Votarías por unha persoa que chama prostituta á candidata do BNG en Ourense?

Gonzalo Pérez Jácome, cabeza de lista de Democracia Orensana, nun pleno © Democracia Orensana

“Que pasaría se dixera que é unha persoa que traballou cinco anos nunha barra americana como prostituta?”. O candidato de Democracia Orensana, Gonzalo Pérez Jácome sorprendeu no debate electoral organizado este xoves por La Región con esta intervención dirixida á cabeza de lista do BNG, Susana García. Aparentemente Pérez Jácome estaba molesto coas declaracións de García, que o día anterior afirmara que "Jesús Vázquez e o Partido Popular xa pactan un posíbel goberno con Democracia Ourensana para despois do 24-M". Un ruxe-ruxe que de dende o comezo da campaña vai crecendo na campaña e que semella non gustar á formación, que en varias ocasións se negou a aclarar se, ante a ausencia de maiorías absolutas, apoiarían a algún outro candidato. "De non existir maiorías absolutas, deberíamos pactar con quen respectase o noso programa electoral" é a resposta máis repetida por DO, a quen as enquisas auguran un crecemento, podendo ser decisiva para a conformación de maiorías.

Susana García pregunta a Jesús Vázquez “se estaría disposto a chegar ao goberno pactando con Democracia Ourensana, cun candidato que practica a violencia machista"

No debate deste xoves Pérez Jácome lanzou esta pregunta sobre Susana García, despois de cualificala de “mosquita muerta” e “mala persoa”. A intervención do candidato foi inmediatamente criticada pola aludida e por varias persoas dende o público e este venres o BNG publica un comunicado no que cualifica de "intolerables" este ataques machista. “Non é un insulto a Susana García candidata do BNG, é un insulto a todas a mulleres que estamos en política e ao conxunto das mulleres, e queremos facer un chamamento a toda a cidadanía de Ourense para que reflexione se unha persoa que exerce a violencia machista insultando as mulleres pode ter representación no Concello de Ourense”, afirma a propia Susana García.

"Alarmámonos cando hai un morte por violencia de xénero, pero a violencia de xénero empeza polos insultos, estamos fartas de que se nos insulte impunemente, non aceptamos unha machistada máis”

García fixo un chamamento aos candidatos do PP e do PSOE para que “expresen a súa condena” ante estes insultos machistas e pregunta a Jesús Vázquez “se estaría disposto a chegar ao goberno pactando con Democracia Ourensana, cun candidato que practica a violencia machista". “Queremos pedirlle ás mulleres de Ourense, pero tamén aos homes, que non voten a unha persoa que nos insulta a todas. Non BNG non o imos permitir e seguiremos loitando pola igualdade”, engadiu.

A candidata fixo estas declaracións arroupada polas deputadas Tereixa Paz e Carme Adán, que se preguntou “que democracia é esta que se permite insultar ás mulleres". "Alarmámonos cando hai un morte por violencia de xénero, pero quero dicir que a violencia de xénero empeza polos insultos, estamos fartas de que se nos insulte impunemente, non aceptamos unha machistada máis”, concluíu Adán.

 

"Total rexeitamento" de Ourense en Común

Tamén Ourense en Común manifestou o seu "total rexeitamento" ás palabras de Pérez Jácome

De igual xeito, Ourense en Común manifestou o seu "total rexeitamento" ás palabras de Pérez Jácome, pois "dende Ourense en Común entendemos que a dialéctica política, como espazo de representación e pedagóxico para a sociedade, non pode dar acubillo á violencia verbal machista". "O debate para a toma de decisións nunha comunidade debe partir do respecto, as boas formas, a empatía, o entendemento e a procura do consenso escoitando sempre a pluralidade de opinións como exemplo dunha sociedade que tamén é plural. As agresións verbais, sexan do tipo que sexan, agochan o carácter autoritario dos seus emisores e atentan contra o principio democrático fundamental que debería rexer calquera organización política", engadiron.

Gonzalo Pérez Jácome, cabeza de lista de Democracia Orensana, nun pleno © Democracia Orensana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.