Un parque acuático para Ourense, no complexo deportivo de Monterrei, no concello de Pereiro de Aguiar, veciño da capital, é a promesa máis rechamante de todas as realizadas este mércores para a provincia polo presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo. Acompañado do presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, Feijóo sorprendeu a propios e estraños ao propor o mesmo proxecto co que teima hai anos o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome.
Aínda hai dúas semanas Democracia Ourensana insistía na proposta dun parque acuático como unha necesidade da única provincia galega sen mar. Este mércores, ao coñecer que a idea era recollida polo PP, Democracia Ourensana publicaba no seu perfil de Facebook unha mensaxe na que se felicitaba pola proposta: “Núñez Feijóo acaba de prometer en rolda de prensa que o seu goberno fará o gran parque acuático de Galicia en Monterrei. En D.O. Sentimos o que se coñece como o orgullo do mestre. E ríanse de nós cando propuxemos a idea”.
A promesa de Feijóo foi lanzada na súa xeira de presentación do programa popular nas sete cidades de Galicia. O martes, no acto de Santiago, chegou a prometer que en 2021, un ano despois do remate da lexislatura para que agora se celebran as eleccións, Galicia terá “o mellor Xacobeo da historia do país”.
Mentres, este mércores destacados populares moveron nas redes sociais un chamamento para que os seus posibles votantes non deixen de facelo pola posibilidade de que o 25 de setembro, data das eleccións, teñan que vendimar. “A vendima é moi importante pero o teu futuro e o de Galicia tamén, recorda que tes ata o día 15 de setembro”, di a mensaxe, acompañada de información sobre os trámites e prazos para poder votar por correo.