Formoso di que a intervención de Rueda foi "retro" e "falta de ilusión, dunha mensaxe de futuro"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ás portas do hemiciclo xunto co portavoz parlamentario, Luis Álvarez CC-BY-NC-SA PSdeG

O líder do PSdeG pide “que o modelo económico de Galicia teña algo máis que o Camiño de Santiago”

“Un discurso absolutamente autocompracente, falto de ilusión, dunha mensaxe de futuro a Galicia”. Esa foi a valoración que fixo este martes do discurso de investidura de Alfonso Rueda o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ao seu remate. Así o dixo aos medios de comunicación ás portas do hemiciclo do Parlamento, no que non é deputado, polo que a réplica ao popular por parte dos socialistas correrá o xoves por conta do seu portavoz parlamentario, Luis Álvarez.

Este martes Formoso asegurou que Rueda “manda unha mensaxe que nos parece doutra época, retro, onde repite continuamente ‘familia, traballo, xuventude’, unha xuventude á que a única mensaxe que se lle ofrece é de bonificacions nos albergues e 12.000 prazas nos campamentos de verán”. Pola contra, o socialista reclamou que no Parlamento “se fale das oportunidades laborais do futuro, en que van estar baseadas esas oportunidades”.

O secretario xeral do PSdeG lamentou que no discurso deste martes “non se falou para nada de investigación, de ciencia”, e reclamou “que o modelo económico de Galicia teña algo máis que o Camiño de Santiago, que é unha parte importante pero non vai garantir oportunidades claras de futuro á xuventude galega”.

Tamén este martes, e á espera da súa intervención o xoves xunto cos grupos da oposición, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cualificou o discurso de Rueda como “acaído e que garante a estabilidade política de Galicia”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.