Fálase | De onde vén Rueda e a celebración da intimidade

Alfonso Rueda, nunha imaxe da súa etapa como secretario xeral do PP, e Blanco Palamera no seu novo disco, 'Intimidade' CC-BY-SA PPdeG | Foto Blanco Palamera: © Sharon López | Imaxe Fálase: © Isabel Vila

Hai menos de dous anos  Alberto Núñez Feijóo tomaba posesión por cuarta vez como presidente da Xunta. E foi a derradeira. Agora, neste maio de 2022, temos un novo candidato do PP á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, que ten asegurada a elección cos 42 escanos que os populares conseguiron tras aquela campaña na que, como nas anteriores, as siglas do partido eran minúsculas, case imperceptibles nos carteis do PP. O que figuraba en grande era a palabra Feijóo e en segundo lugar, Galicia

Neste décimo terceiro episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, imos tentar coñecer un pouco máis a quen será o sexto presidente da Xunta, o primeiro en chegar ao poder despois da dimisión do anterior titular do cargo, un home de partido, tamén o antigo xefe de campaña de Feijóo. Facémolo da man de David Reinero, que hai poucos días publicou en Praza.gal un completo perfil do vindeiro líder dos conservadores galegos.

As ligazóns familiares que o unen coa desaparecida Alianza Popular, os seus curmáns con altos cargos nos gobernos de Rajoy ou os seus postos na Xunta de Fraga son algúns dos aspectos que repasamos nunha biografía persoal e política dun Rueda que, ao contrario de Feijóo, comezou a súa andaina nas filas da dereita dende as Novas Xeracións do PPdeG. Ese perfil de home de partido pesou tamén na súa chegada á secretaría xeral da formación en 2006, da man de Feijóo.

Declaracións de Alfonso Rueda sobre Touriño en xuño de 2008, na súa etapa como secretario xeral do PPdeG

Dende a secretaría xeral empregouse a fondo na oposición ao Goberno de PSdeG e BNG, e dende ese mesmo posto, pero tamén dende a Consellería da Presidencia, ocupouse de que socialistas e nacionalistas tardasen todo o posible en levantar cabeza tras perderen o poder. Asemade, a el correspondeulle vender politicamente algunhas das decisións máis controvertidas daquel primeiro Goberno de Feijóo, coma o primeiro retroceso á protección legal do galego na historia da autonomía. Non en van, fora el tamén quen encabezara a delegación do PPdeG na manifestación preelectoral da asociación denominada Galicia Bilingüe.

De Ortiga e Pili Pampín ao novo de Blanco Palamera

'Pelear', de Blanco Palamera

Neste Fálase número trece buscamos tamén o que se fala en VINTE. Arrecende xa a vésperas de verán e nótase en músicas coma o que vai ser un dos hits do verán, a versión cumbia do popular Eu chorar, chorei que gravaron Ortiga e Pili Pampín na emblemática discoteca La Luna. 

Con María Yáñez, directora de VINTE, repasamos os principais temas da revista nos últimos días, nos que volve haber moita música. Entre o máis novo destaca a "celebración da intimidade" que trae consigo o novo de Blanco Palamera.

Nos últimos días tamén atopamos en VINTE a Voces de ultratumba. Aproveitando unha exposición fotográfica lévannos de volta á movida viguesa e, máis concretamente, á primeira banda punk galega composta integramente por mulleres. A videocreación máis actual con Theresa P. Lousame ou os novos episodios do Café Derby 21, con Tamara Pazos e Lucía Regueiro están tamén presentes nun repaso por VINTE que, ademais, nos deixa algunhas posibles sorpresas para as vindeiras semanas.

Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast, en Podgalego e, agora, tamén en Spotify.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.