A portavoz nacionalista di que o BNG presentará “as propostas de goberno que teríamos para sacar adiante Galiza”
Tras o discurso de investidura de Alfonso Rueda deste martes, e á espera de que o xoves os grupos da oposición poidan darlle réplica na Cámara antes da votación, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xa fixo unha primeira valoración. Segundo a nacionalista, o de Rueda foi “un discurso autocompracente, desapegado dos problemas que ten a cidadanía e sen ningunha idea de futuro”. Con el Pontón deu por iniciada “a conta atrás para o cambio galego, unha conta atrás na que o PP é cada vez máis o pasado e o BNG representa o futuro”.
A portavoz do BNG avanzou que “fronte á falta de proxectos e alternativas, o BNG presentará as propostas de goberno que teríamos para sacar adiante Galiza da maior crise de prezos” que se está a vivir na actualidade.
Pontón tamén criticou que tras a dimisión de Feijóo “o PP decidiu non convocar eleccións”, pero engadiu que “en todo caso non tardará moito en que esa cita sexa inevitable e estou convencida de que os galegos e as galegas deixarán atrás” os gobernos populares.
Os galegos, asegurou Pontón, “abrirán un tempo novo”, dixo, afastado da “política en branco e negro” do PP. Unha nova xeira “que abra as portas á ilusión, á esperanza e á Galiza de ilusión e de cores que representamos desde o BNG”.
Tras estas primeiras valoracións ante os medios de comunicación ás portas do hemiciclo, o BNG divulgou un vídeo de Pontón no exterior do Parlamento no que se dirixe directamente á cidadanía galega, á que apela: “O cambio galego es ti, e xuntas somos imparables”.