A terceira vida da "oficina económica" da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, conversa co presidente da patronal CEOE, Antonio Garamendi, en presenza do arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, nun encontro empresarial organizado pola Arquidiocese compostelá, este 12 de abril CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Nos últimos días a Xunta publicita nalgúns medios de comunicación a súa Oficina Económica baixo o lema Desburocratizar. A publicidade conduce ao sitio web da Oficina Económica de Galicia, que inclúe diversa información e guías para a implantación de empresas en Galicia, co foco posto nos proxectos industriais financiados con fondos europeos de recuperación. Dá acceso, asemade, a un servizo de consultas co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que á súa vez inclúe esta oficina entre as súas áreas de xestión.

No debate de investidura Rueda anunciou a creación dunha "oficina económica" dependente da Presidencia chamada a "coordinar" proxectos empresariais e "axilizar a xestión dos fondos europeos"

O termo "oficina económica" volveu saír á palestra nun dos escasos anuncios concretos lanzados polo presidente electo da Xunta, Alfonso Rueda, na xornada final do debate de investidura. No seu novo gabinete, cuxo Consello será público este domingo, existirá unha "oficina económica" dependente da Presidencia que se vai encargar de "coordinar todos os proxectos estratéxicos, miralos en tempo real e con lupa" para que "non se perda unha soa oportunidade". Un departamento "moi importante" tamén "destinado a axilizar a xestión dos fondos europeos".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un intre do debate de investidura, este 11 de abril no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A descrición bosquexada por Rueda suxire que a devandita oficina non é a mesma que a que xa existe. Pero, non obstante, resulta obvio que tería competencias lindeiras, redundantes, complementarias ou superpostas coa actual Oficina Económica de Galicia, que todo apunta que iniciará a súa terceira vida na nova lexislatura.

A actual Oficina Económica de Galicia existe dende o pasado 1 de xaneiro, cando entrou en vigor a reforma que concentrou nela as competencias das anteriores 'Oficina Doing Business Galicia' e 'Unidade Galicia Emprende', creadas polas sucesivas leis de Feijóo presentadas como vías para atraer investimentos

A actual Oficina Económica de Galicia ten a súa orixe na controvertida Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, lanzada pola Xunta aínda con Alberto Núñez Feijóo á fronte en 2021. A norma fora presentada como un instrumento para xestionar os fondos europeos de recuperación e facilitar a implantación de empresas e tiña entre os seus preceptos a desregulación de permisos ambientais ou subvencións a empresas

Aquela lei tamén incluía (artigo 16) a creación da denominada Oficina Doing Business Galicia. Con dependencia directa "da consellaría con competencias en materia de economía e empresa", foi concibida como "órgano responsable da xestión dos instrumentos previstos nesta lei para facilitar a implantación das iniciativas empresariais, especializada no acompañamento e tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritaria". tamén no "asesoramento ás persoas empresarias para a posta en marcha e acompañamento das iniciativas empresariais".

Alfonso Rueda e a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana -actualmente en funcións-, visitando as instalacións da empresa Kauman en Ponteareas no outono de 2023 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Apenas dous anos e medio despois, durante a tramitación dos Orzamentos Xerais do 2024, o Goberno xa presidido por Rueda empregou a lei de acompañamento -instrumento que a Xunta adoita utilizar para mudar múltiplas leis e normas dun golpe- para reformular a Oficina Doing Business Galicia e convertela na devandita Oficina Económica de Galicia. Ao tempo, suprimía a denominada Unidade Galicia Emprende, creada polo mesmo Goberno galego en 2013 na primeira das súas diversas leis chamadas a atraer investimentos no país.

Á espera de coñecer o novo organigrama da Xunta, todo apunta a que a nova oficina será un órgano de coordinación e asesoramento político que convivirá coa xa existente dende principios de ano

O procedemento para crear a Oficina Económica supuxo introducir ao mesmo tempo senllas reformas nas leis de 2013 e 2021. Dende o pasado 1 de xaneiro é o "órgano responsable da xestión dos instrumentos previstos" na lei de 2021 "para facilitar a implantación das iniciativas empresariais, especializada no acompañamento e na tramitación das" mesmas, " así como do asesoramento ás persoas empresarias para a posta en marcha e acompañamento das iniciativas empresariais".

Mantendo a dependencia orgánica na consellería con competencias económicas e empresariais, a reforma especificaba que a nova Oficina Económica é tamén o "punto de contacto centralizado e singular da Xunta de Galicia para o asesoramento á empresa e ás persoas emprendedoras". Asemade, correspóndelle a "coordinación coas demais consellarías que poidan ter competencia no ámbito empresarial e ás cales, por razóns de especialidade, se lles requira a súa participación".

Cómpre agardar, en calquera caso, a que Rueda revele o novo organigrama do Goberno para coñecer os detalles dun órgano que, a priori e agás no caso dunha ata agora non prevista nova reforma legal, convivirá co existente dende o pasado 1 de xaneiro. Neste caso, a nova oficina sería un órgano de asesoramento e coordinación política máis semellante, por exemplo, á Oficina de Asuntos Económicos que é parte da estrutura da Presidencia do Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.