O 7 de setembro de 2016, dúas semanas antes das eleccións autonómicas nas que revalidou por terceira vez a presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo prometeu un parque acuático para Ourense. Dous anos despois, sen que neste tempo se volvese saber daquela promesa, o Goberno galego vén de desempoala achegando futuros novos pasos do proxecto ás eleccións municipais do ano próximo pero limitando de momento a proxección mediática que adoita darlle a decisións de menor calado. A oposición aos populares en Ourense, pola súa banda, critica a pouca ambición do proxecto, que se limitaría a unha mellora das instalacións deportivas con piscinas xa existentes en Monterrei, no concello de Pereiro de Aguiar veciño da capital provincial.
O Goberno galego limítase a asegurar que a finais deste ano contará só cun estudo de viabilidade sobre o que foi considerado hai dous anos como o principal compromiso do PP para a provincia
Cando na campaña das autonómicas Feijóo anunciou, acompañado polo presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, que a Xunta e a institución provincial impulsarían un parque acuático no complexo deportivo de Monterrei, no que xa hai varias piscinas, todos os medios locais coincidiron en destacar a promesa como a principal das enunciadas daquela para a provincia. Porén, pouco tempo antes boa parte da clase política ourensá tomaba a broma esa mesma idea cando a propuña o populista e popular líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, cuxos oito concelleiros na corporación municipal están a supor unha dor de cabeza constante tanto para os gobernos local e provincial do PP como para o resto da oposición. Jácome, menosprezado habitualmente polos populares, chegou a ironizar hai un tempo nun pleno no que se debatía outra cuestión coa posibilidade de que Baltar acabase prometendo “o monorraíl dos Simpson”, en referencia a un capítulo da serie de animación na que un estafador convence ao pobo da necesidade de construír semellante medio de transporte malia que non tivese utilidade.
Tras a promesa de Feijóo de que faría o parque que Jácome viña reclamando, este apresurouse a felicitar ao líder popular: “En Democracia Ourensana sentimos o que se coñece como o orgullo do mestre. E ríanse de nós cando propuxemos a idea”. Pero tras aquela promesa, nada máis se volveu saber do proxecto.
A Xunta graduou a proxección mediática do seu anuncio de que está avaliar a viabilidade do parque acuático
A menos dun ano de novas eleccións municipais, este verán Democracia Ourensana volveu insistir en varias ocasións coa súa vella idea e este luns, á fin, a Xunta deu o primeiro paso público tras aquela promesa de Feijóo de hai dous anos. A Secretaría Xeral para o Deporte emitiu unha nota de prensa na que informou de que a súa titular, Marta Míguez, “acompañada por técnicos da Xunta e por unha consultora especializada no deseño de parques acuáticos”, visitara esa mesma mañá o complexo deportivo de Monterrei. A visita non foi incluída, como adoita facerse, na axenda de actos previstos dos cargos da Xunta para ese día. E a propia nota de prensa posterior non foi distribuída nin incluída na web da Xunta co resto de notas de prensa do Goberno galego, o que lle restou visibilidade no conxunto de Galicia pero non en Ourense, onde o parque é agora unha baza electoral empregada pola maioría dos partidos.
No seu comunicado o Goberno galego limitábase a sinalar que haberá que “reorganizar” a parcela actual do complexo deportivo de Monterrei e aseguraba que baralla “un investimento próximo aos 6 millóns de euros e unhas dimensións ao redor dos 35.000 metros cadrados”, cifras que “serán cuantificadas definitivamente de acordo ao resultado do estudo de viabilidade, que será presentado á Secretaría Xeral para o Deporte antes do remate do presente ano”. Isto é, a finais deste ano só se saberá se a Xunta ve viable ou non acometer o que Feijóo prometeu hai dous anos, limitando así as posibilidades temporais de que a promesa sexa unha realidade durante esta lexislatura autonómica. Pola contra, ese novo paso daráse moito máis preto das eleccións municipais de maio do ano próximo.
Jácome considera "ridículo" o investimento de 6 millóns de euros previsto pola Xunta e o PSdeG di que o Goberno galego vai limitarse a reordenar a parcela deportiva actual co que o resultado será unha "charca" máis pequena que o parque acuático de Cerceda
O xeito da Xunta de recuperar a promesa e os datos que facilitou xa fixeron que a oposición amose as súas dúbidas sobre a intención real do Goberno galego. De entrada, Jácome xa salientou a “extraña causalidade” de que o anuncio do Goberno galego se produza despois de que el mesmo recuperase este verán esa vella reclamación. Para o líder de Democracia Ourensana, o investimento previsto é “ridículo” e non permitirá acometer un proxecto da envergadura do que el propón.
Pola súa banda, o PSdeG puxo o foco nas dimensións e salientou que a Xunta pretende limitarse a reordenar os espazos xa existentes no recinto deportivo de Monterrei sen gañar novos terreos, co que o parque acuático sería ao seu ver máis pequeno que o outro único recinto similar existente en Galicia, o de Cerceda. Será, din os socialistas, “unha charca”.
Imaxe promocional do parque acuático de Cerceda [Foto: Aquapark Cerceda]