Remuda completa da cúpula do Sergas tras o cambio de conselleiro

Reunión do Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

En total o Consello da Xunta aprobou 16 nomeamentos en diversas consellerías que se suman ás mudanzas xa aprobadas a semana pasada

O Consello da Xunta deste luns aprobou unha completa remuda da cúpula do Sergas logo do nomeamento dun novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ata agora xefe de Oncoloxía Radioterápica do Clínico de Santiago. Unha remuda que se suma ao declarado desexo de Rueda de que o Sergas estea máis directamente controlado desde a Consellería de Sanidade. En total, o Goberno galego mudou 16 altos cargos de diversas consellerías que se engaden ás mudanzas xa aprobadas no Consello da semana pasada.

Da Xerencia do Sergas sae Estrella López-Pardo e é substituída por José Ramón Parada Jorgal, que era ata agora director do distrito sanitario do Barbanza. Da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria sae Jorge Aboal e é substituído por Alfredo José Silva Tojo, que era subdirector xeral de Envellecemento Activo na Consellería de Política Social. Da Dirección de Recursos Económicos sae María Jesús Piñeiro Bello e é substituída por Amparo Pousada Soliño, que era vicesecretaria xeral na Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta. E da Dirección de Recursos Humanos do Sergas sae Ana María Comesaña e é substituída por María Mar Pousa Cobas, que era xefa de sección nese mesmo departamento.

A ata agora xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, durante a súa toma de posesión en agosto de 2022 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Outro nomeamento significativo deste luns é o da nova directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, área que vén de crearse dentro da Consellería de Medio Ambiente e que asume funcións que antes estaban na Consellería de Economía e Industria. Para este departamento recupérase a Paula Uría Traba, ligada na súa carreira profesional a Industria, onde foi ascendendo con responsabilidades en áreas enerxéticas e recursos naturais ata que en 2022 chegou a ser nomeada secretaria xeral. Porén, meses máis tarde veríase rebaixada a subdirectora xeral de Residuos. E agora, coa transferencia das competencias en materia de enerxía a Medio Ambiente, Uría volve a ser a persoa elixida para asumir esa responsabilidade.

Nesa mesma Consellería de Medio Ambiente cesa tamén María Teresa Gutiérrez como directora de Augas de Galicia e é nomeado Roi Fernández Añón, ata agora director de Portos de Galicia.

E a ata agora directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Sagrario Pérez Castellanos, é substituída por Ramón Martínez Boga, ata agora funcionario no Concello de Vigo.

Sandra Vázquez, ata agora secretaria xeral de Igualdade, será directora de Relacións Institucionais CC-BY-SA Xunta de Galicia

A anterior Secretaría Xeral de Igualdade é agora dividida en dúas direccións xerais, de Igualdade, con quen ata agora era responsable das redes sociais de Alfonso Rueda, e de Violencia de Xénero, cun maxistrado á fronte

No que era a anterior Secretaría Xeral de Igualdade, agora dividida en dúas direccións xerais, de Igualdade e de Loita contra Violencia de Xénero, tamén chegaron este luns os nomeamentos. A directora xeral de Igualdade será María Quintiana, quen ata agora era a responsable de redes sociais de Alfonso Rueda, mentres que o director de Loita contra a Violencia de Xénero será Roberto Barba, ata agora maxistrado especializado nesa materia nos xulgados da Coruña. Pola súa banda, quen ata agora era secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez Domínguez, pasa a ser directora xeral de Relacións Parlamentarias, posto no que substitúe a Blanca García-Señoráns.

Na Dirección Xeral de Xuventude cesa Cristina Pichel e é nomeada Lara Meneses Álvarez, que foi candidata do PP en Tomiño. Como directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro cesa unha das máis veteranas do Goberno galego desde a chegada de Feijóo en 2009, Susana Rodríguez Carballo, que é substituída por Marta Villaverde Acuña, ata agora subdirectora xeral de Valorización dos Produtos do Mar.

Entrada principal da sede central da Xunta en San Caetano © Xunta

Ademais, o Consello deste luns nomeou á fronte da nova Oficina de Coordinación Económica da Presidencia da Xunta, co rango de secretario xeral, a Juan Carlos Reboredo Nogueira, catedrático de análise económica da USC. E na Axencia Tributaria de Galicia cesa como directora María Victoria González Vázquez e é nomeada Sonia Lanfot Sendino, ata agora xefa do departamento de Xestión na mesma axencia.

Igualmente, en Medio Rural é nomeado Juan José Cerviño Varela -ata agora secretario do Fondo Galego de Garantía Agraria- novo director xeral da Política Agraria Común e Control da cadea alimentaria, e en Emprego a nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social será Marta Mariño Regueiro, elixida deputada do PP nas pasadas eleccións galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.