa para o que fóramos elixidos. E ao mesmo tempo defendéndonos dun proceso xudicial e defendéndonos tamén no pleno municipal de personaxes como Pérez Jácome. O acoso foise pechando sobre nós, pero tentamos deixar todos os controis moi asegurados para que no caso de perder o Goberno municipal non lles resultase doado desfacelo e volver ás andadas. Por iso era tan importante deixar aprobado o novo Plan Xeral. E aguantamos, mantivemos a dignidade.
"As relacións persoais son o que sostén todo, sobre todo nos momentos difíciles. Démonos moito apoio todas as persoas que estabamos no goberno, tanto do PSOE coma do BNG"
No proceso que viviu foi importante o apoio persoal recibido?
As relacións persoais son o que sostén todo, sobre todo nos momentos difíciles. Démonos moito apoio todas as persoas que estabamos no goberno, tanto do PSOE coma do BNG. E tamén foi moi boa a resposta que deu a xente de Ourense en Común estes últimos anos. Nós aguantamos porque sabíamos que ía haber unha presión moi grande contra o Goberno, estabamos preparados para moitas cousas, pero seguramente non pensaríamos que chegaría a este nivel. Resistimos grazas ao excepcional traballo dos nosos avogados. E aguantamos tamén porque estabamos lexitimados polas urnas.
"O urbanismo en Ourense era unha feira sen control e sen expectativa de que ninguén a controlase. E nese momento entramos nós"
Como era o urbanismo en Ourense en 2007, cando chega ao Goberno?
Pois como era en case todo o Estado, porque isto non só pasou en Ourense. E, de feito, Ourense non era dos lugares con maior dinamismo ou nos que se movía máis diñeiro, pero era dos menos fiscalizados. O urbanismo en Ourense era o produto dunha liberalización absoluta do solo. A lei de 1998 determinaba que todo o solo, per se, era urbanizable. Só a modificación da Lei do Solo feita por Zapatero obrigou a xustificar os usos do solo para a súa urbanización. A isto uniuse unha facilidade para conseguir créditos, cun interese que era case cero. Iso converteu o urbanismo nunha feira, desaparecendo o interese público, e ao final a burbulla estalou. En definitiva, era unha feira sen control e sen expectativa de que ninguén a controlase. E nese momento entramos nós e cortamos todo iso.
Non se lles perdoou que establecesen eses controis?
Nós, nada máis entrar, cortamos esa situación, contra a que xa levabamos batallando dende o 2003, na oposición. Todo isto, evidentemente, xerou unha grande irritación en moita xente e cando ti lles tocas algo que consideran que lles pertence, aínda que non o sexa, van con todo contra ti.
"Cando ti lles tocas algo que consideran que lles pertence, aínda que non o sexa, van con todo contra ti"
Como está a querela contra Cabezas polo caso do 10%?
O tema do 10% é unha querela que interpuxen eu nese momento porque sabía que isto ía volver ocorrer de inmediato e había que paralo e, ademais, porque legalmente estaba obrigada a facelo. A instrución, en mans do xuíz Leonardo Álvarez, foi moi lenta e acabou arquivándose. Nós recorremos e por outra querela que presentamos Álvarez tivo que apartarse da causa e a Audiencia reabriu o caso. Co fiscal xefe Florentino Delgado tamén ía moi lento o proceso, ata que a avogada Elena Díaz o denunciou por abuso de poder. Agora, sen Florentino Delgado na Fiscalía, cremos que si, que irá a xuízo, e aí xa non sei como sairán as cousas. Xa chegar ata aquí foi un esforzo titánico, unha milagre, o normal era que isto quedara bloqueado hai xa tempo.
"O que me dá unha certa tranquilidade é que agora todo o mundo ve como é [Jácome], como actúa, quen son os seus aliados, e vese que sempre tivemos razón sobre el"
Como ve a política ourensá na actualidade, despois da chegada á Alcaldía de Pérez Jácome?
Sempre digo que son a persoa que está menos molesta coa nova situación política en Ourense, e todo o mundo queda perplexo cando o digo. Refírome a que Jácome sempre foi así, xa sabíamos que estaba disposto a gobernar co PP de Baltar, que era de aí de onde viña. Nós sufrímolo durante anos, especialmente despois da actuación de Pilar de Lara contra Paco, e cada vez que Jácome dicía nos plenos unha barbaridade en vez de ser criticado era celebrado. O que me dá unha certa tranquilidade é que agora todo o mundo ve como é, como actúa, quen son os seus aliados, e vese que sempre tivemos razón sobre el.
Nos seus plans está o regreso á política activa?
Non che vou contestar a iso, porque é o que certa xente esperaría que contestase. Aínda non o sei, pero o que é seguro é que nas listas do PSdeG-PSOE para as próximas municipais vai haber xente moi válida e vaise conformar un equipo moi potente. Hai xa xente moi boa no grupo municipal, e ten que haber máis. E o mesmo digo sobre o BNG ou Ourense en Común. E hai que facelo moi ben, porque o traballo é moi duro.