Rueda presenta o segundo programa de goberno da lexislatura para que o Parlamento o faga presidente o xoves

Alfonso Rueda nunha comparecencia no Parlamento nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O candidato popular chega á súa elección tras unha campaña interna de críticas á oposición e promesas de continuísmo do legado de Feijóo

O martes 1 de setembro de 2020 Alberto Núñez Feijóo expuxo no Parlamento o que pretendía ser o seu programa de goberno para esta XI Lexislatura da Cámara galega, unhas propostas de políticas a desenvolver no seu cuarto mandato marcadas polas urxencias da pandemia do coronavirus e sen grandes proxectos a longo prazo. 20 meses despois, sen chegar aínda á metade da duración máxima que pode ter a lexislatura, este martes 10 de maio Alfonso Rueda exporá o segundo programa de goberno da mesma, co que o xoves será elixido sexto presidente da Xunta tras a histórica dimisión do seu antecesor.

O debate da investidura de Rueda preséntase coa expectativa de que novos proxectos pode ofrecer o popular para Galicia despois de que a campaña interna que vén de desenvolver para facerse coa presidencia do PPdeG deixase unha sucesión de mitins centrados en criticar á oposición e prometer continuísmo a respecto da xestión do seu antecesor.

O Regulamento do Parlamento de Galicia establece que para a elección dun novo presidente da Xunta “o candidato proposto expoñerá, sen limitación de tempo, o programa político do Goberno que pretende formar, e solicitará a confianza da Cámara”. Iso será o que ocorra este martes, a partir das 9.30 horas da mañá. E o xoves, un “mínimo de corenta e oito horas” despois, o que se estima arredor das 11.00 da mañá, será o momento no que os grupos parlamentarios expoñan as súas consideracións. A continuación, contra as tres da tarde, novamente hora estimada, será a votación e elección de Rueda como presidente da Xunta cos votos xa anunciados a favor do PP e en contra de BNG e PSdeG.

Esta XI Lexislatura será a segunda da historia da autonomía na que o Parlamento escoitará por dous veces senllos programas de goberno. A primeira vez ocorreu na II Lexislatura, cando tras a investidura inicial en 1985 de Gerardo Fernández Albor a moción de censura que o apartou da Xunta en 1987 implicou na súa defensa por parte do seu sucesor, o socialista Fernando González Laxe, a presentación implícita do seu propio programa de goberno alternativo. Desta volta, como daquela, tamén haberá dous presidentes na mesma lexislatura, pero por primeira vez será tras a dimisión voluntaria dun, e non pola censura do precedente.

Feijóo durante a defensa do seu programa de goberno para esta XI Lexislatura o 1 de setembro de 2020 © Parlamento de Galicia

Na defensa do seu programa de goberno hai 20 meses Feijóo xa propuña "estabilidade e moderación" para esta lexislatura "máis aló de siglas e candidatos"

O primeiro programa de goberno desta XI Lexislatura que expuxo Feijóo en setembro de 2020 xa parecía aventurar o que pasaría nas últimas semanas. "Máis aló de siglas e candidatos, estabilidade e moderación son os principais vencedores das eleccións que conforman este Parlamento", dicía daquela un Feijóo que centraba a súa intervención na xestión da pandemia, especialmente no eido sanitario, que definía como a súa “máxima principal vocación e compromiso”, e en reprochar todo tipo de decisións ao Goberno central. Porén, máis alá da xestión o seu discurso non incluíu ningún gran proxecto de futuro, con vagas referencias a “unha Galicia máis familiar, máis verde, máis innovadora e máis aberta".

20 meses despois, as poucas pistas que foi deixando Rueda nas últimas semanas a respecto do que fará como presidente da Xunta poden atoparse na súa xira de mitins internos para facerse coa presidencia do PPdeG. Unha campaña que centrou en prometer a continuidade do legado de Feijóo e en criticar a BNG e PSdeG. E o mitin de peche desa xira deste pasado domingo en Vigo preséntase como bo resumo.

Rueda o domingo en Vigo no mitin de peche da súa campaña interna para facerse coa presidencia do PPdeG © PPdeG

Na súa xira de mitins internos Rueda puxo o foco máis no reto da "quinta maioría absoluta" que no que queda da lexislatura ata que el mesmo decida convocar novas eleccións, como moi tarde no verán de 2024

Na cidade cos peores resultados desde hai anos para o PPdeG o inminente novo presidente da Xunta puxo o foco non tanto no que resta de lexislatura como no “reto da quinta maioría absoluta” consecutiva para os populares. Pero tamén lamentou “non poder contar cun PSdeG que sempre acaba elixindo o non” e, malia á súa propia traxectoria en cargos públicos e a levar 13 anos como deputado, cargou contra “un nacionalismo cuxa líder permanece sempre á contra e que, logo de 18 anos no Parlamento, pretende convencer á xente de que ela é o futuro por descubrir”.

Este martes Rueda terá a obriga de expoñer o programa político co que quere gobernar, no que se poderá comprobar o grao de continuísmo ou ruptura cando menos verbal a respecto do que quere facer na Xunta ata que el mesmo decida convocar novas eleccións, como moi tarde no verán de 2024.

Rueda o domingo en Vigo no mitin de peche da súa campaña interna para facerse coa presidencia do PPdeG © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.