O Goberno galego culmina a súa reestruturación tres meses despois das eleccións do 18 de febreiro achegándose ao número de altos cargos que había no goberno de coalición de PSdeG e BNG
Coa publicación o 27 de maio no Diario Oficial de Galicia das novas estruturas das consellerías da Xunta pode darse por completada tres meses e medio despois a reorganización do Goberno galego tras as eleccións do pasado 18 de febreiro. Unhas mudanzas que supuxeron mover competencias entre consellerías, aumentar a discrecionalidade no nomeamento político das novas direccións territoriais ou ampliar o número de departamentos e altos cargos da administración xeral da Xunta, á que Rueda vén de sumar unha consellería máis, ata un total de 12, tras separar Educación e Cultura, e novas secretarías e direccións xerais.
Feijóo chegou á Xunta hai quince anos prometendo unha redución de altos cargos coa que cumpriu inicialmente na administración xeral, pero ao tempo impulsou a creación de novos entes paralelos, fundamentalmente axencias, como a de Infraestruturas, a de Modernización Tecnolóxica (Amtega) ou a de Innovación (Gain), con altos cargos equivalentes aos da propia administración e cun aumento significativo do seu orzamento para soldos.
Se só se teñen en conta os altos cargos da administración xeral que a Xunta recoñece na súa web de transparencia, no novo goberno son un total de 81: o presidente, 12 conselleiros e conselleiras e 68 secretarías xerais e direccións xerais.
Son cinco postos menos que as 73 secretarías e direccións que había no comezo do goberno de coalición de PSdeG e BNG, sen ter en conta as estruturas das axencias e entes paralelos. Pero son unha vintena máis que os que había hai unha década. En 2016 eses postos da segunda liña da Xunta eran 52, e en 2020 xa aumentaran a 57. Igual que tamén foi aumentando o número de conselleiros e conselleiras, que con Feijóo comezaron sendo 10 para reducirse en 2011 a 8, e aumentar despois a 10 en 2015, 11 en 2020 e 12 agora, fronte aos 13 que había no anterior goberno de coalición.
Os responsables de Exteriores, Urbanismo e Universidades seguen a ser os mesmos que co primeiro Goberno de Feijóo de 2009
Dos actuais 81 altos cargos, só oito se manteñen na Xunta desde a chegada de Feijóo á presidencia. Se descontamos ao propio presidente, daquela conselleiro, e ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, nomeado en 2009 director xeral de Orzamentos, hai só tres altos cargos que se manteñen no mesmo posto -aínda que con variacións de competencias ou rango neste tempo- e outros tres que mudaron de posto pero seguen tendo esa mesma consideración.
Desde 2009 é director xeral de Relacións Exteriores Jesús Gamallo, que xa era alto cargo con Manuel Fraga desde 1999 e chegou a ser secretario xeral desa mesma materia. Tamén se mantén no posto desde hai 15 anos Encarnación Rivas, agora directora xeral de Urbanismo e que nestes anos chegou a ser secretaria xeral desa área. Igualmente 15 anos leva á fronte das competencias en materia de Universidades o secretario xeral José Alberto Díez de Castro.
Tamén é alto cargo desde 2009 Beatriz Cuiña, que acompañou sempre a Rueda primeiro como secretaria xeral da Consellería de Presidencia ou da Vicepresidencia e agora como secretaria xeral da Presidencia da Xunta. Neste tempo tamén mudaron de posto pero sen deixar de ser altos cargos Anxo Lorenzo -secretario xeral de Política Lingüística entre 2009 e 2012, secretario xeral de Cultura ata 2018, e director xeral de Políticas Culturais desde aquela- e José María Barreiro, director xeral de Función Pública ata agora, que vén de ser nomeado director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.
Hai altos cargos que aínda que non están no posto de xeito ininterrompido desde 2009, xa ocupaban cargos con Fraga, como o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete
Outros altos cargos actuais non levan nos seus postos desde 2009 de xeito ininterrompido, pero poden ser tan ou máis veteranos porque xa ocupaban cargos na Xunta de Fraga, como ocorre co xa mencionado Gamallo en Exteriores. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, foi nomeado director xeral desa área en aio de 2003, coa chegada do bipartito marchou á Comunidad de Madrid, recuperouno Feijóo en 2009, foi presidente do Consello Superior de Deportes en 2016 e foi recuperado novamente para a Xunta tras a caída do Goberno de Mariano Rajoy en 2018.
María del Carmen Bouso Montero, agora secretaria xeral técnica de Medio Ambiente e Cambio Climático, foi directora xeral de Recursos Mariños de 2003 a 2005. Marisol Díaz Mouteira, agora directora xeral de Patrimonio Natural, era ata agora deputada tras ocupar outros cargos na Xunta de Feijóo e fora delegada provincial de Xustiza na Coruña ata 2005. E José Ramón Pardo Cabarcos, agora secretario xeral Técnico de Economía e Industria, era con Fraga secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública.
Tras estes veteranos dos altos cargos, varias das persoas que agora ocupan secretarías ou direccións xerais estaban con Fraga ou mesmo co goberno de PSdeG e BNG en xefaturas de servizo ou subdireccións xerais.